Noticias
-
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura abrirá ao público e á noitiña este xoves e venres coas visitas especializadas As Nocturnas. O obxecto é ofrecer fóra do seu horario habitual un xeito de achegarse diferente e orixinal –con música e petiscos– e exclusivo –non máis de 30 persoas– á exposición 'Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia'. A nova edición de As Nocturnas celebrarase xa este xoves e venres do 29 e 30 de agosto e terá continuidade os 5 e 6 de setembro. Este ciclo permitiralles aos asistentes ter a oportunidade de coñecer de primeira man a través de expertos os oficios e as creacións artísticas da xoiería, cestería e cerámica galega.
-
O Abanca Galicia Classic Surf Pro recibiu durante a súa ultima edición a 350 deportistas procedentes de 31 países, o que subliña o carácter internacional do evento e o potencial para seguir avanzando na especialización da oferta turística galega e na súa proxección exterior. Entre as novidades deste ano figura unha das catro únicas probas do campionato mundial absoluto World Longboard Championship, fundamental para a clasificación dos vindeiros Xogos Olímpicos de Tokio, no que o surf será deporte olímpico por vez primeira. O impacto do Abanca Galicia Classic Surf Pro constátase no seu crecente número de visitantes, pasando dos 65.000 da edición de 2017 aos 100.000 de 2018 pero tamén no seu seguemento a través de internet, xa que as diferentes probas son retransmitidas por streaming a todas as partes do mundo.
-
O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Fundación Cidade da Cultura –enmarcándose ademais na programación do Xacobeo 21– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Participan artistas galegos pero tamén procedentes do resto de España e doutros países como Colombia, Romanía ou Arxentina. As nove edicións celebradas ata o de agora consolidan o EAN como unha das citas de referencia da arte contemporánea da Península, como demostra cada ano a traxectoria e talento dos e das participantes seleccionados.
-
Un total de 18 centros de educación infantil e primaria, secundaria e educación especial de toda Galicia desenvolverán a partir do vindeiro curso a iniciativa Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional realiza en colaboración coa Fundación Botín. Trátase dunha proposta para tres cursos, co fin de que os centros e os seus docentes desenvolvan o programa formando parte da rede de Centros de Educación Responsable da Comunidade Autónoma Galega, recibindo formación, recursos educativos e seguimento por parte tanto da Consellería como da Fundación.
-
A Fundación Cidade da Cultura vén de pechar un acordo co Museo do Prado para exhibir dúas das súas obras: El Paraíso Terrenal, de Pieter Brueghel o Novo, e La muerte de Lucrecia, atribuído a Luca Cambiaso, Luqueto. Ambos cadros formarán parte da recreación da pinacoteca dos Condes de Lemos na exposición Galicia, un relato no mundo, que afondará no papel e contactos internacionais de grandes figuras da aristocracia galega dos séculos XVI e XVII, de destacado peso político e intelectual na Europa do seu tempo. A partir de novembro poderanse contemplar obras cun elevado valor simbólico para a nosa cultura e identidade, algunhas delas por vez primeira na Comunidade.
-
O Gaiás celebra este sábado, 24 de agosto, unha nova edición do festival Cidade Imaxinaria, convidando as familias a gozar dunha tarde lúdica ao aire libre, con entrada de balde, que transformará o complexo nun sorprendente mundo de fantasía, grazas a espectáculos e teatros circenses con música, xogos e obradoiros para todas as idades, incluído un espazo para bebés. Visitar o incrible circo de bechos xigantes do Dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis.
-
A sétima edición do ciclo Cultura no Camiño acolle ata finais de setembro 284 actuacións escénicas e musicais en 76 dos concellos polos que discorren as 10 rutas xacobeas en Galicia. O programa mantén como principal obxectivo a dinamización e descentralización da oferta cultural galega, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional. A sétima edición, que arrancou en maio e se prolongará ata finais de setembro, intensifica a súa actividade durante o período vacacional, coincidindo cunha maior afluencia de peregrinos e contribuíndo tamén a enriquecer o programa turístico das localidades nas que se celebra.
-
A 33ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia consolidou a cita musical como referente no panorama estatal do verán. Máis de 100.000 persoas asistiron a un festival que segue a crecer en popularidade e que se sitúa como un dos piares fundamentais do patrimonio cultural da cidade. Ao longo de seis xornadas, o festival, organizado polo Concello da Coruña, programou máis de 150 de horas de música ao vivo nun total de 13 espazos da cidade, achegando así a todos os públicos as propostas musicais de máis de 75 bandas e artistas, das que un 50% son galegas e máis dun 45% contan con presenza feminina.
-
En base a este documento, trátase de facilitar a execución práctica das normas de aplicación directa e as determinacións relativas ás licencias directas, é dicir, aquelas que outorga o concello sen necesidade de contar coa autorización previa do departamento competente en materia de patrimonio cultural. O propósito desta regulación é compaxinar a protección do patrimonio cultural e impulsar e axilizar as actuacións en materia de rehabilitación e rexeneración urbana a todas aquelas entidades ou particulares que desexen levar a cabo unha actuación. Trátase de coordinar as actuacións das diferentes administracións e clarificar a interpretación sobre determinadas cuestións, para outorgar maior seguridade xurídica ao proceso de rehabilitación.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán e de balde da Cidade da Cultura, di esta semana deica logo ata o ano que vén con tres concertos este xoves, venres e sábado de Marinah, De Vacas e Best Boy, respectivamente. Unhas actuacións —de balde e ás 21 horas— que resumen o espírito da edición de 2019, na que se apostou por darlle visibilidade ás voces femininas; ofrecer unha cocteleira de estilos variados; e servir de escaparate das tendencias musicais actuais, nacionais e galegas, como é o caso dos dous grupos cos que se pecha. Atardecer no Gaiás 2019 comeza a despedirse estes xoves, día 15, coa que foi compositora e cantante durante 13 anos do mítico grupo catalán Ojos de Brujo, Marina Abad.