Noticias
-
O Centro Coreográfico Galego (CCG) está a iniciar esta semana unha nova edición do seu programa de cursos de verán, que durante este mes de xullo e ata primeiros de agosto ofrecerá seis encontros formativos na súa sede da Coruña. Clásico, contemporáneo, musical jazz e tap dance son os catro estilos arredor dos que xiran os obradoiros deste ano, para os que a unidade de danza da Xunta de Galicia volve contar con recoñecidos profesionais no seu ámbito, como Carmen Paris, Ruth Maroto, David Mur, John O’Brien, Gonzalo Zaragoza, Virginia Valero e Ángela Rodríguez. Centrado en danza clásica para nivel medio e avanzado, o primeiro deles está a ser impartido esta semana por Carmen Paris.
-
Segundo o Instituto Nacional de Estadística, Galicia recibiu doutros países 12.884 habitantes máis dos que saíron, o que supón un incremento que case dobra (un 98,82% máis) a cifra de 2017, cando entraron en territorio galego 6.882 persoas máis das que saíron. Deles, 2.885 teñen nacionalidade española, o que se traduce nun aumento do 47% en relación aos 12 meses anteriores, cando o saldo positivo deixaba 1.954 españois novos en Galicia (unha vez restados os que saíron).
-
Durante o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2019, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá traballando para garantir o máximo respecto polo medio sen facelo incompatible cunha explotación racional, lembrando que nos últimos tempos dotouse á Comunidade de instrumentos normativos para preservar a paisaxe e fomentar un desenvolvemento sustentable e racional como: o Plan de ordenación do litoral, as directrices de ordenación do territorio, a Lei do Solo, ou o Catálogo das paisaxes de Galicia.
-
O D.O.G. ven de publicar a primeira liña de apoio técnico e económico aos concellos para que elaboren plans de emerxencia fronte á seca que permitan garantir o abastecemento de auga á poboación. Con esa medida quérese fomentar a prevención e a anticipación, tendo en conta que ningún municipio galego conta cun plan deste tipo e que o episodio de seca de 2017 evidenciou a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento.
-
A Xunta pon a disposición dos concellos máís pequenos un orzamento de 6,4 millóns de euros para financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de outubro de 2019 ou no momento que se esgote o crédito orzamentario. A correspondente disposición ven de ser publicada no Diario Oficial de Galicia.
-
A Rede Galega de Música ao Vivo, que conta actualmente con 20 salas de 14 localidades, achégalle ao público unha oferta de 199 concertos de 54 solistas e grupos, maioritariamente galegos. A súa actividade anual súmase á doutros tres circuítos de espectáculos (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño) no sentido de favorecer a circulación dos espectáculos escénicos e musicais producidos en Galicia, ademais de lle achegar á cidadanía unha oferta cultural ampla, descentralizada, plural e aberta. Os carteis ofrecidos por estes locais reflicten unha gran variedade de estilos, que van do rock e pop ao jazz, pasando pola canción de autor, o folk ou o punk.
-
A Cidade da Cultura de Santiago programa para este 'Verán no Gaiás' un cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, acampadas, arte, obradoiros de artesanía, astronomía ou circo. A programación de estío da Cidade da Cultura para este ano ten como novidade a celebración de dous campamentos urbanos para a cativada ao redor das exposicións actuais do Museo Gaiás -Valor e mestría e Pensar coas mans- á vez que abre as portas a accións encadradas na programación do Xacobeo 2021. Deste xeito, a residencia de creadores emerxentes Encontro de Artistas Novos e as intervencións artísticas Reb/veladas na paisaxe terán pegada e perspectiva xacobea nas súas respectivas edicións.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Cidade da Cultura, comezará esta semana coa forza dos ritmos e das letras de Miss Bolivia, alcume artístico de Paz Ferreyra. Esta arxentina fusiona cumbia, hip hop, dance, reggae ou funk para darlle visibilidade con ritmos de baile a problemas sociais, facendo especial fincapé na igualdade e na emancipación da muller. O ciclo retómase o venres 19 con Ladilla Rusa, dúo de xornalistas que cataláns garanten diversión tanto nos seus ritmos de electropop costumista arrabaldeiro, como nas súas letras ateigadas de ironía e retranca. Pechará os solpores musicados desta semana Betacam, novo proxecto de Javier Carrasco.
-
O Claustro de San Francisco acolle, o xoves e o venres desta semana, a sétima edición de 'Danza no Claustro', unha proposta escénica exclusiva na que artistas internacionais e locais habitarán este espazo gótico, e compartindo os seus coñecementos e experiencia. Organizado por Erick Jiménez e Maruxa Salas (Solodos) e coa colaboración da Concellería de Cultura, os espectáculos serán ás 20:30 horas con acceso aberto e gratuíto. En total, son sete as compañías que participarán no Danza no Claustro 2019. Proveñen de España, Portugal, México e Costa Rica, e entre elas cómpre salientar as estreas de Humedales, de Fran Martínez, e de Fronteras y Mujeres, de Peace of Mind e Pájaro Mosca, ou Ephimero, obra gañadora do Premio do Público e Premio Xove en SóLODOS en Danza Ourense 2018.
-
A nova edición do ciclo musical Música no Camiño levará á praza de Praterías de Santiago de Compostela 20 actuacións musicais ata o mes de agosto, a cargo de diferentes bandas populares galegas para difundir a cultura xacobea e reforzar o papel da cidade como meta do Camiño de Santiago. Como en cada edición, Música no Camiño desenvólvese con concertos gratuítos abertos ao público en xeral, especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan á etapa final do Camiño de Santiago. Os repertorios incluirán obras populares galegas, música contemporánea para banda e adaptacións de música moderna.