Noticias
-
O XVI Curso de Primavera da USC, un seminario de análise e debate que se desenvolverá os días 23 e 24 de setembro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, abordará a intervención de Roma nas comunidades indíxenas no marco dun intenso programa coordinado polos profesores de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Acuña, xunto co catedrático xubilado da UPV-EHU Juan Santos Yanguas, no que intervirán como relatores 23 investigadores e investigadores procedentes de doce universidades e centros de investigación de España, Francia, Italia e Portugal.
-
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a modificación do acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño sobre medidas de prevención para facer fronte á crise da covid-19 na que se establece que os locais de ocio nocturno poderán reabrir ao público as súas terrazas ao aire libre. A reapertura deberá levarse a cabo nas mesmas condicións e cumprindo as medidas de hixiene e prevención fixadas para as terrazas dos establecementos de restauración e hostalaría, do mesmo xeito que ocorreu durante o proceso de desescalada. Desta forma, o aforo máximo será do 75% e só se poderá realizar o consumo e o servizo en mesa, sen posibilidade de instalación de barras para os clientes da terraza.
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.364 deles 1.424 son da área da Coruña, 920 da de Lugo, 462 da de Ourense, 379 da de Pontevedra, 344 da área de Vigo, 659 da de Santiago, e 176 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 25 están en UCI, 181 en unidades de hospitalización e 4.158 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 14.158 persoas curadas, rexistrándose 668 falecementos. As dúas últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron dous homes de 81 e 71 anos que estaban ingresados no CHUS e no HULA, respectivamente. Ambos presentaban patoloxías previas.O número de PCR realizadas é de 374.635.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Xunta de Galicia está a retomar a exhibición cinematográfica na súa sala da Coruña cunha carteleira na que o cinema feito por e para mulleres centra a meirande parte das 20 sesións programadas durante este mes na cinemateca da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Dáselle continuidade, deste xeito, aos ciclos que tiveron que ser adiados a pasada primavera por mor do estado de alarma, ao tempo que se incorporan novas achegas en colaboración cos festivais de Cans, Diversidarte e (S8) Mostra de Cinema Periférico. Esta aproximación ás miradas femininas no cinema inclúe a serie documental Women Make Film, que consta de 40 capítulos.
-
O comité clínico que segue a evolución epidemiolóxica da covid-19 en Galicia tomou a decisión de establecer medidas e restricións nos concellos de Ourense, Santiago, Santa Comba, Carballo e A Laracha. Entres as medidas a adoptar destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública (10 persoas), así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto, ademais do peche dos centros de día e residencias.
-
A programación do Revenidas en Conserva terá lugar do 10 ao 13 de setembro como edición especial e en formato reducido do festival que se celebra cada verán no núcleo de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa. O escenario onde se desenvolverán os catro concertos do cartel principal ten unha capacidade limitada a un máximo de 500 persoas e coa estrita aplicación das correspondentes medidas para garantir a seguridade de público, artistas e equipo técnico. Alí actuarán Sés e Zeltia Irevire o venres 11 e Ortiga e Dakidarría en acústico o sábado 12. O festival, que este ano lle concede todo o protagonismo á música e á cultura de Galicia, ten preparadas tamén diferentes actividades paralelas, de balde e con inscrición previa para o control da capacidade.
-
A evolución do turismo en Galicia foi en xullo 22 puntos superior á media española, segundo se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na Comunidade foi do 51% fronte ao 73% do conxunto do Estado. Os establecementos hoteleiros galegos recibiron no sétimo mes do ano un total de 257.870 turistas, o que sitúa a Galicia como a quinta comunidade con maior volume. Estes viaxeiros realizaron preto de 600.000 pernoitas, en concreto 598.513. A nivel de mercado, o turismo de proximidade continúa a ter máis relevancia no turismo en Galicia, xa que o viaxeiro nacional gaña presencia fronte ao internacional, máis afectado polas restricións de mobilidade.
-
O festival de danza Corpo(a)terra adiantou o programa da súa décima edición, que se desenvolverá en Ourense e en Allariz do 26 ao 30 de agosto. En canto á carteleira deste décimo festival de danza e artes do corpo, hai varias propostas novidosas, como a estrea do espectáculo Pedras nas luces, que se desenvolverá na noite do día 28 en Allariz e na do día 29 en Ourense. Trátase dunha coprodución de Umiles e a Central Folque inspirada nos canteiros de Cotobade, na que os drons bailarán ao son da música, que poderá ser escoitada polos espectadores desde os seus dispositivos móbiles vía streaming a través da web do festival. A programación tamén inclúe montaxes de compañías galegas como Kirenia Danza, Alejandra Balboa, Funboa ou Nuria Sotelo, ademais das obras seleccionadas polo circuíto Acieloabierto, performances DJ e colaboracións internacionais, como o Programa de Movemento Virtual Xeolocalizado.
-
O sábado 12 de setembro o recinto do Festival da Luz acollerá un programa moi especial: a Edición Leiras, un novo formato adaptado á situación actual onde gozar dunha xornada chea de música nun ambiente íntimo, familiar, tranquilo e seguro. A inmensa leira natal de Luz Casal, onde cada ano divírtense máis de 12.000 persoas, dividirase en parcelas, en Leiras, seguindo as normas de distancia de seguridade ata completar un aforo de 500 persoas. Poderase así gozar da música en directo ao aire libre con tódalas medidas sanitarias e de prevención. As Leiras terán capacidade para 2, 5 e ata 10 persoas e incluirán máscaras, xel desinfectante e ecovaso individual.
-
A Xunta defenderá na Comisión bilateral Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia a legalidade das modificacións relativas ao imposto de sucesións e doazóns e a Lei do solo que se recollían na Lei de medidas fiscais e administrativas. No imposto sobre sucesións e doazóns, o Goberno considera que o requisito fixado de que o centro principal da empresa deberá estar situado na comunidade autónoma para aplicar a redución fiscal pode contravir a normativa da U.E.