Noticias
-
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) reinicia a súa actividade coa posta en marcha da súa primeira carteleira semestral de 2020, que ata o mes de xuño lle ofrecerá ao público galego 328 actuacións escénicas e musicais en 45 escenarios de 40 localidades. A primeira delas será a que protagonizarán a coreógrafa e bailarina Janet Novás e a música Mercedes Peón o venres en Lugo co espectáculo de danza Merecedes máis eu, inserido á súa vez no ciclo Lugo en Danza. Con máis de vinte anos de traxectoria ininterrompida, a Rede Galega de Teatros e Auditorios é un dos principais circuítos para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional.
-
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso adiantou hoxe o cartel da súa décimo terceira edición, que terá lugar do 6 ao 15 de marzo. O festival, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, esténdese por vez primeira fóra da provincia de Ourense, para ofrecer na Ribeira Sacra lucense dous dos cinco concertos programados este ano. O concerto inaugural correrá a cargo da Escolanía de Segovia o 6 de marzo no Templo da Vera Cruz do Carballiño. O festival inclúe, así mesmo, as actuacións do arpista británico Andrew Lawrence King, do violinista galego José Manuel Álvarez ou do Kosmos Emsemble do Reino Unido.
-
A área de Turismo da Deputación da Coruña percorre a través dunha serie de seis vídeos os 956 km de costa da provincia, dentro da súa campaña de promoción turística. O obxectivo é difundir un dos principais recursos da provincia con imaxes do litoral desde Ortegal até Rianxo. Dando corpo ao lema da campaña de promoción turística da Deputación da Coruña "956 km de costa e un camiño infinito dan para moito", a área de Turismo difunde seis vídeos promocionais que fan un completo percorrido polo litoral da provincia desde o aire, con especial fincapé nas principais praias da costa e a paisaxe sobrecolledora dos cantís, pasando pola beleza dalgúns portos mariñeiros.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura e Turismo dedicará boa parte da súa programación de 2020 a celebrar o 10º aniversario do xurdimento do Novo Cinema Galego, etiqueta acuñada en 2010 baixo a que se agruparían moitos dos realizadores do país con maior proxección nesta última década. A primeira carteleira bimestral, que arrancará na Coruña o vindeiro martes 7 de xaneiro coa película chinesa Hasta siempre, hijo mío, alternará títulos galegos con cinema español, filmes de Kubrick, de Hitchcock e outras propostas ata completar 39 días de apertura ao público da sala de proxeccións.
-
O turismo internacional está a gañar cada vez máis peso na Comunidade galega ata rexistrar cifras nunca antes alcanzadas, con crecementos superiores ao 10% tanto en número de viaxeiros como no volume de noites. Así o constatan os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que fixan en máis de 1,4 millóns de turistas estranxeiros e preto de 2,5 millóns de pernoitas contabilizadas ata o mes de novembro. Así, a falta de computar os datos do mes de decembro, o mercado estranxeiro está a demostrar ser decisivo na positiva evolución do turismo galego en comparación co conxunto de España, onde Galicia está a ser o destino co mellor comportamento.
-
"Estamos en tempos de Nadal e aulas como esta están baleiras. Porén son un lugar axeitado para reflexionar con todos vostedes sobre a Galicia que compartimos. Esa Galicia ten nas escolas e institutos a mellor garantía de que o noso éxito colectivo vai proseguir no futuro. Sabíano os nosos emigrantes sempre preocupados por patrocinar, mediante as chamadas “escolas de indianos” unha educación que eles consideraban fundamental para o rexurdimento da nosa terra. O seu esforzo frutificou e o esforzo educativo feito pola Galicia autogobernada vén de ser avalado polo coñecido Informe Pisa, o estudo internacional máis prestixioso sobre a calidade do ensino. A nosa comunidade sitúase en cabeza das autonomías españolas en Ciencia e nos primeiros postos en Matemáticas."
-
Galicia volveu reducir no ano 2018 a taxa de risco de pobreza, ao tempo que baixou ata mínimos históricos os indicadores que miden a desigualdade de ingresos e o número de fogares con dificultades económicas, segundo mostran os datos anuais da Enquisa Estrutural a Fogares publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En concreto, a taxa de risco de pobreza ou exclusión social (indicador AROPE) de Galicia baixou por terceiro ano consecutivo en 2018, ao pasar do 20,26% ao 18,95%. É a primeira vez que este indicador baixa do 20% en toda a serie histórica, que comeza en 2011. En canto á taxa de risco de pobreza, tamén baixa por terceiro ano e sitúase no 15,51%.
-
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e a Federación Galega de Municipios veñen de asinar o acordo marco que permitirá ás entidades locais adherirse á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural. Desde principios de xaneiro e ata mediados de febreiro os municipios do rural interesados poderán realizar a solicitude de adhesión a través da Fegamp. As entidades locais interesadas en adherirse deberán presentar un proxecto, que inclúa información de zonas nas que teñen constancia de deficiencias de cobertura así como a posta a disposición dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por cuarto ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese os días 28 e 29 de decembro e 3 e 4 de xaneiro, arredor de dous espectáculos das compañías galegas Aporía Escénica e Talía Teatro precedidos de cadanseu taller. O ciclo arrancará esta fin de semana con Animal Sagrado, unha proposta dirixida por Diana Mera para público a partir de tres anos, na que se establece unha relación cos animais como seres vivos sabios e inocentes dos que temos moito que aprender.
-
Galicia superará este ano por segunda vez na súa historia os cinco millóns de turistas. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), á espera de contabilizar os últimos datos de novembro e decembro, a nosa Comunidade recibiu máis de 4,8 millóns de turistas que realizaron 10,4 millóns de pernoitas. Así pois, de manterse a evolución rexistrada ao longo dos últimos meses, este 2019 remataría superando a barreira histórica dos cinco millóns de viaxeiros, algo que só tivo lugar no 2017, cando se contabilizaron preto de 5,1 millóns de turistas.