Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • Máis de medio cento de actividades paralelas arrouparán a grande exposición Picasso branco no recordo azul que se inaugurará este xoves no Museo de Belas Artes da Coruña e coa que reivindica a pegada galega na traxectoria do artista. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o comisionado da Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, Carlos Alberdi, xunto con Malén Gual en representación dos comisarios, ofreceron hoxe unha rolda de prensa da exposición, a única mostra da Comunidade enmarcada na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso.
  • O DOG publicou a orde da Consellería do Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, as coñecidas como axudas da PAC. Os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar a solicitude única ata o vindeiro 31 de maio, accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás entidades colaboradoras.
  • Presentouse a mostra 'Re-Visión(s). Pecho os ollos e prepárome para dar o gran salto', que pode visitarse no CGAC ata o 11 de xuño. Unha exposición que percorre o traballo multidisciplinar de Olga Mesa, figura clave da nova danza contemporánea española de finais dos 80, que foi unha precursora na investigación das relacións entre o audiovisual e o corporal, entre outros ámbitos. Olga Mesa desenvolve unha dramaturxia experimental entre a danza, a performance, o cine e a instalación e que interpela directamente ao espectador.
  • Reputados expertos e responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o 24 de marzo no Museo de Belas Artes da Coruña para participar na Xornada 'Picassiana. Os museos como centros de investigación', unha iniciativa deseñada e coordinada polo equipo técnico do Museo na que ofrecerán novas perspectivas da obra e traxectoria do pintor, como os seus vínculos coa arte alemá, o proceso creativo da súa etapa de mocidade, a súa formación literaria ou o seu paso pola Escola de Belas Artes da Coruña.
  • A nova PAC, que se aplicará de 2023 a 2027, conserva os elementos esenciais da PAC anterior, pero pasa de ser unha política baseada na descrición dos requisitos que deben cumprir os beneficiarios finais das axudas a ser unha política orientada á consecución de resultados concretos. Neste senso, búscase fomentar un sector agrícola intelixente, competitivo, resiliente e diversificado que garanta a seguridade alimentaria a longo prazo. Tamén se busca apoiar e reforzar a protección do ambiente, incluída a biodiversidade, e a acción polo clima e contribuír a alcanzar os obxectivos ambientais e climáticos da Unión, entre eles os compromisos contraídos en virtude do Acordo de París, e por último, fortalecer o tecido socioeconómico das zonas rurais.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.200, deles 249 son da área da Coruña, 116 da de Lugo, 190 da de Ourense, 128 da de Pontevedra, 199 da área de Vigo, 218 da de Santiago e 100 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 8 están en UCI, 214 en unidades de hospitalización e 978 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 690.900 persoas curadas, rexistrándose 4.086 falecementos. O número de PCR realizadas é de 4.057.419. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.634.146.
  • O 98% dos concellos galegos teñen acceso a servizos financeiros, fronte ao 60% da media española, o que converte a Galicia na segunda comunidade autónoma de España coa maior porcentaxe de concellos no que os veciños e veciñas teñen garantida o acceso a estes servizos. Estes datos mellorarán no novo prazo de adhesión aberto en febreiro ao protocolo de colaboración asinado entre o Goberno galego e a FEGAMP e dirixido a aqueles concellos que na actualidade aínda non contaban con servizos financeiros. Unha vez que remate esta segunda rolda, o 99% dos concellos galegos terán acceso aos servizos financeiros no seu territorio.
  • Guerrilla Girls. Portfolio Compleat, 1985–2016 é unha escolma da produción desde mediados dos 80 ata 2016 do colectivo Guerrilla Girls, formado en Nova York en 1985 como un grupo anónimo de artistas de acción feminista. Definida polo propio colectivo como unha mostra da “conciencia do mundo da arte”, as obras incluídas na mostra aprópianse da linguaxe visual do márketing publicitario para transmitir as súas mensaxes feministas dunha forma directa. Coñecidas por utilizar máscaras de gorilas para ocultar o rostro, as Guerrilla Girls identificáronse co nome de mulleres artistas falecidas como Frida Kahlo, Eva Hesse, Paula Modersohn-Becker, Käthe Kollwitz, Gertrude Stein ou Georgia O’Keeffe, entre outras.
  • O Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela foi o escenario da presentación da comedia Códice-K, a nova achega escénica que Ainé Producións estreará o venres 24 ás 20,30 h. no Teatro Principal, onde poderá verse tamén o sábado 25 á mesma hora. Tito Asorey e Noemi Rodríguez dirixen esta 'intrahistoria extra oficial' sobre o roubo do Códice Calixtino na catedral compostelá a partir dun texto de Manuel Cortés. As actrices Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón meteranse na pel de múltiples personaxes para ofrecer moi diferentes puntos de vista sobre esta historia. Ademais, unha DJ dará cobertura sonora e dramática á súa posta en escena.
  • Inaugurouse hoxe no Arquivo de Galicia, coincidindo co 8 de marzo, a exposición 'Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo', centrada na saúde mental abordada desde unha perspectiva de xénero. A mostra poderá verse na Cidade da Cultura ata setembro e está enmarcada na serie Mulleres Sobranceiras que cada ano se organiza con motivo do Día Internacional da Muller. A través de 57 pezas, do fondo do Hospital Psiquiátrico de Conxo transferido ao Arquivo de Galicia polo Servizo Galego de Saúde en 2012, móstrase o relato das mulleres internadas no centro, posto en marcha en 1885, por cuestións consideradas na época enfermidades mentais.