Noticias
-
A Consellería de Sanidade informa que a Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas detectaron a aparición dun brote de coronavirus na comarca de A Mariña. En concreto, ata o momento, detectáronse 8 casos positivos en coronavirus no concello de Xove. Todos eles pertencen ao círculo familiar no que se rexistrou o primeiro caso. Trátase dun brote familiar de infección por Covid-19 que se detectou en Xove. A partir da confirmación,fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos da persoa afectada. Ata o momento, mediante as probas realizadas,confírmase a existencia de 8 positivos en Covid-19 (incluido o caso inicial), 4 negativos e 25 máis pendentes de resultado.
-
Os Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo celebran o Día de San Xoán con sardiñadas, churrascadas e actividades propias desta festividade. Os usuarios e usuarias das residencias de Ribadeo, Trabada, A Fonsagrada e Pol pasarán este día xuntos dunha maneira diferente e divertida, e xantan e merendan pratos típicos desta festividade. Nos últimos días recolleron flores para realizar o tradicional ritual de boa sorte deste día .
-
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ven de presentar a actualización do Plan de Detección, Control e Vixilancia ante posibles brotes do coronavirus, logo da reunión celebrada pola Comisión de xestión da crise sanitaria. O plan é froito do traballo do grupo de expertos, e ten como obxectivos definir o marco de actuación para a toma de decisións, así como establecer as medidas en materia de vixilancia, prevención e control dos casos que xurdan. Tal e como destacou o conselleiro, o control dos casos faise dende a Central de seguimento de contactos. A entrada de casos á central realízase dente atención primaria, así como dende o 061 ou dende o novo teléfono posto en marcha pola Xunta de Galicia 881 00 20 21, para atención ás persoas que visiten a nosa Comunidade Autónoma.
-
Preto de 180 pasaxeiros gozaron os pasados sábado e domingo desta alternativa de lecer, coa que a Deputación “favorece a recuperación da economía polo impacto que ten o servizo no sector hostaleiro e comercial”, subliñou a Deputada de Turismo que agarda que se siga producindo un incremento progresivo dos pasaxeiros nas rutas en catamarán coas que a Deputación de Lugo favorece a recuperación da economía despois da etapa máis dura da pandemia.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, participou nunha nova reunión do comité clínico de espertos sanitarios na que se estudou a actualización do Plan de Control e Vixilancia contra brotes, toda vez que o pasado domingo decaeu o estado de alarma que limitaba a libre circulación e se abriu a mobilidade nacional e a mobilidade cos países do espazo Schengen.
-
A exposición Galicia, de Nós a nós reunirá en outubro na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na que aspira a ser a mostra máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles deste outono, no que conmemoramos o centenario da publicación da revista Nós. Chegarán a Galicia obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que porán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.
-
A recuperación da actividade das salas privadas de concertos e dos profesionais galegos da música ao vivo no contexto poscovid-19 é a prioridade do novo programa Directos Xacobeo'21 en Salas, que a Xunta de Galicia pon en marcha xunto á Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico. A Consellería de Cultura e Turismo financia integramente este ciclo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Directos Xacobeo'21 en Salas desenvolverá entre os meses de xullo e outubro unha programación de ata 160 concertos protagonizada exclusivamente por solistas e grupos galegos de todos os estilos nun máximo de 40 salas das catro provincias, integrantes ou non da devandita asociación.
-
A Xunta de Galicia festexará o 21 de xuño o Día da Música con tres concertos na Cidade da Cultura de pequeno formato a cargo de: El afecto ilustrado, FAIA e Chisme, que se celebrarán ao longo de toda a xornada. Trátase da primeira programación cultural do Gaiás que contará con público, tras a cancelación deste tipo de actividades pola alerta sanitaria da covid-19. A asistencia é de balde, previa retirada de convite en Ataquilla.com, e limitarase a 60 persoas por actuación. No entanto, todos os concertos poderán seguirse en directo ás 12h, 17,30h e 21h pola canle de Youtube do Gaiás e tamén pola súa páxina web cidadedacultura.gal. Todas as actuacións terán lugar no Museo Centro Gaiás e comezarán ás 12,00 horas coa agrupación de música clásica El afecto ilustrado.
-
Os desafíos aos que se enfronta no contexto actual o sector audiovisual será o tema central do debate no quinto webinario convocado polos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19. A sesión, que terá lugar este venres 12 de xuño ás 17,00 h, contará coa participación da cineasta catalá Carla Simón, que coa súa primeira longametraxe Estiu 1993 acadou o premio á mellor ópera prima da Berlinale 2017, e do produtor Alfonso Blanco, quen ademais de contar con máis de 300 horas de prime time producidas para televisión en series como Mareas Vivas, Padre Casares ou Matalobos, é o fundador e CEO de Portocabo, a produtora da multipremiada serie Hierro.
-
A Cidade da Cultura vén de reorientar a súa oferta de actividades para este segundo semestre co obxectivo de facer da súa programación unha oportunidade para a recuperación da actividade no sector cultural tras a crise da covid-19. Creadores, técnicos, traballadores e empresas galegos e galegas terán especial protagonismo na oferta prevista para os vindeiros seis meses, período no que se intensificarán os esforzos para dinamizar este sector. Con especial atención aos protocolos sanitarios, a programación manterá a súa aposta polas actividades con público presencial, seguindo en todo momento as indicacións para garantir un entorno seguro. Do mesmo xeito, integraranse as tecnoloxías dixitais de xeito regular, con formatos anovadores que permitirán superar as restricións de aforo.