Noticias
-
A Sociedade de Filosofía Medieval desenvolve estes días o seu congreso internacional anual que, co lema 'De amicitia. Amizade na filosofía medieval e inicios da modernidade', nesta ocasión serve tamén de homenaxe ao profesor da USC finado o pasado ano César Raña Dafonte. Na inauguración do encontro participarán o decano do centro, Marcelino Agís Villaverde; o presidente de SOFIME, José Francisco Meirinhos; o director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC, José Luis Falguera López; e o presidente do comité organizador, Martín González Fernandez. Os relatorios comezarán coa lectura por parte de Rocío Carolo do texto 'Filosofía e amizade no Medievo' da autoría de César Raña.
-
A Cidade da Cultura abrirá ao público o Xardín do Teatro, o espazo verde co que culmina a transformación do baleiro deixado polo Teatro da Música, un dos dous edificios do Gaiás que non se chegou a rematar. Este novo xardín, de 11.574 metros cadrados, conta con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques, instalacións para practicar deportes urbanos e áreas de lecer para gozar da natureza. O proxecto do Xardín do Teatro foi realizado polo estudio de arquitectura de Compostela RVR conxuntamente coa UTE Perea+Euroestudios. O deseño baséase nas ideas de diversidade e universalidade, a través dunha escolla de especies procedentes de todos os continentes, complementando así ao Bosque de Galicia.
-
Dez traballos procedentes das tres universidades galegas conforman o programa da vixésima Mostra de Teatro Universitario de Galicia que se desenvolverá no Teatro Principal e na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño. Entre os días 22 de abril e 16 de maio, sete compañías da USC, dúas da Universidade de Vigo e unha da Coruña amosarán as súas montaxes escénicas dende as 21.00 horas, con función dobre os días 14 e 16 de maio. A entrada é de balde previo paso polo despacho de entradas, aberto dende as 18.00 horas no caso do Teatro Principal e dende as 20.30 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño.
-
O acto contou coa asistencia do director da exposición Xulio Xiz e do deán da Catedral de Lugo, Mario Vázquez Carballo. A exposición está organizada polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia, dirixida por Xulio Xiz, e coordinada por Antonio Xiz e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles. A exposición está composta por 12 paneis dobres, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón de la Barca, Angel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araujo.
-
O próximo 30 de abril dará comezo a sección oficial do VIII Festival Primavera do Cine en Vigo. Nesta ocasión, para o apartado de curtametraxes, realizouse unha selección de 34 traballos divididos en tres categorías diferentes: curtas galegas, curtas lusófonas e curtas de animación. Entre as obras escollidas cabe destacar Madness de João Viana ou Altas cidades de Ossadas, de João Salaviza, ambas estreadas na Berlinale, Mariñeiro de Juan Galiñanes, unha peza documental con Celso Bugallo ou Americano, o último traballo do vigués Fon Cortizo. En definitiva, a octava edición do Primavera do Cine mostrará creacións dunha gran calidade artística.
-
A exposición amosa un total de 12 paneis que achegan ao visitante á persoa de Antonio Fraguas. Deste xeito, o panel Universo Insuela fai referencia á infancia e ao contacto que Antonio Fraguas tivo desde o berce coa cultura popular. En 'O destino non estaba escrito' preséntase un punto de xiro na vida daquel neno que parecía abocado a emigrar ao Brasil e Pontevedra, o primeiro agromar galeguista fala dos seus anos como alumno de secundaria e da decisiva influencia dos profesores que atopou na cidade do Lérez, como Castelao, Sobrino Buhigas ou Losada Diéguez. Así mesmo, 'Santiago, a cidade no corazón', aborda a súa etapa como estudante universitario, que trae o ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nas Irmandades da Fala.
-
A Cidade da Cultura de Galicia puxo o foco no importante valor do fútbol como ferramenta de inclusión social e superación persoal na mesa redonda organizada esta tarde, dentro da programación de actividades ao redor da exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol, que acolle ata o 1 de setembro o Museo Centro Gaiás. Esta xornada dálle continuidade ao programa de actividades que se puxo en marcha para dinamizar e arroupar Valor e mestría, a exposición sobre os 143 anos de historia do fútbol galego. Abriuse ao público o pasado 15 de abril, está organizada pola Xunta de Galicia coa Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Federación Galega de Fútbol, La Liga Santander e a Secretaría Xeral de Igualdade.
-
A Mostra Primavera en Danza de Carballo celebrará a súa décimo sétima edición do 26 de abril ao 12 de maio cunha carteleira que inclúe cinco citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. No Pazo da Cultura carballés terán lugar as actuacións de Entresoños, de Fran Sieira (26 de abril); Pink Unicorns, de La Macana en coprodución co Centro Coreográfico Galego (27 de abril); Plastic, de Paula Quintas (3 de maio); La desnudez, de Daniel Abreu (4 de maio), e Gaia, de Entremans (5 de maio). Como peche especial, o 12 de maio terá lugar unha gala de baile tradicional.
-
Os aspectos clave do proxecto son a integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense por medio do uso dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais. Tamén, entre as innovacións do proxecto analizadas hoxe destaca a interoperabilidade, xa que a plataforma será capaz de obter información de diferentes fontes de datos; e a potenciación dos turismos accesible, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través de solucións TIC punteiras como son: Big Data, Realidade Aumentada, Realidade Virtual, portais web de potenciación e Marketing Dixital.
-
A Cidade da Cultura pon en marcha a partir do 13 de abril un novo servizo de visitas comentadas, Gaiás segredo, que amosará a súa arquitectura e as súas zonas naturais dun xeito máis exhaustivo, á vez que terá un compoñente máis exclusivo, ao incorporar lugares habitualmente restrinxidos ao público como son a galería subterránea que comunica o complexo, as sobrecubertas dos edificios e os sofisticados depósitos bibliográficos. As visitas comentadas Gaiás segredo estarán activas todos os sábados do ano ás 11,30 horas e ampliaranse aos xoves e aos venres en Semana Santa e nos meses de xullo e agosto.