Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A Ruta dos Camiños de Santiago, a principal novidade da edición deste ano dos Trens Turísticos de Galicia, realizou a súa primeira saída co 100% de ocupación, constatando así o éxito da sétima tempada do programa deste produto turístico. Na antesala do Xacobeo 21, incorporouse esta nova ruta que permite descubrir gran parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Francés, Norte, Primitivo e Inglés. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) o itinerario achégase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de San Xulián de Samos (Camiño Francés) percorrendo así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia.
  • Empate no Premio do Público da MIT 2019. Os espectáculos A.K.A. (also known as) de Cataluña e Jauría, dos madrileños Kamikaze, obtiveron a maior puntuación nunha edición altamente satisfactoria para todos os públicos. A estrea en Galicia destes dous espectáculos non defraudou: o excepcional nivel interpretativo de Albert Salazar en A.K.A. aumenta o palmarés deste fenómeno teatral de pequeno formato que se puido ver na Igrexa da Madalena. Aos 11 premios cos que chegou este texto que fala de cuestións de fondo social coma a islamofobia ou a crise de identidade, súmaselle este rotundo aplauso do adestrado e sensible público de Ribadavia.
  • Castelao grafista é unha proposta que reúne unha ampla selección de materiais das múltiples facetas desenvolvidas por Castelao, na que se poden atopar textos, ilustracións, deseños, fotografías ou publicacións coas que achegármonos á rica e poliédrica figura do rianxeiro. Na inauguración participaron, ademais do conselleiro, o presidente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Álvaro Torrente; e o comisario da mostra, Miguel Fernández Cid. A exposición, s e comisariada por Miguel Fernández Cid, forma parte dun amplo proxecto divulgativo sobre a figura de Castelao para dalo a coñecer por medio dos Instituto Cervantes e dos centros do Ministerio de Asuntos Exteriores en máis de 110 cidades dos cinco continentes.
  • No decorrer do acto entregáronse os premios Insua dos Poetas, que este ano recaeron na xornalista e escritora María Solar, na catedrática María Victoria Carballo-Calero, en Radio Carballiño, no Centro Galicia de Bos Aires, na Asociación de Veciños da parroquia de Madarnás, no grupo empresarial Cer&Ber e na asociación fotográfica Os Potiños. Desde 2009 a Festa da Palabra homenaxeou a figura de Ramón Piñeiro (2009), Arturo Baltar (2010), Xosé María Díaz Castro (2011), Celso Emilio Ferreiro (2012), os poetas do Rexurdimento (2013), Eduardo Blanco Amor (2014), Francisco Luis Bernárdez (2015), Pura e Dora Vázquez (2016), Carlos Casares (2017) e Víctor Campio Pereira (2018).
  • A Xunta e o Concello de Santiago abrirán unha consulta ao mercado, despois de verán, para que os operadores presenten proxectos de despregamento de fibra óptica no casco histórico de Compostela, en base ao Catálogo de Solucións Técnicas aprobado recentemente polo Goberno galego. Os operadores formularán os posibles plans de despregamento baseándose nas alternativas que ofrece o Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. O documento foi presentado durante a xornada e é o punto de partida para darlle resposta á falta dun procedemento estandarizado para levar a fibra óptica aos cascos históricos.
  • LORA, The Rapants e Portland foron seleccionados como gañadores do XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM e, como parte do premio, actuarán este verán no 33º Festival Noroeste Estrella Galicia como teloneiras dos cabezas de cartel o venres 9 e o sábado 10 de agosto de 2019 no escenario da Praia de Riazor. O Festival Noroeste Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña, colabora deste xeito, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que acaba de celebrar a súa 21ª edición. O obxectivo do concurso foi fomentar a cultura musical na nosa contorna, outorgándolle valor engadido á música local. Un xurado composto por cinco profesionais do mundo da música e socios da emisora Cuac FM valorou a calidade das distintas propostas.
  • Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, retoma mañá xoves as súas actuacións de balde ao solpor con Labaq. A artista brasileira traerá á Praza Central os sons máis anovadores da música do seu país. Trátase dun dos nomes máis recorrentes na escena musical electrónica actual e con máis presenza entre os circuítos da música alternativa/pop & indie. Esta cantante, compositora, guitarrista e produtora despregará no escenario Cervezas Alhambra —patrocinadora deste ciclo— a forza e a sensibilidade que proxecta tanto na súa voz, como na súa guitarra eléctrica. A partir das 21 horas, o sol agocharase na praza exterior da Cidade da Cultura acompañado dos sons de Labaq.
  • A Cidade da Cultura de Galicia acolle o vindeiro domingo a IV edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que arredor de 590 músicos novos, de 13 formacións, interpretarán os repertorios elixidos para a ocasión. O certame incluirá un concerto da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, formada por medio cento de intérpretes pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da comunidade e dirixida por Xabier Oliveira Blanco. Para finalizar o certame, todas as formacións interpretarán de xeito conxunto o himno galego. O evento busca fomentar o encontro entre novos intérpretes, establecer vínculos que dean lugar a futuras sinerxías entre bandas, enriquecer a formación das xeracións máis novas e promover a educación na diversidade a través da música como linguaxe universal.
  • A Cidade da Cultura de de Galicia convida á rapazada de entre 10 e 13 anos a participar ao longo deste mes de xullo na súa actividade de verán 'Unha noite no Bosque', unha acampada nocturna con monitores no Bosque de Galicia, que se desenvolve os venres no monte Gaiás. O obxecto desta proposta do programa Verán no Gaiás é achegarlles ás xeracións máis novas a natureza da súa contorna máis próxima, á vez que transmitir e fomentar os valores de coidado e de respecto polo medio ambiente. A rapazada participante nas acampadas poderá descubrir e coñecer mellor a fauna e a flora dos espazos naturais do monte Gaiás, así como gozar dunha xornada de convivencia, obradoiros e xogos á luz das estrelas. Unha noite no Bosque está organizada pola Fundación Cidade da Cultura e conta co patrocinio de Viaqua.
  • A Cidade da Cultura de Galicia oferta campamentos urbanos para a cativada ao redor das dúas exposicións actuais do Museo Centro Gaiás: 'Valor e mestría. Galicia como fútbol' e 'Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia'. Trátase dunha proposta novidosa para o período que vai do 8 ao 19 de xullo e que se enxire dentro da programación de Verán no Gaiás co obxecto de ampliar e reforzar as actividades que conxuguen cultura e lecer, á vez que axuden a conciliar en épocas non lectivas. Dirixidos á rapazada entre 8 e 12 anos, os campamentos urbanos do Museo Centro Gaiás celebraranse de luns a venres, de 10 a 14 horas. Están divididos en dúas quendas temáticas.