Noticias
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 670, deles 371 son da área da Coruña, 75 da de Lugo, 46 da de Ourense, 44 da de Pontevedra, 85 da área de Vigo, 40 da de Santiago, e 9 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 2 están en UCI, 25 en unidades de hospitalización e 643 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.446 persoas curadas, rexistrándose 621 falecementos. O número de PCR realizadas é de 265.628.
-
O custo laboral bruto en Galicia no ano 2019 representou o 91,22% da media española, o que supón o máximo nivel de converxencia de toda a serie histórica, segundo mostran os datos do Estudo sobre Salarios publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). O custo laboral bruto por traballador en Galicia aumentou en 2019 ata os 29.041,1 euros, o que tamén representa a cifra máis alta de toda a serie histórica. Ademais, é a primeira vez que en Galicia supera os 29.000 euros.
-
Inaugurouse no Museo do Mar de Galicia a mostra Facer Camiño, unha exposición itinerante na que se asocia a arte co Camiño de Santiago que, logo da súa estadía viguesa, percorrerá as restantes cidades galegas e as vilas de Tui, Cee e Mondoñedo concellos asociados ao territorio histórico das rutas xacobeas. A comisaria da mostra, Asunta Rodríguez, realizou unha escolma de 23 pezas que inclúen pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, enfiada por citas e referencias a Santiago de Compostela e á peregrinación xacobea de autores como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.
-
As Festas do Apóstolo en Santiago serán por segundo ano consecutivo o marco de celebración do Compostela TradFest, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para o desenvolvemento dun intenso programa coa música de raíz como protagonista. O evento terá lugar o vindeiro domingo día 26 no parque de Bonaval, na praza da Quintana e nas rúas da cidade, que acollerán unha vintena de concertos, bailes, ruadas e cursos, ademais dunha mostra de instrumentos musicais e unha feira de libros e discos. O resto dos concertos do TradFest concentraranse nos diferentes escenarios do parque de Bonaval: Espazo Arcos con Candorka, Porcoteixos e Anxo Lorenzo, e a igrexa de Bonaval con Iván Vilela, Fernando Barroso, Pärbo (Pintos & Riobó) e Abraham Cupeiro.
-
O Museo Centro Gaiás exhibe desde hoxe Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia, unha exposición organizada por La Cinémathèque française e a Fundación "La Caixa", en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 2021. A mostra convida a un percorrido a través dun século de historia do cinema e a unha reflexión sobre o papel fundamental da infancia na creación de relatos e personaxes no cine, así como sobre a influencia que ten a sétima arte no propio desenvolvemento persoal durante a nenez. Nesta viaxe por filmes de diferentes épocas, xéneros e contextos xeográficos, poderanse contemplar desde proxeccións e fotografías de rodaxe, a carteis ou obxectos senlleiros tan icónicos como a vasoira de Harry Potter ou unha reprodución da personaxe de King Kong de máis de dous metros de altura.
-
A Rede Galega de Praias sen Fume conta cun total de 162 areais pertencentes a 66 concellos. A evolución da rede, que iniciou a súa andaina no ano 2016 partindo duna iniciativa de sensibilización contra o tabaquismo do Concello de Baiona en 2012, está a ser moi significativa, pasando de 26 praias de 19 concellos en 2016, a 162 areais de praias pertencentes a 66 concellos na actualidade. Isto supón que o 31,9% das 508 praias galegas están integradas no programa, concretamente o 30,1% das marítimas (132 de 438) e o 42,9% das fluviais (30 de 70). Respecto do ano pasado, a participación incrementouse en 21 praias, un 14,9% máis que en 2019; e dous concellos máis, pasando de 64 a 66.
-
Finalizado o prazo de votacións, danse a coñecer os tres finalistas que actuarán en 2021 no Festival Internacional del Mundo Celta de Ortigueira. Esta edición do proxecto Runas de novos valores da música celta bateu todas as marcas de participación nos seus 20 anos de historia, tanto na participación de candidatos (35 bandas) como dos países de orixe, así como de votacións, contabilizándose máis de 110.000 votos de todas partes do mundo a través da web do festival. Os finalistas determináronse por un sistema de cinco puntuacións. A primeira derivada da votación popular na web do evento, e as outras catro dun xurado formado por músicos e profesionais do sector, que analizaron a relación de cada proposta coa filosofía e tradición musical do festival, en sintonía coa programación do evento de 2021.
-
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe en rolda de prensa, logo da reunión con expertos do Comité Clínico onde se revisaron as medidas de restrición que estaban en vigor na Mariña lucense como consecuencia do brote da covid-19, que se levanta a limitación da mobilidade en todos os concellos do distrito da Mariña, agás Burela. Deste xeito, os concellos de Barreiros, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove únense aos de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo, que xa tiñan mobilidade completa dende a pasada semana. O concello de Burela, manterá limitada a mobilidade ao ámbito xeográfico do término municipal durante outros sete días.
-
Atardecer no Gaiás -o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura- apostará pola músicas urbanas e en galego do dúo compostelán Verto para musicar o solpor de mañá e para o que xa están todas as entradas-convites esgotadas. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza -limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes- na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia , e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección. Os concertos estanse a celebrar ás 21,00 horas os xoves ata o 3 de setembro, e neles está garantida a distancia social cun control de acceso e saída e colocación de pufs, que se disporán na Praza Central da Cidade da Cultura.
-
A Praza Central da Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 29 de xullo ás 21,00 horas o macroespectáculo de La Fura dels Baus NN (Nova Normalidade), unha proposta dirixida por Carlus Padrissa coa que a compañía catalá recoñece o traballo do persoal sanitario e científico que traballa na loita contra a covid-19. O espectáculo contará coa participación de máis dunha vintena de artistas galegos, que nesta función en Santiago de Compostela se sumarán ao elenco do que forman parte un centenar de actores, bailaríns e cantantes, e tamén coa colaboración de entidades locais.