Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • Galicia recibiu no mes de setembro 56.100 turistas estranxeiros, que representaron un 4,9% do total do turismo procedente doutros países que recibiu o noso país, segundo se recolle no último informe do INE sobre Movementos Turísticos en Fronteira (Frontur). A cifra supón unha contracción de case o 70% na chegada de turistas estranxeiros respecto a setembro de 2019 como consecuencia das limitacións de mobilidade producidas pola pandemia. A menor dependencia deste mercado fixo unha vez máis que o comportamento da demanda turística galega volvera ser mellor ca no conxunto de España.
  • A exposición, que poderá visitarse ata maio de 2021, está organizada en dez módulos entre os que se repasa, entre outras, a violencia de xénero antes do nacemento da prensa, as primeiras noticias da violencia de xénero, a historia de Asunción González, así como literatura e crónica de sucesos. Tamén se analiza a violencia de xénero en revistas ilustradas e na prensa sensacionalista, así como na prensa actual. Ao longo de cada un dos seus módulos, os visitantes da exposición poderán ver exemplares de cabeceiras de prensa como El Compostelano, que se publicou en Santiago entre o 1920 e 1946. Tamén de Vida gallega, impulsada por Jaime Solá en 1909 e que foi a revista ilustrada máis importante de Galicia durante décadas, ou El Pueblo gallego.
  • A programación de novembro do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) arranca mañá coa proxección na súa sede da Coruña da primeira das sesións que lle dedicará ás directoras experimentais alemás Renate Sami, Ute Aurand e Dore O. como parte dunha carteleira na que tamén sobresae un ciclo cos seis filmes do filósofo, escritor e cineasta francés Guy Debord. O martes día 3 proxectaranse as fitas de Renate Sami Die Schutzfolie, Broadway Mai 95, Wenn Du eine Rose siehst, Filmtagebuch 1975-85, Japan März 2013 e Cape Cod, mentres que o xoves día 5 será a quenda dos filmes de Ute Aurand Am Meer, In die Erde gebaut, Kopfüber im Geäst, Sakura, sakura, Four Diamonds e Lisa. Ademais, o seu traballo Rushing Green with Horses poderá verse o sábado 7.
  • A Consellería de Sanidade vén de anunciar o establecemento de novas medidas de restrición da mobilidade nas sete cidades galegas e na súa contorna, ás que ademais hai que engadir a limitación de xuntanzas entre persoas conviventes en 14 concellos. Tras a xuntanza do subcomité clínico que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou do conxunto de medidas adoptadas para conter a expansión do virus na nosa comunidade, destacando que desde as 15,00 h deste mediodía se establecerá unha restrición perimetral de desprazamentos entre algúns concellos.
  • O circuíto da Xunta de Galicia Cultura no Camiño+ acaba de pechar a súa edición de 2020 tras ter ofrecido a cifra de actuacións máis alta da súa historia pese á covid-19. Así, desde mediados de xullo ofrecéronse 410 actuacións de música, teatro, danza, novo circo e maxia en 133 concellos, que posibilitaron a contratación de máis de 160 formacións artísticas profesionais galegas. A posta en marcha do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19 permitiu incrementar en máis do triplo a dotación asignada a esa iniciativa, de xeito que a pesar dos adiamentos e cancelacións provocadas pola evolución da pandemia, a actividade deste ano superou en máis dun 45% á de 2019, cando se levaron a cabo 284 funcións.
  • Foi presentado na Biblioteca Provincial de Lugo o libro “Don Ricardo de Fingoi”, sobre os quince anos lucenses de Ricardo Carballo Calero. Á presentación asistiron vinte persoas que se inscribiron telematicamente e que completaron o aforo legalmente permitido. Participaron no evento Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Magalí Carballo, filla do escritor; Asunción Fernández (Siña), directora do Colexio Fingoi; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. No decurso deste acto rendeuse homenaxe á discípula de Carballo Calero, Araceli Herrero Figueroa, recentemente falecida, e que tivo parte importante na confección deste libro e preparación de documentación para o proxecto “Don Ricardo de Fingoi”.
  • O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle por primeira vez os espectáculos completos de Cinema Sticado coa representación a partir de mañá e ata o domingo día 25 de tres montaxes que mesturan artes visuais, teatrais e performativas, cine ao vivo, teatro de obxectos e audio e vídeo en tempo real música en directo, características do estilo deste colectivo artístico multidisciplinar. As dúas primeiras propostas forman parte da serie de cine ao vivo STRPTS: Episodio 1: Mirlo&Rula, que se representará o venres ás 20,30 h., e Fin de tempada, que poderá verse o sábado á mesma hora. A terceira das propostas, PYKA: o corazón na eclipse, é un espectáculo de teatro visual que chegará aos espectadores o domingo ás 18,00 h.
  • O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, detallou esta mañá en rolda de prensa o conxunto de medidas acordadas na xornada de onte polo Comité clínico, na que se estableceu o nivel 2 de restricións para toda Galicia e tamén se limitaron as xuntanzas a un número máximo de 5 persoas. Acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán e o xerente do Sergas, José Flores, o responsable da carteira sanitaria abordou polo miúdo as medidas adoptadas na xornada de onte polo grupo de expertos que realiza o seguimento á evolución da covid-19 en Galicia.
  • La Quintana Teatro representa esta fin de semana en Santiago o espectáculo O Premio, realizado en coprodución co Centro Dramático Galego e que chegará a Compostela despois da súa estrea no Teatro Principal de Ourense, como parte da carteleira do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Marián Bañobre dirixe O Premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que se leva a escena coas interpretacións de Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción propio do CDG.
  • A Cidade da Cultura celebrará os sábados 24 e 31 de outubro e 14 de novembro os seus Magostos no Gaiás, amenizados cada un deles coa música de raíz de Luar na Lubre, de jazz contemporáneo de Sumrrá e cos inconfundibles sons de folk de Milladoiro. Deste xeito, o Gaiás volve celebrar unha das tradicións culturais e gastronómicas de outono con máis arraigamento popular en Galicia e tamén na súa programación cultural e para os que se contará con formacións galegas, coas que se reflicte a calidade e a variedade de estilos da nosa escena musical. Como en anos anteriores, non faltarán as castañas da Indicación Xeográfica Protexida de Galicia (IXPG).