Noticias
-
O reitor da USC Antonio López e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentan dende este luns en Bruxelas o II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC, que se desenvolverá en Compostela en xuño. A comitiva mantén ata este martes encontros e reunións bilaterais con diferentes autoridades internacionais, entre eles o embaixador de México, Mauricio Escanero Figueroa; eurodiputados e embaixadores do grupo de América Latina e Caribe diante das Nacións Unidas. A finalidade é informar dos detalles do programa e avanzar nos obxectivos do encontro.
-
'Xacobeo en Camiño' é unha iniciativa pioneira que permitirá levar a programación do Xacobeo 2021 a todas as grandes vilas e cabeceiras de comarca e na que se agarda a participación de máis de 400.000 persoas. Neste marco, levaranse a cabo más de 1000 actividades deseñadas para o público infantil e familiar que inclúen iniciativas no ámbito da música, das artes escénicas e da enogastronomía, así como exposicións e obradoiros. Este programa está construído a través dun modelo de xestión cultural de vangarda, dialogado co ecosistema cultural de cada vila e baseado na descentralización, na participación e na sustentabilidade.
-
Escenas do cambio -o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura- arrancou no Gaiás con Relay, unha performance da prestixiosa coreógrafa Ula Sickle en defensa dos dereitos das mulleres. Gabada pola crítica internacional, foi a primeira vez que puido verse en España esta peza inspirada nas mediáticas e multitudinarias marchas negras de 2016, cando centos de milleiros de mulleres polacas saíron á rúa para rebelarse contras as medidas sexistas do goberno polaco. Por este motivo, a artista polaca-canadense realizou nesta peza unha coreografía colectiva baseada en portear e ondear durante máis de catro horas unha bandeira negra xigante. A obra procurou representar dun xeito simbólico os colectivos e comunidades que senten que deben estar a alerta loitando para que os seus dereitos sexan respectados.
-
A Rede Galega de Música ao Vivo desenvolverá a súa programación de 2020 en vinte salas privadas de toda Galicia como resultado da convocatoria de admisión posta en marcha a finais do ano pasado pola Agadic. As propias salas serán as encargadas de configurar as súas respectivas carteleiras ao abeiro deste circuíto de música en directo. Na relación de locais participantes figuran catro novas incorporacións á Rede Galega de Música ao Vivo respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño e Auriense de Ourense. Neste circuíto, promovido pola Xunta en colaboración coas asociacións Clubtura e Músicas ao vivo, ten cabida unha ampla variedade de estilos musicais, cun gran protagonismo dos grupos galegos.
-
As imaxes que conforman a mostra foron elaboradas pola ilustradora Pepa Prieto Puy e fan un percorrido pola vida e obra de Fernández Mazas. Deste xeito, retrata a súa vida como escritor, ilustrador, humorista e pintor. A exposición será dixitalizada e incorporada como visita virtual á web da Biblioteca de Galicia. Coa dedicación deste Día da Ilustración, Cándido Fernández Mazas súmase á lista de autores homenaxeados na que figuran xa Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Federico Ribas Montenegro. Signos dunha quimera enmárcase na programación do Día da Ilustración, que inclúe unha vintena de actividades nas bibliotecas públicas galegas co obxectivo de lembrar e reivindicar o papel de todos os profesionais da ilustración.
-
O Altantic Emprende + Gaiás abre por terceiro ano consecutivo un espazo para o encontro, o debate e a formación de profesionais, estudantes, emprendedores e empresas da industria musical. O evento, que terá lugar o 29 de febreiro na Cidade da Cultura, abrirá cun faladoiro con Brett Anderson –vocalista da banda Suede–, ao que seguirán as conferencias do deseñador Javier Mariscal e Alba Barneda, a directora de produción de CANADA, a axencia barcelonesa da que saíron icónicos videoclips musicais como o Malamente de Rosalía. Este evento forma parte da programación que impulsa a Cidade da Cultura para promover a cultura emprendedora no eido das industrias creativas galegas.
-
Escenas do cambio -o Festival de inverno, de teatro, danza e arte en acción- arranca este venres cunha programación que permitirá gozar durante esta fin de semana no Gaiás de cinco pezas que xiran ao redor da danza contemporánea e das linguaxes do corpo. O certame reunirá nestes tres días en Compostela a figuras internacionais tan relevantes como Ezster Salamon, Ula Sickle ou Leonor Leal e a creadores emerxentes galegos como Los Bravú ou Pálido Domingo. A polaca-canadensa Ula Sickle, unha das figuras de danza extrema contemporánea actual, abrirá o festival o venres 31 con Relay, unha peza que pon o foco na resistencia das mulleres na loita para defender e conservar os seus dereitos.
-
A Deputación da Coruña entregou hoxe trece premios que recoñecen obras e proxectos en distintos ámbitos da cultura, desde a literatura até as artes plásticas e visuais pasando pola música ou a promoción da lingua e a igualdade. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, presidiron o acto de entrega ás persoas gañadoras dos certames culturais. Co mar da Coruña de fondo, o acto congregou a máis de cen persoas nun auditorio composto por premiados e premiadas ademais de membros dos distintos xurados que participaron no acto de entrega das trece categorías que congregaron representantes dos principais ámbitos culturais, homenaxes tamén ás figuras da nosa cultura das que levan nome.
-
O MUMI, primeiro mercado de música e cultura que se organiza entre os territorios de Galicia e Portugal, está promovido por unha asociación de empresas, profesionais e colectivos do sector a ambas beiras do Miño, co obxectivo de crear unha ponte estable de intercambio musical entre os dous países. Nel daranse cita artistas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas ou empresas de servizos e produción para establecer novas redes de contacto e coñecer propostas diferentes en primeira persoa. A súa programación profesional incluirá actividades de formación sobre cuestións técnicas, xurídicas e de promoción, speedmeetings, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e de Portugal, e unha feira sectorial.
-
Presentouse hoxe na Coruña a estrea de Leira, o novo espectáculo de Nova Galega de Danza, cita que forma parte das 23 funcións escénicas que ofrece ata xuño na cidade herculina a Rede Galega de Teatros e Auditorios. En Leira, o corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que quere ser a celebración dunha Galicia intemporal e máxica. Os seus creadores e intérpretes transportan o espectador á dura beleza dos labores do campo, coa muller no centro desta conexión. Así, os días, as estacións e as paisaxes son habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os sucos arados na terra.