Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A Xunta e representantes do sector acordaron incrementar o aforo dos establecementos hostaleiros ao 50% a partir da próxima semana. A decisión, que xa foi avanzada o pasado domingo polo presidente do Goberno galego, abordouse nun encontro entre representantes sectoriais e o conselleiro de Cultura e Turismo. A intención é que se aprobe na próxima xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) co obxectivo de que os bares, cafeterías ou restaurantes poidan aplicalo a partir do próximo luns. O acordo chega despois de que nas últimas instrucións publicadas no BOE para os territorios na fase 2 da desescalada, o Goberno central autorizase ás distintas Comunidades a ampliar o aforo máximo no interior dos establecementos.
  • A Xunta vén de convocar unha nova edición do seu Encontro de Artistas Novos (EAN) que en 2020 cumpre dez anos ao redor da arte emerxente e a creación contemporánea. O EAN10 ofrece a corenta novos creadores a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no complexo da Cidade da Cultura durante a que presentar o seu proxecto creativo, ademais de optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, co Camiño de Santiago como eixo. Como novidade nesta edición, e enmarcado no Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do coronavirus, a participación no programa estará circunscrita a artistas nados e/ou residentes en Galicia.
  • 219 dos 313 concellos galegos, é dicir, o 70%, quedan libres xa na súa totalidade de franxas horarias para pasear e facer deporte en base aos novos criterios establecidos hoxe polo Goberno central. Tamén poden abrir os espazos interiores de bares e restaurantes. Trátase de concellos de menos de 10.000 habitantes que teñen unha densidade poboacional inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado. A gran maioría deles xa tiñan parroquias libres de franxas pero agora amplían esa potestade a todo o seu termo municipal e tamén ven reducidas as medidas de confinamento.
  • A segunda sesión dos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19 analizará este venres 22 de maio os retos das artes escénicas no contexto actual, nun encontro virtual coa participación da directora artística e directora de escena de Voadora, Marta Pazos, e o director artístico de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural galego e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Xunta de Galicia. Enmárcase no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego e poderá seguirse de balde por videoconferencia, previo rexistro en cidadedacultura.gal.
  • A Xunta de Galicia porá a disposición dos concellos a plataforma Praias Seguras de Galicia para facilitarlles a xestión do acceso dos cidadáns aos areais este verán. Esta ferramenta permitirá aos cidadáns obter unha acreditación para acceder a unha praia determinada nunha data seleccionada, cun mecanismo similar ao empregado na praias das Catedrais. A plataforma integrará a información do catálogo galego de praias do Instituto de Estudo do Territorio, que ofrece información xeográfica de cada areal para poder determinar a súa capacidade de carga máxima. Nos vindeiros días a Xunta presentará a plataforma á FEGAMP para que aqueles concellos interesados en empregala poidan adherirse ao seu uso a través da sinatura dun convenio.
  • A rede de museos da Xunta de Galicia súmase á celebración o vindeiro luns 18 de maio do Día Internacional dos Museos, que este ano pon o foco na igualdade, a diversidade e a inclusión e na celebración de actividades dixitais e en liña. Durante todas estas semanas de confinamento, estes equipamentos culturais están a desenvolver un amplo abano de iniciativas a través da campaña #aculturasegue, á que se sumarán numerosas accións nos seguintes centros: Museo de Belas Artes da Coruña, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo das Peregrinacións de de Santiago, Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo Arqueolóxico de Ourense, Museo Massó de Bueu e Museo do Castro de Viladonga (Lugo).
  • A Xunta de Galicia puxo en marcha durante estas semanas de confinamento a iniciativa Galicia, na túa casa, un microsite que reúne diferentes recursos online para visitar e coñecer varios dos atractivos turísticos galegos de xeito virtual e que xa foi utilizado por máis de 13.000 persoas. No marco da campaña #aculturasegue, as redes sociais da Consellería de Cultura e Turismo están a ofrecer unha serie de visitas guiadas virtuais das que desfrutar cada día ás 17,00 horas para visitar desde a casa algúns dos lugares máis emblemáticos das catro provincias. Desde a súa posta en marcha, foron máis de 6300 as persoas que participaron nestes percorridos en liña que promoven o noso patrimonio.
  • A Xunta defende que a limitación por franxas horarias nas saídas ao exterior dos galegos debería fixarse de acordo ao número de habitantes por parroquias rurais e núcleos de poboación, e non por concellos. Así, as persoas con liberdade horaria pasarían de ser o 15% da poboación a algo máis do 47%. Así se trasladou durante a reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), que estivo presidida polo vicepresidente da Xunta. No Cecop participan tamén a Delegación de Goberno e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O Goberno central estableceu a liberdade de horarios de saídas nos municipios de menos de 5.000 habitantes, sen aclarar se este límite é por núcleos de poboación ou parroquias, ou ben polo termo total do concello.
  • A Xunta porá en marcha un grupo de expertos multidisciplinar co obxectivo de adaptar o Xacobeo 2021 á saída da crise sanitaria provocada polo Covid-19. Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal, unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos iniciada nas últimas semanas con diferentes colectivos para abordar a situación actual. Este grupo de traballo contará cunha ampla presencia de representantes de todos os colectivos implicados no feito Xacobeo, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros.
  • A Consellería de Cultura e Turismo lanza unha visita virtual a Galicia, un relato no mundo para achegar os seus contidos a todas as persoas que, debido ao peche do Museo Centro Gaiás, quedaron sen posibilidade de descubrir a exposición de maior éxito da Cidade da Cultura. A mostra, que estaba previsto manter aberta ata o 12 de abril, non recibe visitas desde o 13 de marzo, día no que a Xunta de Galicia declarou a emerxencia sanitaria, que supuxo o peche dos museos e outras instalacións como medida de precaución fronte o avance da pandemia. Nesa data, un total de 43.035 persoas achegáranse xa a Galicia, un relato no mundo, o que supón unha media de 426 visitantes ao día, cifra récord no rexistro do Museo Centro Gaiás.