Noticias
-
A programación do Nadal begontino inclúe a exposición Imaxes e Palabras, que recolle anacos de poemas de 40 autores que corresponden a traballos premiados nalgún dos 43 certames de Poesía sobre o Nadal convocados polo Centro Cultural José Domínguez Guizán. Entre os poetas figuran Xosé Otero Canto, Marica Campo, Carlos López e Martiño Maseda, presentes hoxe na inauguración. As fotografías amosan distintas escenas do Belén e pertencen aos membros do Grupo Fonmiñá Miguel Calvo, Miguel Fraga, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Gerardo Méndez e Eduardo Ochoa. A mostra permanecerá na sede da Xunta en Lugo ata o martes día 10 de decembro para viaxar despois ata Mondoñedo.
-
Máis do 80% dos concellos galegos están xa adheridos ao convenio de protección das aldeas subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa preto das vivendas. En total son 252 os entes locais incorporados ao acordo e outros tres están ultimando os trámites para adherirse (Laxe, Foz e Muxía). Así, dos municipios galegos adheridos, 84 pertencen á provincia de Ourense, 70 á da Coruña, 50 á de Lugo e os 48 restantes á de Pontevedra. Deles, son en total 124 os que xa dispoñen de plans municipais de prevención e defensa contra o lume.
-
O espectáculo Fang, da compañía circense Animal Religion, poderá verse este domingo no Salón Teatro de Santiago, que retomará así a súa actividade escénica tras un mes maioritariamente dedicado ás proxeccións do festival Cineuropa. A función insírese na programación da cuarta edición do Encontro de Formación e Innovación no circo D10!. A compañía, fundada e dirixida polo artista catalán Quim Girón, chega a Galicia cun espectáculo polo que en 2017 obtivo o premio especial da revista de circo e artes circenses Zirkolika, recoñecemento que se suma a destacados galardóns obtidos polas anteriores montaxes.
-
Os sábados 7 e 14 de decembro, ás 17,30 horas, o público de todas as idades poderá gozar da música da Unión de Guláns e da Unión Musical de Meaño, que lle dan unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do grupo de teatro Todos Xuntos e o da compañía galega de novo circo Pistacatro. Crean así dúas propostas escénicas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos da casa. Ambos concertos son de balde, pero con prazas limitadas, polo que para poder asistir cómpre recoller con antelación o convite no Museo Centro Gaiás. Os espectáculos foron galardoados na convocatoria dos premios Innova 2019.
-
Inaugurouse na Biblioteca e Arquivo de Galicia 'Primores do Múltiplo', unha mostra comisariada por Mª Luisa López-Vidriero Abelló co obxectivo de poñer en valor a encadernación e o coleccionismo. Co obxectivo de afondar nos detalles materiais que individualizan un libro encadernado e o diferencian de forma inequívoca, a colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia súmase á de organizacións públicas e privadas comprometidas coa cultura de Galicia como a de Abanca, Manuel Chamoso Lamas, Isaac Díaz Pardo e Camilo José Cela. O resultado desta colaboración é un relato de 500 anos no que queda patente a complexidade dunha arte como a da encadernación, a importancia do coleccionismo e o extraordinario valor da creación conxunta entre editor e artista.
-
A Fundación Camilo José Cela está a celebrar o III Encontro de Escritores de Iria Flavia, coordinado pola escritora e crítica literaria Care Santos. Trátase dunha cita na que autores, literatura e vangarda uniranse no marco do 30 aniversario da concesión do Premio Nobel ao escritor galego. As instalacións da Fundación acollen diversas mesas redondas, moderadas polo catedrático de Literatura Española da Universidad de Barcelona, Adolfo Sotelo Vázquez, e polos xornalistas Ernesto Sánchez Pombo, Laura Revuelta, Sergio Vila-SanJuán e Blanca Berasátegui, e nas que participarán unha vintena de escritores como Antonio Álamo, Ledicia Costas, Xosé Carlos Carneiro, Estíbaliz Espinosa, Carlos Castán ou Lucía Etxebarría, entre outros.
-
A Fundación Camilo José Cela celebra desde mañá o III Encontro de Escritores de Iria Flavia, coordinado pola escritora e crítica literaria Care Santos. Trátase dunha cita na que autores, literatura e vangarda uniranse no marco do 30 aniversario da concesión do Premio Nobel ao escritor galego. As instalacións da Fundación acollerán diversas mesas redondas, moderadas polo catedrático de Literatura Española da Universidad de Barcelona, Adolfo Sotelo Vázquez, e polos xornalistas Ernesto Sánchez Pombo, Laura Revuelta, Sergio Vila-SanJuán e Blanca Berasátegui, e nas que participarán unha vintena de escritores como Antonio Álamo, Ledicia Costas, Xosé Carlos Carneiro, Estíbaliz Espinosa, Carlos Castán ou Lucía Etxebarría, entre outros.
-
Fillos do sol é unha peza teatral emotiva e divertida sobre os derradeiros anos de Eduardo Pondal, inspirada no autor e na obra que o ocupou toda a súa vida como obsesión: Os Eoas, escrita e dirixida por Cándido Pazó, con César Cambeiro, Adrián Ríos e Alba Bermúdez e destinada a público desde os catorce anos. A peza, a cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, presenta a un Pondal desdobrado nun D. Eduardo que, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación: Eduardo, que non é outro ca el mesmo, de mozo. E, como contrapunto, a vida real e diaria representada por Rosa, a criada nova da pensión na que o bardo pasou a derradeira etapa da súa vida.
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle desde hoxe a exposición temporal Work (always) in progress do artista portugués Pedro Cabrita Reis. A mostra poderá ser visitada neste espazo de difusión cultural até o vindeiro 2 de febreiro de 2020. Susana González e Santiago Olmo son os comisarios desta exposición que se artella a partir dun núcleo central, cunha selección de máis de 30 pezas datadas desde 2006 a 2019, e outras dez realizadas especificamente no museo e para a ocasión, utilizando materiais industriais e obxectos atopados. En síntese, este traballo parece xurdir dun diálogo entre o gusto pola factura industrial do minimalismo e o tratamento e selección de materiais desde unha sensibilidade próxima á arte povera italiana.
-
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo pecha a súa edición con maior número de participantes da súa historia. O FIOT, que desenvolveu a meirande parte da súa actividade entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, acadou a cifra de 16.273 participantes, un dato que consolida á cita como o maior festival de teatro de Galicia. Nesta edición, na que o FIOT puxo o foco no teatro social e subiu ao escenario novas miradas sobre realidades como as violencia machistas, a identidade sexual, a xenofobia ou a soidade, co obxectivo de interpelar ao público, o festival obtivo a nota media máis alta da súa historia: un 4,44 sobre 5.