Noticias
-
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a autorización por parte do Consello da Xunta do convenio coa concesionaria Autoestradas de Galicia para manter conxeladas en 2024 as peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) e continuar aplicando as bonificacións activas. Deste xeito, segundo precisou, o Executivo autonómico vai destinar o vindeiro ano 5,5 M€ a estas dúas actuacións, 'beneficiando aos preto de 28.000 usuarios diarios destas dúas vías'.
-
A investigación ‘Análise da oferta da actividade comercial e demanda dos turistas e peregrinas/os en Compostela como final do Camiño’, realizada ao abeiro da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, aborda o influxo do consumo na configuración urbana comercial de Compostela, prestando especial atención ao fenómeno das peregrinacións na Ruta Xacobea e a como afecta as dinámicas comerciais. A investigación realizada por Sara María Torres Outón da UVigo baséase en 200 cuestionarios a comerciantes, hostaleiros e profesionais localizados nos eixos de entrada dos camiños, ensanche e zona vella.
-
Un informe presentado ante o Observatorio da vivenda de Galicia, órgano de carácter consultivo no que están representados promotores e axentes inmobiliarios, arquitectos e administracións locais, entre outros colectivos do sector, conclúe que en aplicación dos diferentes indicadores que propón a Lei estatal polo dereito á vivenda, a Comunidade podería chegar a ter entre un 20 e un 30% de concellos tensionados. Antes de presidir a reunión do pleno do organismo, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou que o punto principal a tratar sería o referido estudo, no que se analizan os prezos dos alugueiros ou o IPC, ademais doutros datos, co fin de clarificar a incidencia que podería ter a declaración de zonas tensionadas no conxunto de Galicia.
-
Esta exposición fai un percorrido pola historia da cidade de Ourense a través de documentos orixinais conservados no Arquivo Histórico Provincial, así como fotografías en paneis e dispositivos electrónicos procedentes doutros centros culturais e de particulares. Colaboran o Arquivo da Catedral de Ourense, a Biblioteca da Deputación de Ourense, a Fundación Cidade da Cultura, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, a Coral de Ruada, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia.
-
Por primeira vez as 4 provincias galegas presentan candidatura para contar co distintivo de Sendeiros azuis, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna. A Bandeira Sendeiro Azul premia e recoñece a recuperación e posta en valor de sendeiros e itinerarios.
-
Pistacatro, recente Premio da Cultura Galega en artes escénicas, organiza a oitava edición de D10! Encontro para a formación e innovación no circo, que se desenvolve en Santiago de Compostela ata o vindeiro 7 de decembro arredor dun programa que combina laboratorios de investigación e creación coa exhibición de espectáculos e coloquios. O Salón Teatro acollerá a primeira das seis propostas de artes circenses das que o público galego poderá gozar ata o domingo 3. O CDG acollerá tres propostas escénicas: Runa, do artista sirio-catalán Amer Kabbani; Rollercoaster, do malabarista estadounidense Wes Peden, e Nus, da catalá Cèlia Marcé.
-
O evento está declarado de interese turístico galego e o seu principal atractivo é o belén electrónico con figuras animadas, que pode visitarse ata finais de xaneiro no centro cultural José Domínguez Guizán. Do 23 de decembro ao 7 de xaneiro estará aberto todos os días, de 11 a 13 horas e de 16 a 19 horas. Durante as restantes semanas abrirá sábados, domingos e festivos pola tarde. Paralelamente, convócanse o XXXIV Certame galego de arte José Domínguez Guizán, e o Certame nacional de poesía sobre o Nadal, o Certame xornalístico Begonte e o Nadal, e o Certame de debuxo infantil sobre o Nadal, que alcanzan xa a súa cuadraxésimo oitava edición.
-
A mostra inaugurada no Museo de Belas Artes da Coruña está comisariada por Sonia Martínez, conservadora do Museo Sorolla en Madrid e contén preto de 90 pezas entre as que se inclúen óleos, debuxos, acuarelas, téxtiles e incluso xoias elaboradas polo artista e inspiradas nas súas visitas a Galicia. Trátase dunha escolma que retrata “o paso do pintor pola nosa terra e tamén a relación que tivo con persoeiros da época como Concepción Arenal”. “Isto supón unha oportunidade non só para afondar na relación de Sorolla con Galicia, senón tamén para entender como se estaba a construír a Galicia urbana de comezos de século". Ademais, tamén estarán presentes algunhas das pezas máis salientables do autor como La Romería, na que se retrata os xardíns do pazo de Vista Alegre de Vilagarcía de Arousa ou Las lavanderas de Galicia.
-
O programa Xuventude Crea 2023 premia as mellores creacións en Fotografía e Artes Plásticas. Lucia Castro Álvarez, con 'Todos levamos sal nos ollos', fíxose co primeiro posto no certame de Fotografía; mentres que Abraham Alonso Méndez, coa súa pintura 'IA 1993', venceu na modalidade de Artes Plásticas. As outras creacións galardoadas polo xurado do Xuventude Crea foron en Fotografía as seguintes: 'Ellipsism' de Iria Álvarez Liñares resultou segunda clasificada e 'Persoas' de Alejandra del Carmen Vera Echegaray quedou en terceiro lugar. Tamén houbo dúas mención de honra para Naiara Ayelen Carrazza Ibáñez por 'Paisaxes da alma' e Rodrigo Cruz Gómez, pola súa obra 'Desarraigo'.
-
A sostibilidade é un dos aspectos nos que o Goberno galego vén traballando nas últimas décadas no tocante ao Camiño de Santiago. Iniciouse este traballo co Plan Director dos Camiños de Santiago 2015-2021, e continúa, reforzado con 66 millóns de euros, no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, coa ollada posta no vindeiro Ano Santo 2027. Estes traballos xa supuxeron grandes avances en xestión ambiental, eficiencia enerxética ou hídrica, e en sensibilización de peregrinos e residentes. Entre os traballos realizados cabe destacar a posta en marcha de varios proxectos, como a catalogación do patrimonio natural e biodiversidade do Camiño, o plan de residuos da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago, a impulsión da compostaxe no rural, e outras tarefas de concienciación entre os peregrinos para a separación de residuos e uso de bolsas biodegradables axustables ás mochilas.