Noticias
-
O ciclo de concertos Galicia Importa, renomeado na súa novena edición como Xacobeo Importa presenta a súa nova temporada que arranca con nove concertos ata finais de maio que configuran unha proposta heteroxénea e de gran calidade artística. A primeira destas citas será a que protagonizará mañá venres, ás 22,00 h., na Sala Capitol de Santiago de Compostela a banda norteamericana de stoner rock Monster Magnet, na que é a súa primeira visita a Galicia. O concerto de mañá insírese na súa xira europea Powertrip A Celebration! Plus Much More... na que o grupo orixinario de New Jersey está a celebrar o vixésimo aniversario do seu maior éxito discográfico.
-
Os espectáculos de danza Médula, pola compañía Exire, e Emigrantas, a cargo de Kirenia Martínez, chegan esta fin de semana aos escenarios galegos. O Teatro Rosalía Castro da Coruña (venres ás 20,30 h.) e a sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (sábado ás 19,30 h.) son os espazos que acollerán, respectivamente, as dúas estreas. Ambas propostas sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter como denominador común o protagonismo feminino, tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas. As responsables das pezas recibiron da Agadic o financiamento dos seus proxectos, e tamén apoio loxístico e técnico durante o proceso de creación e montaxe.
-
Ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger, unha novela por entregas que retrata a vida dos mozos bohemios que habitaban o Barrio Latino de París a mediados do século XIX. Estreouse o 1 de febreiro de 1896 na cidade italiana de Turín, e a día de hoxe é a cuarta obra operística máis representada en todo o mundo. La bohème narra a historia de amor entre a modista Mimí e o poeta Rodolfo quen, tras sentir un namoramento repentino, comezan un romance. Mimí cae enferma e falece nos brazos de Rodolfo, non sen antes declararse a súa paixón mutuamente nunha das máis belas escenas de amor da ópera. O tenor coreano Alessandro Kim interpretará a Rodolfo e a soprano venezolana Marina Ortiz a Mimí.
-
O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá durante esta temporada os equipos de seis compañías galegas para traballar nas súas novas propostas escénicas: Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra Teatro, Verdeveras Expresións Artísticas e Incendiaria. Durante as súas estadías artísticas, as devanditas formacións de teatro e danza terán á súa disposición as instalacións da compañía e o apoio do seu equipo técnico para ultimar os espectáculos que, na meirande parte dos casos, compartirán despois co público neste mesmo espazo.
-
Afundación, a Obra Social de ABANCA presenta a quinta edición do Festival de Ópera Cidade de Pontevedra, un evento que cada ano ofrece a oportunidade de gozar de grandes clásicos da ópera con artistas de nivel internacional. A edición deste ano contará coa representación a cargo da Ópera Nacional de Moldavia de La bohème, de G. Puccini (ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger), o día 27 de febreiro; e de L’elisir d’amore, de G. Donizetti (ópera bufa en dous actos que presenta a historia de Nemorino, quen está namorado de Adina, un amor non correspondido), que chegará o día 13 de marzo.
-
O proxecto Mar interior: un océano de oportunidades no corazón de Galicia, posto en marcha pola Deputación Provincial de Lugo en colaboración co Centro Oceanográfico de Vigo, arrancará o día 17 cunha conferencia sobre a ameaza dos plásticos para o mar. Por outra banda, o pazo de San Marcos acollerá obradoiros científicos e exposicións ata o 22 febreiro e do 23 ao 29 de marzo celebraranse as actividades na Casa da Cultura de Monforte de Lemos. Polas mañás, participará alumnado de Secundaria no taller 'Pescando a Ciencia' e de Primaria no obradoiro 'Viaxe ao Centro do Oceanográfico', mentres que pola tarde as actividades estarán abertas ao público en xeral.
-
A Fundación Cidade da Cultura de Galicia presentou hoxe o segundo Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, tras o éxito alcanzado pola primeira edición celebrada en 2019, na que se esgotaron as prazas en menos de cinco días. Deste xeito, dáselle continuidade a unha actividade que procura potenciar e desenvolver o talento de novos valores na narrativa galega. Para iso, os e as participantes no curso aprenderán da man de escritores e escritoras galegos de éxito e contarán de novo co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que lles brindará a súa experiencia no mundo da edición e mesmo lles servirá de ponte cara ao profesionalismo para aqueles cun desempeño sobresaínte.
-
A Xunta recoñecerá o esforzo dos concellos comprometidos coa paisaxe e o medio ambiente cun novo distintivo: a Bandeira Verde de Galicia. Un recoñecemento que pretende coidar e fortalecer a Galicia verde, recoñecendo o esforzo daqueles concellos que implanten boas prácticas e fomenten o compromiso dos seus veciños neste eido. Estas bandeiras verdes concederanse anualmente a aqueles municipios que cumpran con criterios que xiran en torno a 5 eixos: a protección da paisaxe, o cambio climático e eficiencia enerxética, a mobilidade sustentable, a xestión responsable dos residuos e accións de educación e sensibilización ambiental. Será un xurado técnico o encargado de avaliar as candidaturas que se presenten, puntuando os méritos que acrediten os concellos e outorgando especial valía ás medidas innovadoras.
-
Escenas do cambio –o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura– encara xa a súa segunda e derradeira semana da edición de 2020 coa representación de cinco pezas, entre as que se atopa o relato contado, cantado e bailado dunha sobrevivente do xenocidio de Ruanda e un xuízo real ao personaxe literario Hamlet para o que se contará cun xuíz, fiscal e psiquiatra en activo e no que os espectadores exercerán de xurado popular. O festival desprazarase ao casco histórico de Santiago para estrear en España e no Teatro Principal de Compostela Samedi Détente. Trátase dun relato en primeira persoa de Dorothée Munyaneza sobre o asasinato de 800.000 tutsis, cometido en Ruanda a medidos dos anos 90 polo goberno hexemónico hutu.
-
Galicia acadou en 2019 os mellores datos turísticos da súa historia rexistrando cifras récord en indicadores como a demanda ou a competitividade e consolidando a súa aposta pola calidade, a descentralización e a sustentabilidade. En total, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), Galicia rexistrou máis de 5,1 millóns de visitantes que realizaron preto de 11 millóns de pernoitas nos distintos establecementos de aloxamento regrado, acadando así a cifra de demanda turística máis elevada desde que hai rexistros, que se produce en paralelo a unha mellora nos aspectos vencellados á repercusión económica e cualitativa deste sector. Así, Galicia afronta o novo ciclo xacobeo no mellor momento do seu turismo.