Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo presentou hoxe a programación da súa vixésimo oitava edición, que do 27 de setembro ao 1 de novembro exhibirá 39 espectáculos galegos e de fóra de Galicia, e desenvolverá unha morea de actividades paralelas arredor de todos os ámbitos das artes escénicas. O Pazo da Cultura, principal sede do FIOT, acolleu a presentación da que se reafirma como unha das citas máis relevantes da temporada teatral galega, e que chega á súa nova entrega despois de ter recibido o último Premio da Cultura Galega outorgado pola Xunta de Galicia ao seu labor de excelencia na difusión teatral. O acto contou coa actuación do alumnado da Aula de Teatro Municipal.
  • O ciclo Viraxes propón tres espectáculos amenos e diferentes, creados por bandas de música de Galicia, que en setembro e decembro levarán á Cidade da Cultura as súas propostas de experimentación musical nas que se atreven con xéneros como o circo, o teatro ou a música clásica. Nestes tres concertos, a Banda de Música Municipal de Valga, a Unión Musical de Meaño e a Unión de Guláns danlle unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do coro Gli Appassionati, o do grupo de teatro Todos Xuntos ou o da compañía galega de circo Pistacatro. Como resultado, Viraxes propón un plan de sábado, con entrada de balde, no que gozar en familia de propostas artísticas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos e pequenas da casa.
  • Un total de 21 núcleos de poboación de toda Galicia, que corresponden a unha vintena de concellos, amosaron xa o seu interese por converterse en aldeas modelo fronte os incendios forestais. Osmo, no municipio ourensán de Cenlle, foi declarada como a primeira aldea modelo de Galicia, e unha vez feita a tramitación previa e conseguida a autorización de todos os propietarios, empezan agora os labores de limpeza. En concreto, nesta aldea limparanse arredor de 30 hectáreas para protexer os veciños dun posible lume forestal e farase por última vez, xa que o obxectivo é crear actividade agrogandeira para evitar ter que desenvolver estes traballos cada ano, de forma que se cree unha devasa natural fronte os incendios.
  • A Cidade da Cultura impulsará os días 18 e 19 de outubro o primeiro gran festival das artes e do emprendemento de Galicia, Audacia, que procura converterse nunha mostra da excelencia galega en produtos, servizos, convocatorias e iniciativas relacionadas coas creacións contemporáneas. A cerna desta iniciativa ‒enmarcada dentro da programación do Xacobeo 2021‒ baséase en compaxinar no feito artístico, na viabilidade económica e no éxito dos proxectos participantes. Ao longo de dúas xornadas, participarán creadores, persoas emprendedoras, alumnado de centros de ensino do ámbito artístico, así como representantes de museos, galerías de arte, academias, fundacións, universidades e outras institucións culturais.
  • Preto de 300 participantes recrearon un ano máis en Santiago de Compostela os entroidos galegos no tradicional desfile de verán nas rúas do casco vello no que puideron amosar a autenticidade, variedade e riqueza desta tradición. Na edición deste ano participaron entroidos recoñecidos como festa de Interese Turístico como o de Xinzo de Limia, cos pantallas, que se estreaban neste desfile sendo o primeiro ano que participan en Santiago tras o recoñecemento de Interese Turístico Internacional. Tamén participaron representantes de Verín, cos cigarróns, que conta coa declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia. Trátase de Viana do Bolo, Cobres, os Xenerais da Ulla, e Vilariño de Conso, cos boteiros.
  • A Cidade da Cultura inaugurará o vindeiro 13 de setembro a exposición Argallar, unha mostra pensada para que cativada e familias se acheguen á arquitectura a través do xogo. Deste xeito, no Museo Centro Gaiás despregaranse ata o 10 de novembro diferentes figuras xeométricas que convidarán á interacción e á construción; unhas veces, dun xeito pautado e outras, desde unha perspectiva totalmente libre e autónoma por parte dos e das visitantes. Argallar é unha exposición pensada, ademais de para un público familiar, para escolares. Por este motivo, ofrece visitas didácticas de balde, para centros escolares de Educación infantil e primaria. Con esta exposición complétase a oferta expositiva do Gaiás ata a inauguración da primeira grande exposición da programación do Xacobeo 2021.
  • Hoxe foron declaradas ben de interese cultural as nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo e ao seu taller procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago de Compostela. A tramitación deste expediente non recibiu alegacións no período de información pública e contou cos informes favorables en relación ao carácter sobranceiro das pezas da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, segundo estes os devanditos elementos escultóricos acreditan o valor suficiente para ser declarados bens de interese cultural, contando polo tanto co máximo nivel de protección e tutela previsto na lexislación vixente.
  • O Centro Dramático Galego (CDG) abre a nova temporada de actividade no Salón Teatro de Santiago, que ata o vindeiro domingo 8 acollerá unha das residencias artísticas do programa Camiño Escena Norte de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco. Este programa de exhibición e de actividades paralelas que terá lugar en Galicia dentro deste proxecto está promovido polas principais asociacións empresariais de produción escénica das comunidades polas que discorre a ruta de peregrinación do Camiño do Norte. No marco desta iniciativa, o Salón Teatro é a sede en Galicia de Habitación Peregrina PRO, apartado que promove unha serie de residencias de creación escénica para fomentar o intercambio entre as compañías das catro autonomías participantes.
  • O Gaiás abre coa inauguración da instalación Stay here, nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia, a convocatoria de creacións artísticas neste espazo expositivo vinculadas co Xacobeo 21. A peza escultórica de Alejandro Ginés resultou gañadora da VI Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os participantes do Encontro de Artistas Novos (EAN) 2018. A partir de hoxe, os artistas emerxentes que participaron no #EAN9 teñen de prazo ata o 14 de outubro para presentar un proxecto que teña como eixe as Rutas Xacobeas e afonde na relación do complexo do Gaiás -que ten un vencello visual coa Vía da Prata e a catedral compostelá– co Camiño de Santiago. A inauguración da peza supuxo o peche da edición deste ano do IX Encontro de Artistas Novos.
  • Mantén a súa aposta por citas como a MOTI, o Enclave de Cámara, ou Ciclo Lírico, e deixará de apoiar economicamente iniciativas con custes de produción inflados e escaso retorno. Seguirá a programar actividades das diferentes modalidades escénicas, mais de forma directa. Entre as novidades está a creación dunha Orquestra Xove, que lle dea saída ao talento ourensán, un bono cultural, que favoreza o acceso ás actividades culturais para as rendas máis reducidas (parados, estudantes e pensionistas con rendas baixas) ou un convenio con artistas locais que garantirá que cada semana un artista da cidade das diferentes modalidades escénicas actúe ante o público de Ourense.