Noticias
-
O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que celebra a súa quinta edición entre o martes 13 e o sábado 17 de outubro, súmase á homenaxe aos profesionais da saúde e dos servizos sociais. O obxectivo do evento, organizado pola Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN), é dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade a través da difusión universal da sétima arte. O festival adoptou novas seccións competitivas dirixidas a incrementar a súa incidencia positiva no sector. Así, ademais da quinta convocatoria da sección de curtametraxes de ficción e da terceira de longametraxes documentais, este ano o festival incorpora un apartado a concurso de longametraxes de ficción, outro de curtametraxes documentais e un máis para webseries de temática inclusiva.
-
A Consellería de Sanidade vén de acordar restrinxir a mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás. Así o decidiu o Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia, logo da xuntanza desta tarde tras analizar a situación epidemiolóxica na comunidade autónoma. Así mesmo, decidiuse prohibir as xuntanzas de persoas que non vivan xuntas nos concellos de Barbadás, Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño, ademais de manter a mesma restrición en Ourense, onde xa estaban en vigor desde o pasado venres. O comité considera conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes concellos e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona.
-
Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta informará semanalmente da situación epidemiolóxica dos concellos segundo o nivel de casos novos e co obxectivo de que cada un deles poida ver como evoluciona a pandemia no seu ámbito municipal, preservando ademais o dereito á confidencialidade da historia clínica. Elaboraranse dous mapas, un para os casos acumulados nos últimos 7 días e outro para os casos acumulados nos últimos 14 días, establecéndose os niveis de alerta segundo os concellos de menos de 50.000 habitantes e os de máis de 50.000. Para os concellos de menos de 50.000 habitantes estableceranse as cores: verde para menos de 7 casos novos á semana; amarelo para entre 7 e 13 casos novos; laranxa para entre 14 e 20 casos novos; e vermello para máis de 20 casos novos.
-
A carteleira do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) volve centrarse en outubro no cinema feito por mulleres. Entre as 28 proxeccións que se poderán ver na cinemateca da Xunta de Galicia atópanse dous ciclos que tiveron que ser adiados dende o pasado mes de abril por mor do estado de alarma, con filmes de Ida Lupino e Angela Schanelec, así como varias proxeccións especiais. Así, a sala de exhibición cinematográfica da Coruña inclúe este mes o ciclo Esenciais: Ida Lupino, centrado na única directora que traballou para os estudios de Hollywood nos anos 50 e a segunda en ser admitida no sindicato americano de directores, DGA. O CGAI dedícalle tamén unha completa retrospectiva á cineasta alemá Angela Schanelec, unha das voces máis destacadas da que se deu en chamar Escola de Berlín.
-
Galicia recibiu no mes de agosto medio milleiro de viaxeiros (532.867) que fixeron un total de 1,4 millóns de pernoitas, o que supuxo que a demanda de aloxamento en Galicia resistise mellor que a media española, cunha diferencia de 20 puntos mellor que o conxunto do Estado, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na comunidade situouse no 36,4% fronte ao 56,3% do conxunto do Estado. Estes datos destacan o bo traballo do sector turístico en Galicia nas circunstancias actuais marcadas pola covid-19.
-
A cidade de Santiago acollerá a segunda edición do festival de música culta Ateneo Barroco, un festival que abre as portas ao outono non só a través de concertos, senón tamén con relatorios e proxeccións. A segunda edición de Ateneo Barroco comezará o vindeiro día 5 de outubro cunha conferencia inaugural e traerá a Santiago de Compostela cinco concertos e relatorios sobre instrumentos e o ciclo cinema que se celebrarán en distintos espazos cedidos polo Concello e a Universidade.
-
Teatro do Atlántico celebra esta semana na sede do Centro Dramático Galego os seus 35 anos sobre os escenarios coa reposición de catro das súas últimas montaxes máis recentes. Así, a compañía que dirixe Xúlio Lago porá en escena o xoves 1 de outubro Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco; o venres día 2, A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, e o sábado 3, Dúas donas que bailan, de Josep María Bernet i Jornet. O domingo día 3 resérvase para o espectáculo-recital de poesía galega contemporánea de varios autores De abrentes e ocasos. Teatro do Atlántico é unha das compañías galegas de máis prolixa e coherente traxectoria, constituída no ano 1985 por María Barcala e Xúlio Lago.
-
'Memoria dunha década' está configurada en torno a 10 paneis que amosan algúns dos aspectos máis importantes da institución co obxectivo de visibilizar o seu papel e dar a coñecer o traballo que vén desenvolvendo dende a súa creación. Ademais, tamén amosan pezas dos fondos documentais custodiados no Arquivo de Galicia e agrupados por ámbitos temáticos. Concretamente, cinco dos paneis recollen mostras de fondos públicos e os outros cinco, documentos de fondos privados. Os materiais expostos supoñen unha pequena mostra extraída das 182.839 unidades de instalación que conforman os algo máis de 21 quilómetros de documentos do Arquivo. En total amósanse máis de 90 documentos, que dan conta dos diferentes fondos, tanto públicos como privados, que conforman o patrimonio documental custodiado polo Arquivo de Galicia.
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego traballa nun Plan Estratéxico da Década Xacobeo 2021-2032 co obxectivo de contar cunha folla de ruta que aproveite as sinerxias dos tres próximos anos santos. Alfonso Rueda compareceu esta mañá na Cámara galega, a petición propia, para explicar as previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento nesta lexislatura 2020-2024, onde indicou que o turismo é un dos sectores clave para a recuperación económica da nosa comunidade polo que se potenciara o Xacobeo como oportunidade única para a proxección exterior de Galicia, de maneira que se buscarán e potenciarán proxectos que se prolonguen no tempo e sexan mais sustentables e fortalezan a marca Galicia.
-
A compañía de teatro Cámara Negra estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela Clausura do amor, espectáculo realizado en coprodución co Centro Dramático Galego que poderá verse no escenario da súa sede ata o domingo. Trátase dunha das pezas máis representadas do autor, director e coreógrafo francés Pascal Rambert, levada a escena con versión e dirección de Carlos Álvarez-Ossorio e interpretación a cargo de Teté García e Xosé Manuel Esperante. Na obra, estreada no Festival de Avignon e traducida a máis de dez idiomas, o dramaturgo francés somete unha parella a unha ruptura sentimental na que os protagonistas intercambian monólogos que expresan a violencia dunha relación en proceso de defunción.