Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de Ordenación do Territorio (LOT), un novo instrumento que actualiza e substitúe a unha norma con 25 anos de vixencia co fin de dotar á Comunidade autónoma dun novo instrumento urbanístico máis útil, clarificador e eficaz. Durante unha breve intervención tras o debate parlamentario sobre a lei, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defendeu que unha vez entre en vigor a comezos do próximo ano, a LOT garantirá a cohesión social e mellorará a calidade de vida de todos os galegos, completando así o camiño que se iniciou no ano 2016 coa aprobación da Lei do Solo e posteriormente, do seu regulamento.
  • Os obradoiros Laura Delgado Cerámica (Cambre); Santiago Besteiro Design (Monterroso); Traxandaina (Lugo) e Jatafarta (Santiago de Compostela) optan como finalistas ao premio Artesanía de Galicia 2020, dotado con 9.000 euros. Así o decidiu o xurado encargado de outorgar os premios Artesanía de Galicia 2020, que contan tamén coa categoría Premio Traxectoria e o Premio Bolsa Eloy Gesto, e cos que se busca recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais da artesanía galega, así como impulsar o relevo xeracional no sector. Os gañadores daranse a coñecer antes de finais de ano.
  • O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou esta mañá en rolda de prensa o conxunto de medidas acordadas na derradeira xuntanza do Comité clínico de cara á celebración das vindeiras festas de Nadal. Así, sinalou que a recomendación principal da Xunta de Galicia é que as xuntanzas das celebracións se cingan a unha única unidade familiar, composta exclusivamente por persoas conviventes. García Comesaña puntualizou que no caso de non ser posible o cumprimento desta recomendación, o número máximo de unidades familiares aconsellado non debe exceder de dúas.
  • A Xunta de Galicia vén de presentar o Plan de Rescate para os sectores máis afectados pola Covid-19, unha nova convocatoria de axudas para microempresas e autónomos con persoal a cargo, dentro dos que se incluirían tamén establecementos hostaleiros, e que conta cun orzamento de 97 millóns de euros. Ditas axudas poden ser solicitadas ata o 28 de decembro. As contías irán desde os 4.000 ata os 5.000 euros, destinados a aqueles sectores especialmente afectados pola situación derivada da pandemia: lecer nocturno, atraccións de feira, transporte, axencias de viaxes, cines, comidas preparadas para eventos, parques de atraccións, etc.
  • Do 14 ao 25 de outubro, o Festival Internacional de Teatro en Ourense (FITO) celebrará unha nova edición, a número trece. A cita adaptará a súa programación ás esixencias derivadas da loita contra a pandemia e contará con oito días de programación e once espectáculos que se desenvolverán na cidade de Ourense, como xa é habitual, pero tamén, e como novidade, no concello ourensá de Barbadás. O Teatro Principal de Ourense acolleu este martes a rolda de prensa de presentación do festival, no que colaboran Universidade de Vigo; Teatro Principal; Deputación de Ourense; Agadic e Concello de Barbadás.
  • O Observatorio Municipal Galego fixo pública a súa última análise da situación económica-financeira dos concellos galegos e nela conclúen que “os municipios gozan, en xeral, de boa saúde e, por tanto, están en condicións de reforzar o apoio ás economías locais nestes tempos de crises”. Segundo este observatorio, iniciativa da Rede Localis, rede xestionada polo grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo, “os indicadores amosan unha situación económica-financeira saneada, que posibilitaría non só pensar en axudas concretas para favorecer o mantemento do tecido produtivo, tan danado polas repercusións económicas e sociais da covid-19, senón en actuacións menos esixentes para as contas públicas locais".
  • O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá das derradeiras medidas acordadas polo comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia, e na que se decidiu incorporar ao concello de Moaña á listaxe de concellos galegos con medidas especiais Na compaña do xerente do Sergas, José Flores; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o membro do Comité clínico, Pedro Rascado, o responsable da carteira sanitaria galega tamén anunciou o levantamento das restricións en oitos concellos galegos, nomeadamente, Trazo, Boqueixón, Val do Dubra, Verín, Amoeiro, Coles, Monforte e Campo Lameiro.
  • A Cidade da Cultura vén de transformar as Torres Hejduk nun banco sonoro e visual de memorias, pegadas e experiencias do Camiño recollidas durante este ano 2020, marcado pola pandemia da covid-19. Faino a través da intervención artística efémera A distancia da imaxe, que foi inaugurada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nun acto que contou tamén coa presenza do director institucional territorial noroeste do Banco Sabadell, Manuel Prol, en representación da Fundación Banco Sabadell. A instalación, que poderá visitarse ata o 7 de marzo, forma parte dunha serie de intervencións artísticas realizadas neste espazo expositivo non convencional, co Camiño de Santiago como eixo e enmarcadas na programación do Xacobeo 2021.
  • A mostra poderá visitarse desde hoxe ata o 4 de abril do vindeiro ano na Cidade da Cultura, con motivo do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. É a primeira grande exposición que se fai desde o falecemento de Díaz Pardo, e trata de albergar todas as perspectivas dunha obra poliédrica que alcanza moitas miradas, pero un só compromiso ético e estético: Galicia. Diversas persoas e institucións achegaron as 265 pezas que constitúen a mostra: desde a propia familia Díaz Arias de Castro, a colección de Abanca ou o Museo Carlos Maside, entre outras moitas. A través de Sargadelos e do Laboratorio de Formas, Díaz Pardo recuperou elementos sobranceiros da nosa cultura e os convirteu en obxectos do día a día que habitan en fogares de dentro e fóra de Galicia.
  • O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou en rolda de prensa que a Xunta apoiará aos establecementos da hostalería pechados debido ás restricións provocadas pola covid-19 cunha liña de axudas de entre 2.200 e máis de 7.000 euros. Tras lembrar as reunións mantidas con representantes do sector na busca de solucións e anunciar a apertura dunha Mesa da hostalería para perfilar esta liña de axudas, Feijóo explicou que o abano oscila entre “como mínimo 2.200 euros no caso dun autónomo propietario dun bar ou dunha cafetería sen empregados” e máis de 7.000 euros no caso dun autónomo que teña empregados nesa cafetería, nese bar ou nese restaurante.