Noticias
-
Na súa segunda edición, Camiño Escena Norte volverá articular as súas actividades arredor de dous eixos: o Itinerario Constelacións e o Camiño Expandido. O primeiro deles suporá a realización en Galicia de oito funcións a cargo de compañías asturianas, cántabras e vascas, ao tempo que dúas formacións galegas terán a oportunidade de presentar os seus traballos nas outras tres comunidades participantes. Pola súa banda, Camiño Expandido ofrecerá unha serie de actividades paralelas para explorar as relacións co público e novas posibilidades de intercambio profesional, así como para favorecer a reflexión no marco deste sector. A ruta histórica do Camiño do Norte vertebra este proxecto interautonómico co obxectivo de facilitar o coñecemento mutuo entre os profesionais e o público destas catro comunidades autónomas.
-
Música, viño, gastronomía e patrimonio son os catro piares dun festival que regresa do 31 de xullo ao 2 de agosto coa súa cuarta edición, máis íntima, máis próxima. Unha cita que servirá para ir recuperando aos poucos o turismo de proximidade e levar a cultura en vivo aos recunchos máis máxicos da Ribeira Sacra; pero tamén, unha maneira de agradecer todo o apoio recibido por parte do público e sobre todo, o compromiso co territorio. E neste ano tan atípico, a seguridade e a saúde de todos os asistentes e profesionais que estarán na Ribeira Sacra esa fin de semana será unha das súas prioridades. O Festival volve contar un ano máis co patrocinio de Cervezas Alhambra, formando parte de Momentos Alhambra. Un ciclo que nace da paixón da cervexeira pola música e polo descubrimento de creacións auténticas, feitas para gozar cos cinco sentidos.
-
Atardecer no Gaiás –o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– bota a andar mañá ás 21,00 horas coas composicións íntimas e vitalistas de Fon Román, ex guitarrista do coñecido grupo Los Piratas, e para o que xa están todas as entradas-convites esgotadas. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza –limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes– na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia, e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección. Os concertos celebraranse ás 21,00 horas os xoves, do 9 de xullo ao 3 de setembro, e neles está garantida a distancia social cun control de acceso e saída e colocación de pufs, que se disporán na Praza Central da Cidade da Cultura.
-
O Museo de Belas Artes acollerá este outono Vestir épocas, unha exposición monográfica sobre a evolución da moda que tratará de achegar á cidadanía os usos e costumes asociados aos séculos XIX e XX poñendo en diálogo e relación as distintas vestimentas, traxes e pezas de indumentaria coa súa iconografía e a súa época.A exposición componse de máis de 300 obras da prestixiosa colección de Ana González Moro que abarcan 100 anos de creación téxtil, desde 1860 a 1960. Trátase dunhas pezas que reflicten os actos das xentes e da sociedade da Galicia da época e que permiten establecer unha relación entre a idealización da arte e o realismo da roupa. Precisamente, a disposición das pezas da mostra realizarase a través dunha pasarela que introducirá aos visitantes nas diferentes salas.
-
Os concertos regresan esta fin de semana á Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Xunta en 20 salas de 14 localidades, que ofrecerá 250 actuacións de moi diferentes estilos ata final de ano. Esta cifra supón un incremento dun 22,6% na súa carteleira anual, que nesta ocasión se concentra principalmente no segundo semestre tras a reprogramación das citas adiadas pola declaración do estado de alarma. Mantense, así mesmo, a progresión ascendente do seu orzamento, que este ano se incrementa nun 17% para situarse preto dos 200.000 euros, dos que un 90% corre a cargo da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que o 10% restante é asumido polos 20 locais privados asociados ao circuíto.
-
A Cidade da Cultura de Galicia reactiva o seu programa de visitas comentadas ampliando a oferta con diferentes opcións para coñecer a arquitectura do complexo, o seu funcionamento e os espazos naturais do Monte Gaiás. Adaptándose ás medidas da era poscovid-19, prográmanse para o verán catro modelos de visitas guiadas, de curta duración e prazas limitadas. Todas elas son de balde, para un máximo 10 asistentes en cada quenda ofertada de martes a domingo. Os percorridos, de aproximadamente media hora de duración e guiados polo persoal do Servizo de Educación, Mediación, Información e Asistencia ao Público do Museo Centro Gaiás, ofrecen diferentes xeitos de achegarse ao complexo arquitectónico.
-
De acordo con este Plan, que pretende contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da independencia económica co obxectivo de lograr unha integración plena na vida económica e social, 38 entidades locais galegas contratarán a 68 mulleres que sufriran violencia de xénero. Trátase dun programa pioneiro que se puxo en marcha o pasado ano por primeira vez en Galicia grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As contratacións deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe a aprobación, no Consello da Xunta, do Plan de Saúde Mental de Galicia Poscovid-19 que, cun orzamento de 83 millóns de euros e 241 novas prazas sanitarias, estará orientado a incrementar o número de profesionais e dispositivos asistenciais, desenvolver programas para a recuperación das persoas con trastorno mental severo e fomentar a investigación nestas patoloxías, concretados en 98 proxectos. “É o maior plan de saúde mental que se fixo desde a transferencia do Servizo Galego de Saúde, cun potente impacto no que se refire a recursos humanos”, salientou.
-
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na posta en marcha do laboratorio de proba de voos impulsado por Boeing no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) a contribución da multinacional para consolidar este centro como un referente no ámbito dos avións non tripulados, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. Esta infraestrutura enmárcase no proxecto Galician Skyway, centrado na busca de solucións tecnolóxicas para a seguridade do tráfico aéreo non tripulado en espazos compartidos con aeronaves tradicionais.
-
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 16M€ a esta a orde de axudas directas que se enmarca no Plan de reactivación económica de Galicia e que vai en liña coa Estratexia do Autónomo. O Cheque Autónomo Seguimos Adiante financiará o 100%, cun límite de 1.800 euros, de gastos en loxística e transporte de envíos, pagos por estar nunha plataforma de e-commerce local, pola licenza de uso de software de venda online, gastos correntes de seguridade, ou de subministracións e telecomunicacións. Poderán efectuarse anticipos e cubriranse importes realizados desde a declaración do estado de alarma.