Notas
-
Máis do 50% das medidas da calidade do aire nas rúas de Santiago superan a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) para o número de partículas en aire de diámetro inferior a 2.5 micras (PM2.5), segundo o estudo Cycling with Clean Air (CWCA) realizado no 2023 pola Asociación Cívica Composcleta en colaboración coa Universidade de Santiago.
-
A Biblioteca Provincial acolleu hoxe a entrega de premios do certame #HoxeEscriboEn 2023. O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, e a deputada de cultura, Natividad González, entregaron os galardóns ás persoas gañadoras: no primeiro posto, María Luisa Vidal Collazo, por “Estou aquí”, un relato referido a Ponteceso; no segundo, Diego Fernández Fernández, por “O desencravo”, sobre Betanzos, e no terceiro María José González López, por “El pazo de Goiáns”, de Boiro.
-
A Universidade da Coruña, a través de NORMAL, o espazo de intervención cultural da UDC, e a Fundación María José Jove, a través da plataforma dixital de difusión cultural da área de Arte da Fundación María José Jove (MUV), reuniron hoxe a máis dunha trintena de artistas e axentes culturais con motivo do II Encontro: “Dentro e fóra. Arte Contemporánea en Galicia”.
-
A sala de exposicións Alterarte e o Paseo da Igualdade do campus de Ourense acollen a mostra Resalire. Con fotografía de Fuco Reyes, esta iniciativa da organización non gobernamental Igaxes forma parte da campaña #NonNosXulgues, pola desestigmatización da mocidade tutelada. A mostra parte da definición de resalire como “persoa que volve a saír” e “capacidade dun corpo para recuperar a súa forma orixinal a pesar de persistir forzas que traten de modificalo”.
-
No marco do convenio entre a Xunta de Galicia e as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela para o desenvolvemento dun Inventario Forestal Continuo da comunidade, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal traballaron no desenvolvemento de sistemas capaces de identificar e caracterizar, de forma automatizada, diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partir de imaxes por satélite.
-
O Diario Oficial de Galicia fai pública hoxe a resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas das obras da estación intermodal de Lugo. Trátase da construción da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo necesario para a estación de ferrocarril, cuxas obras foron licitadas por 20 millóns de euros.
-
Este xoves, 30 de novembro, ás 10,30 h, na Biblioteca do Instituto Gregorio Fernández de Sarria, foi presentado o libro A PARADELA DOS MÁIS NOVOS, editado polo Concello de Paradela con motivo do seu bicentenario, e no que colaboraron os alumnos do Ceip de Paradela e os alumnos de Paradela que cursan estudos nos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández.
-
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha xuntanza coa directora do centro asociado da Uned en Lugo, Ana Traseira, e co presidente do colectivo Egeria, Xulio Xiz, na que valoraron as posibles vías de colaboración para levar a cabo un proxecto cultural conxunto a desenvolver no primeiro semestre do próximo ano.
-
O campus de Ourense acolle o 6º Congreso Internacional Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación, co lema 'Ponte entre escola e sociedade'. Desenvólvese unha intensa programación na que se afonda na identificación, valoración, interpretación, transmisión e dinamización deste patrimonio a través da educación, dedicando unha especial atención aos 20 anos da aprobación da convención da Unesco de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.
-
Do 29 de novembro ao 1 de decembro o campus de Ourense acollerá o I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Xuventude do Sistema de Protección. A cita, que se celebra co gallo da conmemoración dos 25 anos do Programa Mentor, contará coa asistencia de arredor de 200 persoas e a participación de representantes de 13 universidades e de 16 entidades estatais e internacionais.