Notas
-
'Los frágiles secretos de su mente' é o título, o motivo e O fío condutor da exposición que a alumna da UVigo Pilar Casas promoveu na Fundación RAC como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano Xosé Manuel Buxán. As obras dos estudantes Ruth Vidal, Sergio Vidal, Mateo Barcia e Pepe Eiras e das egresadas Lara e Noa Castro reúnense nesta exposición efémera.
-
Ata o vindeiro 22 de xaneiro, poderá visitarse a mostra ‘A Minerva Compostelá. As súas glorias’ que recolle parte da historia da USC recreando espazos do pasado. En concreto, pode accederse á exposición situada no Colexio de Fonseca, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, de luns a sábado. Así, a antiga biblioteca evócase no denominado Salón Artesoado, cos 22 retratos que a adornaban orixinalmente no ano 1882.
-
Ramón Conde é un dos máis destacados talentos creativos galegos dos últimos anos. É autor de obras públicas como os bustos de Valle-Inclán e Alfredo Suárez Ferrín na Coruña, a de Pablo Iglesias Posse en Ourense ou de Manuel Antonio en Rianxo, entre outras. Os traballos de Conde teñen viaxado tamén a galerías de Francia, de Alemaña, de México ou de Estados Unidos.
-
'Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño' exhíbese en seis grandes contedores de barco, dos que un serve como punto de información e os cinco restantes como salas de exhibición. Participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas.
-
A área de Cultura da USC no Campus de Lugo mantén aberta a inscrición para os obradoiros e actividades promovidas ao longo dos segundo cuadrimestre do curso ao abeiro dos espazos de Fotografía, Cine e Teatro da USC no Campus de Lugo, cuxa programación inclúe obradoiros abertos de teatro, cursos de expresión fotográfica e de experiencias de creación de cine con teléfono móbil ademais de sesións formativas orientadas a pensar e contar unha serie de televisión.
-
Comeza cedo no ano a programación poética do Concello da Coruña. Este luns 3 de xaneiro ten lugar o primeiro recital de 2022, dentro da 13ª edición anual de POETAS DI(N)VERSOS. O ciclo de recitais poéticos, fundado e dirixido por Yolanda Castaño, ten lugar en día luns, unha vez ao mes no Centro Ágora da Coruña, e reúne un/ha poeta en galego xunta outro/a do resto do mundo.
-
Co obxectivo de darlle a benvida ao segundo Ano Santo deste excepcional Xacobeo e lembrar que a Porta Santa seguirá aberta durante os vindeiros 365 días, este venres 31 de decembro pola tarde a Catedral de Santiago volverá acoller un acto moi especial cheo de luz, cor e música que estará conducido polo recoñecido gaiteiro Carlos Núñez.
-
Tivo lugar a entrega dos premios aos gañadores do X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo. O galardón desta edición, na que participaron preto de 100 orixinais, foi para Lupe Gómez polo seu traballo 'Muiñeira da Pinguela'. 'O mapa do pintor', de Xurxo Alonso, e 'Os amantes', de Miriam Ferradáns, conseguiron o segundo e o terceiro premio.
-
'Liberar a música dos espazos de escoita convencionais'. Esta é a proposta de 'Vertixe 9. En paralelo', un programa de intervencións, obradoiros, conferencias e concertos que dan continuidade á novena edición do Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea e que se desenvolven nestes días en diferentes puntos de Pontevedra.
-
Un Nadal máis, as nenas e nenos de Ourense teñen unha cita coas artes escénicas na Moti, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense, que este ano cumpre a súa maioría de idade, 18 anos. A pesar da redución do seu orzamento á metade, o certame consegue volver á palestra con sete espectáculos e nove representacións, de xéneros diversos e para distintos públicos, que se desenvolverán do 27 ao 29 de decembro e o 2 de xaneiro no Teatro Principal e no campus de Ourense.