Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos os datos turísticos relativos ao mes de febreiro que revelan que o aloxamento regrado da Comunidade galega rexistrou a demanda máis alta dos últimos nove anos. Con máis de 352.000 pernoitas acadáronse valores moi similares aos do Ano Santo 2010. Este é o segundo ano consecutivo no que se rexistra un crecemento da demanda turística en febreiro, contabilizándose en total preto de 3.600 noites máis que no mesmo mes de 2018. As estatísticas indican que estes datos son froito do bo comportamento nos establecementos hoteleiros, que foron os preferidos polos viaxeiros no mes de febreiro.
  • Presentáronse en Tui os contidos da sección galega así como toda a programación que compón a nova edición do Festival Internacional de cinema Play-Doc que se celebrará do 3 ao 7 de abril na cidade fronteiriza. O certame chega a súa décimo quinta edición convertido nun referente a nivel internacional. Primeiras retrospectivas en España, estreas e cineastas de culto que conforman unha das edicións máis ambiciosas do festival galego. O certame contará con lendas do cinema como o norteamericano Bruce Weber, ou o pai do cinema filipino, Kidlat Tahimik, unha sección oficial chea de estreas españolas, así como un gran número de actividades paralelas.
  • En A primeira vez, Artur Trillo dirixe e versiona ao galego un texto do autor polaco contemporáneo Michal Walczak, un dos expoñentes da nova escena europea. Na peza abórdanse as relacións de parella e a incomprensión desde unha perspectiva traxicómica que reflicte as tensións humanas, con crueldade pero tamén con sentido do humor. Na interpretación están María Ordóñez e Toño Casais, habituais de Talía Teatro, que hoxe acompañaron a Artur Trillo, a Juan M. Constenla, concelleiro de Cultura da Estrada, e a Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na rolda de prensa de presentación da montaxe, unha proposta á que os seus artífices se refiren como “drama disfrazado de comedia”.
  • A Semana Santa galega vai gañando ano a ano en atractivo, como se pode comprobar no feito de que este ano se celebrará co maior número de festividades deste tipo declaradas de interese turístico. A nosa Comunidade conta con dúas festas recoñecidas coa máxima distinción que poden acadar no eido turístico. As de Ferrol e Viveiro son de Interese Turístico Internacional e seis máis son de Interese Turístico de Galicia: Betanzos, Cangas, o Santísimo Cristo de Fisterra, Mondoñedo, Paradela e Santiago de Compostela. A Semana Santa da capital galega estrearase este mesmo ano co recoñecemento de Interese Turístico de Galicia, tras telo acadado o pasado ano. Tamén outras localidades avanzan neste proceso, como é o caso da Semana Santa de Lugo.
  • O actor John Malkovich visita estes días Galicia para participar no ciclo 'Vai e vem. Carta blanca a Chema Prado', que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) lle dedica na Coruña ao exdirector da Filmoteca Española para renderlle tributo ao que foi un dos seus principais valedores desde a súa creación hai 27 anos. Malkovich desprazouse ata Galicia para compartir esta homenaxe, dentro da que se proxectou o thriller 'Pasos de baile' que o estadounidense dirixiu en 2012, con Javier Bardem como protagonista. A película foi seleccionada polo propio Chema Prado, a quen o CGAI lle deu carta libre para deseñar unha escolma dunha vintena de títulos, que poderán verse ata mediados de maio.
  • O Centro Dramático Galego (CDG) compartirá co público a celebración do Día Mundial do Teatro o vindeiro mércores 27 de marzo cunha xornada de portas abertas na súa sede de Santiago. Como en anos anteriores, o programa de visitas guiadas Que se agocha tras o pano? ofreceralles aos asistentes un percorrido polas instalacións do Salón Teatro, ao tempo que lles permitirá coñecer a historia deste edifico da zona histórica compostelá e se achegar ao traballo cotiá do oficio teatral. Este ano o fío condutor das visitas será a cita “O teatro é un país en si mesmo, un gran territorio que abarca o mundo enteiro”, de Carlos Celdrán, dramaturgo e director teatral cubano.
  • O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de publicar os datos sobre o Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE) a data 1 de xaneiro de 2019. As cifras feitas públicas polo organismo confirman a tendencia demográfica que está a experimentar a comunidade autónoma desde hai varios anos, e que reflicte un incremento do número total de galegos residentes fóra das nosas fronteiras, o que inclúe tanto aos emigrantes como os seus descendentes, xa nados nos seus países de destino, e unha diminución do de galegos nados na comunidade.
  • Bruce Weber estará presente na décimo quinta edición de Play-Doc, que se celebrará do 3 ao 7 de abril en Tui, para mostrar por primeira vez en España a súa película máis recente, Nice Girls Don´t Stay for Breakfast (2018), cuxo estrea mundial tivo lugar na pasada edición do Festival de Cinema de Venecia. Así mesmo, o célebre fotógrafo e cineasta estadounidense presentará no festival galego a súa aclamada Let’s Get Lost (1988) sobre o músico de jazz Chet Baker, e tamén Broken Noses (1987), a súa primeira longametraxe centrada na figura do boxeador Andy Minsker. O propio Bruce Weber estará en Tui falando en persoa co público de Play-Doc sobre as correspondencias entre estas tres películas e os seus excepcionais protagonistas.
  • O Plan de transporte público de Galicia, que comezará a funcionar o vindeiro mes de agosto, permitirá a posta en marcha das paradas seguras en horario nocturno en case 2.000 liñas de autobús de Galicia, nos servizos de autobús interurbano prestados en 85 concellos galegos. Non obstante, mentres non entran en vigor as novas concesións, o Goberno galego xa lles trasladou unha proposta de protocolo ás empresas concesionarias para que poidan poñer en marcha xa esta iniciativa. Así, unhas oito empresas xa comunicaron a adhesión a este protocolo e trasladaron que teñen servizos na franxa comprendida entre as 22,00 e as 07,00 horas. Esta medida contempla como posibles beneficiarios ás mulleres, ás persoas maiores, aos menores que viaxen sós e aos viaxeiros con mobilidade reducida.
  • O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia programará do 21 de marzo ao 10 de maio un ciclo cinematográfico co que rende homenaxe a Chema Prado, director da Filmoteca Española entre 1989 e 2016, programador desta desde 1975 e, ante todo, amigo e mentor da cinemateca galega desde a súa posta en marcha hai 27 anos. Con motivo desde tributo, o CGAI deulle carta branca a Prado para programar unha serie de películas que marcaron tanto a súa traxectoria profesional como vital, ademais de recibir na Coruña a algunhas das amizades persoais deste galego, natural de Rábade, como é o caso de Marisa Paredes e John Malkovich.