Noticias
-
Celebrouse no Auditorio Municipal da Cidade das Burgas a décima gala de entrega dos premios do certame de cine OUFF Escola. A que xa é décima edición do Certame de Cinema OUFF Escola outorgoulle este ano o primeiro premio na categoría de Infantil e Primaria ao traballo Agapito vai de viaxe, do CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira, A Coruña). Na categoría de secundaria, o primeiro premio de Outros niveis de ensino non universitario lle foi concedido ao IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña) pola curta Deámoslles voz. OUFF Escola é un certame de cinema convocado pola Concellaría de Cultura de Ourense e pola Consellería de Cultura e Turismo no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).
-
O centro museístico porá en marcha a segunda edición de Museo en familia, un programa de actividades que presta especial atención aos máis pequenos da casa así como aos seu contorno familiar. Neste sentido, ao longo deste trimestre conxugarase unha oferta cultural na que contacontos e artistas ofrecerán unha alternativa, musical e didáctica para os seráns. A iniciativa acollerá as actuacións musicais de Magín Blanco, Coralie Yap Chine, Mielitza, Rafa Fernández e Rosalía Cid e Juanma Varela; as sesións de contacontos O Paroleiro e Camiño de contos, e obradoiros sobre froitas e verduras, cómics ou monicreques. Tamén se realizarán percorridos guiados polo museo con contacontos e o espectáculo familiar de Xarope Tulú, Estrafalaria.
-
Carballo convértese, a partir deste venres 27 de setembro, no corazón das artes escénicas de Galicia. Esta fin de semana comeza unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, a número 28 do FIOT, unha cita que ateigará as rúas e escenarios da localidade con 38 espectáculos e numerosas actividades para todos os públicos ao longo de cinco semanas. Como adianto, o xoves 26, chegan as primeiras funcións nos centros escolares de Carballo do FioTEEN, o ciclo que achega as artes escénicas á mocidade a través de propostas singulares e espefícas para o público adolescente. O primeiro espectáculo que se representa é Por unha peseta, da nova compañía Apatacón, formada pola vocalista Faia Díaz (De Vacas ou Coro Encaixe) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa).
-
A zona proposta para a declaración aglutina en total a 18 concellos de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela) e cinco da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira). Trátase dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte do Consello da Xunta. Se a candidatura da Ribeira Sacra prospera, este territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte do organismo internacional.
-
Carmina Burana soou este sábado en galego no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Foi o primeiro dos tres concertos do ciclo Viraxes, no que as bandas populares lle dan unha volta aos seus repertorios máis tradicionais, mesturando a súa música con xéneros como a clásica, o teatro ou o circo. O concerto arrancou cun minuto de silencio de todo o auditorio en memoria das tres mulleres asasinadas esta semana en Valga vítimas de violencia machista. Precisamente o espectáculo En concerto con Carmina Burana é un proxecto da Banda de Música Municipal de Valga, dirixida por Manuel Villar Touceda–, na compaña dos solistas Esperanza Mara, Enrique Alberto Martínez e Eliseu Mera.
-
O Teatro galego ten unha nova cita no Carballiño, do 2 ao 6 de setembro, coa celebración da XXX edición do Festival de Teatro Galego (FETEGA), que ofrecerá un completo e variado programa de actividades aos asistentes. As obras de teatro que se celebrarán no Auditorio Municipal do Carballiño, ás 22.00 horas, comezarán o luns 2 de setembro coa obra "Anatomía dunha serea", da Compañía Iria Pinheiro -A Berbechería-Chévere. Como actividades paralelas, haberá animación de rúa, un coloquio de creadoras baixo o título "Arte con nome de muller", obradoiros, monólogos cómicos e actividades infantís.
-
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou no primeiro dos Venres Autónomos, encontros cos que se busca coñecer de preto a realidade deste colectivo e escoitar cales son as súas demandas
-
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destaca que esta iniciativa, xurdida ao abeiro do Xacobeo 2021, mellorará os servizos que reciben os peregrinos e buscará a fidelización dos clientes, con axudas que poden chegar ata os 2.800 euros por beneficiario.
-
A directora de Turismo de Galicia ven de participar en Lobios no acto de clausura do Congreso internacional Termalismo 2021-2027 no marco da "Semana Termatalia", no que incidiu no apoio do Goberno galego para impulsar a competitividade dos balnearios en canto á súa capacidade aloxativa e modernización.
-
Doce bandas e artistas vigueses daranse cita o vindeiro 28 de setembro en 'Vigo Emerxe', un gran concerto no Museo do Mar de Galicia que porá en valor a escena musical da cidade. O cartel de Vigo Emerxe inclúe nomes de artistas e bandas locais emerxentes e outros referentes dentro da escena cultural e musical da cidade como The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r. e. a. l., Kaixo, Laura Iturralde, Juanma Lodo, BabyKatze ou Santi Araújo. A nómina de participantes complétase cos nomes doutros músicos da cidade cunha ampla traxectoria como Pablo Novoa, exmembro da histórica banda Golpes Bajos, ou Nicolas Pastoriza, protagonista tamén da escena musical da cidade nos anos 80 dentro do grupo Bromea o qué?.