Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O Festival Internacional Outono de Teatro baixará o pano da súa 28ª edición con dous dos éxitos da tempada escénica: a recentemente estreada Fariña, dirixida por Tito Asorey, e A.K.A. (Also Known As), a creación dramática da Sala Flyhard de Barcelona que se posicionou como un dos fenómenos teatrais na escena estatal. A.K.A., unha peza valente e comprometida escrita por Daniel J. Meyer e dirixida por Montse Rodríguez Clusella, aborda cuestións como a identidade sexual e racial a partir da historia de Carlos, un mozo de 15 anos que inicia unha relación coa tamén adolescente Claudia, e que por unha serie de circunstancias alleas ao protagonista, este relatará un periodo da súa mocidade no que treman as súas raíces.
  • No programa de actividades deseñado para esta conmemoración inclúense unha trintena de actividades de divulgación científica, espectáculos de maxia, sesións de contacontos, obradoiros, relatorios e conferencias. Todos eles, con materiais en galego, se desenvolverán na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Lugo, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Miguel González Garcés da Coruña e na Ánxel Casal de Santiago. Ademais, tamén se organizarán actividades nos centros de ensino a través das bibliotecas escolares –promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares– e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego.
  • O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua galega e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso patrimonio cultural. Os centros educativos participantes deben redactar na lingua propia de Galicia un proxecto de pescuda e de posterior divulgación dos resultados que, de ser premiado, recibe dotación para a súa execución durante o curso seguinte co apoio do Museo do Pobo Galego. O desenvolvemento do proxecto culmina cunha exposición semellante ás dúas inauguradas hoxe.
  • Comezou en Lugo a XLI Semana de Cine, que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiña. Rendeuse homenaxe ao actor lucense ANTONIO MOURELOS, publicándose un libro de Manuel Curiel, Director da Semana de Cine, na súa honra, que foi presentado no Auditorio Gustavo Freire, e que será distribuido gratuitamente entre os asistentes ás proxeccións no Auditorio. De seguido, descubríronse as duas primeiras placas do que vai ser o Paseo do Cine en Lugo, a vía central da antiga factoría Frigsa, que vai desde a Avenida de A Coruña cara ao Auditorio. A primeira foi a de Antonio Mourelos, descuberta polo actor, e logo a de Prudencia Grifell, a gran señora do cine mexicano nacida en Lugo.
  • A compañía La Quintana Teatro traerá esta semana a Santiago de Compostela Desde o invisible, a súa primeira e aplaudida produción, gañadora do premio Max a mellor espectáculo revelación en 2008 e que se representa agora en versión galega con tradución a cargo de Santiago Cortegoso. O Salón Teatro acollerá a montaxe de xoves a domingo con catro funcións para público xeral e dúas destinadas a escolares. Dirixida por Rolando San Martín a partir da dramaturxia de Irma Correa e Rubén Tejerina, Desde o invisible amosa situacións cotiás que non sempre son consideradas nin están en primeiro plano da actualidade social. A peza descubre distintas perspectivas dunha mesma realidade, o que fai que o espectador reformule o concepto do que é ser normal.
  • A arte urbana, a innovación na creación musical e as mulleres emprendedoras foron as grandes protagonistas da última xornada de Audacia, festival de artes e emprendemento. Celebrado no Museo Centro Gaiás durante as xornadas do venres e o sábado, Audacia foi todo un espazo de intercambio no que descubrir ideas e procesos de traballo que, no ámbito da arte e a creación, poñen en valor a ousadía e o risco. O encontro congregou a artistas, profesionais e emprendedores do eido cultural, da empresa ou da economía, así como a máis dun milleiro de estudantes e docentes de ensinanzas artísticas como belas artes, audiovisual, moda, creación plástica, fotografía ou música.
  • O Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario da estrea esta fin de semana de O que segue, a nova proposta da creadora Cristina Balboa, realizada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Cristina Balboa describe O que segue como “un acto de resistencia escénica a través da composición musical, o vídeo e a danza” para construír un “relato feroz” do cotiá a partir das contradicións entre a arte e a vida. A música xoga aquí un papel clave, de xeito que durante a súa creación foise xerando unha dramaturxia baseada na composición musical en vivo e no relato que sucede nese acto performativo.
  • Mileth, Costa escura, Rebezo, Adhara & Ritman e Rabuda son as cinco bandas que o xurado escolleu como finalistas para a XI edición do concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña. Nun concerto que se celebrará no mes de novembro decidirase quen será a banda gañadora das cinco que compiten na XI edición do premio Narf da Deputación da Coruña. O xurado reunido hoxe na Coruña, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, no que tamén participou a música Su Garrido Pombo, gañadora da edición anterior, escolleu as cinco bandas finalistas entre os 24 presentadas.
  • A party informática XGN R Encounter pon en marcha mañá a súa décimo novena edición, e faino superándose unha vez máis tanto en cifra de inscritos como en conectividade e número e calidade das súas propostas. Será preto dun milleiro de inscritos, fronte aos preto de 900 da pasada edición, os que tomen parte do evento na súa zona ‘Intranet’, o que supón un 12% máis. Estes dispoñerán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a gozar dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. Aprendizaxe, intercambio de experiencias e diversión serán os eixos dunha cita á que acoden tanto afeccionados como profesionais da informática, o lecer electrónico e as novas tecnoloxías.
  • O vindeiro venres 11 todas as persoas que de decidan achegarse ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza 'Despois das ondas', baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares. Despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade, do amor; despois de corenta anos, María Casares regresa á patria da súa infancia.