Noticias
-
O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou no Parlamento galego a próxima elaboración dunha nova lei de prevención e extinción de incendios forestais, dada a gran aposta que fai a Xunta nesta materia. Fíxoo durante a súa comparecencia, a petición propia, para dar conta das liñas estratéxicas do seu departamento. Así mesmo, o titular de Medio Rural aproveitou a comparecencia para facer balance dos lumes rexistrados o pasado ano, que foron 1.426, afectando 2.608 hectáreas de superficie. O conselleiro defendeu a importancia da recente modificación da estrutura da consellería, coa creación dunha dirección xeral específica de Defensa do Monte, que xestiona xa todo o relacionado coa prevención e a extinción.
-
A Cidade da Cultura de Galicia bota a andar hoxe a segunda semana de ‘Escenas do cambio’, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción do Gaiás, e faino cunha peza creada ‘ex profeso’ para a escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego por Isidoro Valcárcel (Murcia, 1937), un dos pioneiros da ‘performance’ en España e que conta cunha traxectoria creativa de máis de 40 anos que lle valeu os máximos recoñecementos como son o Premio Nacional de Arte e Premio Velázquez de Artes Plásticas. A presenza de Isidoro Valcárcel completouse cun obradoiro durante a primeira semana do festival.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) contará cun elenco integramente feminino para a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, que se estreará o vindeiro 11 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela baixo a dirección escénica de Gena Baamonde. As intérpretes Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde foron as seleccionadas para encarnar todos os personaxes das dúas pezas que lle darán forma ao espectáculo: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.
-
A tempada de pesca para o ano 2019 na Comunidade autónoma galega comezará o vindeiro 17 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas augas continentais, que hoxe publica o DOG. Trátase da orde anual na que se definen as normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas nas augas continentais de Galicia, de acordo co previsto no Regulamento de pesca fluvial de Galicia. Entre as novidades destacables, a creación de dúas novas zona de adestramento no río Miño, na zona de Outariz, na súa marxe dereita e na zona de Rexa, na súa marxe esquerda; e no lugar A Ponte de Outeiro, augas arriba do límite superior do couto Terra Chá.
-
O Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, ‘Escenas do cambio’, levanta mañá o pano no Gaiás para dar a coñecer durante dez días as propostas máis innovadoras e arriscadas das creacións da vangarda internacional —Vera Mantero, Ligia Lewis, Tino Sehgal, María Salgado & Fran MM Cabeza de Vaca, François Chaignaud, Marco Berrettini e MOTUS—; da española —Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel— e como non, da galega.
-
Estas son as catro primeiras liñas de subvencións para rehabilitar vivendas que se convocan en 2019 e virán seguidas doutras sete que se convocarán tamén ao longo do primeiro semestre deste ano. En total, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ten previsto destinar no presente exercicio preto de 27 millóns de euros á concesión de distintos tipos de axudas para rehabilitación. Dos catro programas convocados, dous van dirixidos a solicitantes particulares (o de préstamos para rehabilitación e o programa Rehaluga) e os outros dous, a concellos (rehabilitación de vivendas de mestres e infravivenda rural).
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou hoxe de “inaceptable” que Galicia teña o peor presuposto do Estado desde hai 17 anos, cun investimento que baixa un 30% na comunidade, fronte a unha suba do 57% en Cataluña. E aseverou que son igualmente inaceptables as explicacións do Goberno central de que o déficit máis grande de infraestruturas está en Cataluña. Diante desta situación, avanzou que a Xunta instará a presentar nas Cortes as emendas aos PXE “para poñer, como mínimo, o que estaba previsto nas anualidades de 2019, nos presupostos anteriores do ano 2018”.
-
O turismo rural acadou un máximo histórico ao longo de 2018 ao rexistrar un total de 217.735 viaxeiros aloxados, o que supón un 0,6% máis que no ano anterior e un crecemento do 68% durante o último lustro. Os datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) permiten constatar a notable evolución que esta tipoloxía turística está a experimentar desde 2013, dado que hai só cinco anos a cifra total de viaxeiros nas casas de turismo rural era de 129.179. Malia que este sector amosou en 2017 un comportamento moi por riba do esperado, en 2018 foi quen de superar o seu resultado no total de viaxeiros.
-
ArtesaCía representa a comedia ‘Chola a it girl’ dentro do programa de residencias artísticas do CDGArtesaCía traballa esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago, onde desde o día 31 ao domingo 3 de febreiro representará a comedia Chola a it girl. Farao como unha das cinco compañías que participan esta temporada no programa de residencias artísticas da compañía pública, que pon á súa disposición as instalacións da súa sede e o apoio do equipo técnico para ultimar ou perfeccionar as súas propostas. No caso de ArtesaCía, a peza teatral Chola a it girl forma parte do proxecto transmedia Chola&Lola, con creación, dirección e interpretación de Laura Villaverde.
-
O novo itinerario que botará a andar por vez primeira nesta edición achegará aos viaxeiros á realidade viva da peregrinación xacobea. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) achegarase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de Samos (Camiño Francés). Percorrerá así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia e reforzará á Ruta dos Mosteiros, iniciada a temporada pasada, ao incluír neste novo itinerario dous importantes exemplos do extenso e rico patrimonio monacal galego, ambos estreitamente vinculados aos camiños xacobeos de peregrinación.