Noticias
-
Presentouse hoxe en Pontevedra a vindeira edición de PortAmérica, que se desenvolverá en Caldas de Reis do 4 ao 6 de xullo cunha ampla carteleira de concertos de diversos estilos e con demostracións gastronómicas a cargo de recoñecidos chefs como actividades centrais. A empresa galega Esmerarte, organizadora do evento, reuniu os seus principais patrocinadores e colaboradores para dar a coñecer o programa completo do festival, no que actuarán máis de trinta bandas, entre elas Madness, Andrés Calamaro, Rozalén, Carlos Sadness, Depedro, Amaia, Carolina Durante, Zahara, Elefantes, Presumido ou Mon Laferte.
-
O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvelou esta mañá un novo avance do seu cartel para este 2019. A frescura retro-futurista de Belako, que mistura o punk-rock cos ambientes máis cálidos da electrónica sinfónica, subirase ás táboas da Praia de Riazor o sábado 10 de agosto. Pola súa banda, a lenda estadounidense Jello Biafra, considerado como o líder intelectual do movemento punk, súmase ao cartel do venres 9 en Riazor xunto a Patti Smith and Band e Nathy Peluso. Mentres, o inclasificable trobador tecno Joe Crepúsculo celebrará unha década de carreira a ritmo de baile irracional no Noroeste, onde tamén sorprenderá o indie pop imparable de Los Punsetes.
-
Foi presentado no Instituto Lucus Augusti de Lugo (antigo Instituto Masculino) o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, xuntaron lembranzas o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.
-
A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha lectura participativa e polas redes sociais, o mesmo 17 de maio, de obras do homenaxeado neste 2019, Antonio Fraguas (Cerdedo, 1905 –Santiago de Compostela, 1999). Parte das importantes achegas e achados deste investigador e divulgador da cultura popular galega serán lidas -e emitidas en liña- por aqueles visitantes que estean esa xornada no Museo Centro Gaiás, no que precisamente se realizarán visitas comentadas, e de balde, á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia. Estarán especializadas nas pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego (MPG), institución da que foi director e tamén presidente do padroado.
-
Galicia mantén a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 135 distincións. Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 20% das 566 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade catalana (97 bandeiras),e pola andaluza (79). Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego -e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 14 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2019; Cangas do Morrazo (7), Marín e Baiona, con 5 cada concello.
-
A Cidade da Cultura de Galicia celebrará o sábado 25 de maio Cidade Rompetiño, unha xornada de oito horas de música, deporte e cultura urbana, que dá resposta a un alto interese de xente nova que vincula o seu lecer a actividades deportivas -como parkour ou skate- e estreitamente ligadas á música de estilos hip-hop ou hall-dance. Precisamente, este evento acollerá a final do primeiro Campionato oficial de España de Scooter Freestyle, co que os participantes se clasifican para a proba mundial, prevista para o mes de xullo en Barcelona.
-
O venres no Teatro Colón a actriz María Casares volverá á escena como protagonista da obra "Despois das ondas", de Ernesto Is, gañadora do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña que agora converte en espectáculo teatral en coprodución con ButacaZero. As actrices Belén Constenla e Nerea Brey dan vida á actriz nunha obra que percorre a súa biografía. A montaxe incluirá proxeccións de imaxes nunha gran pantalla que se incorpora a unha impresionante montaxe con Roi Fernández (Sr. Pause Cinescapismo) ao cargo da creación audiovisual que !realiza unha película a tempo que leva a fragmentación ao grafismo, ao vídeo, aos collages...e á vangarda e contemporaneidade que a caracterizan.
-
O II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia alterna sesións didácticas e educativas, con sesións prácticas e lúdicas. Comeza o xoves 25 de abril cunha masterclass sobre cor dixital, da man dun dos máis prestixiosos ilustradores de banda deseñada histórica do estado, Javier Montes, que traballa para as principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard. Continuará na fin de semana do 4 e 5 de maio con sesións teóricas, conferencias e obradoiros prácticos sobre banda deseñada histórica. O sábado 4 de maio haberá ruta histórica polo Lugo Romano con Lidia de la Fuente, fundadora da empresa lucense Camiños con Arte, e especialista na historia de Lugo. Esta actividade, está organizada polo proxecto de turismo histórico Rutas de Historia.
-
O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos os datos turísticos relativos ao mes de marzo que revelan que no primeiro trimestre o turismo internacional creceu preto dun 3% en relación ao mesmo período de 2018. Tamén se observa un comportamento positivo no relativo ao turismo interno, que tamén experimentou unha suba do mesmo nivel. As cifras deste primeiro trimestre están condicionadas por un factor externo, xa que no ano 2018 a Semana Santa celebrouse en marzo. Sen embargo, isto non afectou ao turismo interno e internacional. No que se refire ao primeiro trimestre do ano, os viaxeiros quedaron máis días en Galicia. A estadía media medrou máis dun 3% colocando o dato deste ano no máis elevado desde o 2014.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) entra na terceira semana de representacións de Neorretranca e posmorriña no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o vindeiro 5 de abril. A actividade retomarase mañá e o mércores cos primeiros pases matinais da campaña escolar da nova produción propia da compañía pública, dirixida por Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. Gena Baamonde dirixe Neorretranca e posmorriña para o CDG cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.