Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • Presentouse hoxe en rolda de prensa 'O rueiro das liortas', da compañía Elefante Elegante, a nova proposta da campaña 'Nós contra a violencia', que ten como obxectivos promover o uso do galego e sensibilizar contra a violencia de xénero, os micromachismos e a desigualdade no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Bota a andar en dez concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) esta proposta teatral coa que se busca, desde os espazos e tempo de lecer das familias, incidir e sensibilizar en contra da violencia de xénero e de calquera tipo de comportamento sexista e a favor da promoción social da nosa lingua.
  • A exposición no Gaiás para xogar coa arquitectura, Argallar, pechou esta pasada fin de semana con máis de 14.400 persoas en tan só 51 días que estivo aberta. Deste número, un total de 2.500 visitas foron escolares procedentes de medio cento de centros de toda Galicia. A Cidade da Cultura convidou desde o pasado 13 de setembro e ata o 10 de novembro a familias e colexios a achegarse a xogar coa arquitectura no Museo Centro Gaiás. A cativada que acudiu durante este período construíu e interactuou con figuras e pezas xeométricas, unhas veces dun xeito pautado e outras, desde unha perspectiva totalmente libre e autónoma.
  • A mostra Galicia, un relato no mundo, que se inaugura no Gaiás a próxima semana, concibe as novas tecnoloxías como un elemento central do relato da exposición, empregando sistemas punteiros de realidade virtual, realidade aumentada e dispositivos de detección sensorial. Entre outras aplicacións, a mostra converterá a arquitectura do Museo Centro Gaiás –a través de realidade virtual– nun transatlántico da emigración galega a América; permitirá dar vida a todo un universo da Galicia medieval empregando tecnoloxías propias dos videoxogos; recreará o templo no que se atopa a referencia ao pobo dos galaicos máis distante ¬–o Sebasteion das Afrodisias en Turquía– ou fusionará linguaxes tan distintas e afastadas no tempo como os códices medievais e a estética propia do cómic e do graffiti.
  • Trátase dunha mostra expositiva itinerante que rende homenaxe ao traxe tradicional galego e onde se mesturarán máis de 200 variedades de camelia con pezas como mantóns, panos, zapatos, capelinas, dengues, San Cosmeiros ou cofias. Como novidade, tamén se incluirán varios traxes do Ballet Rey de Viana. Esta exposición é posible grazas ao traballo dos máis de 20 coleccionistas galegos que presentarán na mostra as súas flores cultivadas. Tras o seu paso por Santiago de Compostela, a 'Camelia de Galicia-Traxe galego, unha parella perfecta' porá en valor a cultura galega, a natureza e os atractivos que a Ruta da Camelia ofrece a través das súas doce paradas por toda a xeografía galega.
  • O primeiro relato de viaxes do que se ten constancia en España foi escrito hai 16 séculos por unha aristócrata da Gallaecia romana, Exeria, que movida pola curiosidade por coñecer os escenarios bíblicos emprendeu unha peregrinación desde Galicia ata Terra Santa. O manuscrito máis antigo conservado no que se narra a súa viaxe –datado no século XI– está xa no Museo Centro Gaiás, a onde chegou procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia para ser exhibido na mostra 'Galicia, un relato no mundo'. Exeria está considerada a primeira muller escritora –da que se ten constancia– da Península Ibérica. Tamén é a primeira peregrina que relatou a súa viaxe nun diario, que foi escribindo a modo de cartas nas que describiu aqueles lugares que percorría e que inclúen Exipto, Antioquía, Edesa ou Constantinopla.
  • A Cidade da Cultura organiza para o vindeiro sábado 23 de novembro #CulturaLike, unha xornada que reunirá no Gaiás dous divulgadores culturais que están a triunfar nas redes sociais cos seus contidos: Jaime Altozano, con máis de dous millóns de seguidores, e o galego Miguel Ángel Cajigal, máis coñecido como El Barroquista, con máis de 40.000 só na canle de Twitter. Esta xornada amosará como os contidos culturais tamén espertan o interese dunha audiencia de masas e tamén son capaces de converterse en trending topic nas redes sociais. O encontro busca demostrar como estas ferramentas en liña poden servir de aliadas perfectas para difundir a arte fóra dos espazos museísticos, rachando coas canles de acceso tradicionais e permitindo espallar e democratizar sen lindes físicos ou académicos contidos e coñecementos culturais.
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse nas Pontes co grupo de traballo local por unha transición xusta de Endesa para solicitar ao Goberno central unha axenda política que inclúa solucións industriais que partan da colaboración e que permita impulsar unha transición enerxética xusta e ordenada tal e como reclama a Comisión Europea, que avoga por transicións xustas, que teñan en conta as consecuencias sociais desta transformación e que analicen os posibles impactos laborais e industriais da mesma. Esta é, segundo Conde, a única fórmula para salvagardar os postos de traballo e o tecido industrial galego a través dunha solución realista.
  • O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI - Filmoteca de Galicia) arranca mañá a súa última carteleira bimestral de 2019 co primeiro dos sete filmes do ciclo que lle dedica ao realizador Roberto Gavaldón, considerado un dos máximos representantes do cinema mexicano dos anos 50 e 60 do pasado século. 'La barraca', adaptación da novela de Vicente Blasco Ibáñez, foi o seu debut na dirección e o filme elixido pola cinemateca galega para abrir este especial cunha sesión dobre, ás 18,00 e ás 20,30 h. Pola súa banda, Italia é o común denominador doutros tres especiais que o CGAI preparou para esta recta final do ano, dedicados a Rino Lupo, Franco Piavoli e a documentais producidos pola Italia de Mussolini sobre a Guerra Civil Española.
  • San Facundo de Ribas de Miño(Paradela) foi escenario da festa celebrada nas vísperas de Santos e Defuntos, para exaltar que todas as lápidas están en idioma galego, desde a restauración do cemiterio a finais dos anos noventa do pasado século. Un acto institucional no salón de plenos do Concello de Paradela foi ocasión para asinar unha acta de reafirmación da galeguidade.
  • A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) organiza esta fin de semana en Santiago a décimo terceira edición do seu Certame Galego de Bandas de Música Populares, que será a máis internacional e numerosa de todas as celebradas ata o momento, e que os vindeiros días 2 e 3 de novembro congregará no Auditorio de Galicia a 1300 músicos de 21 formacións, das que 16 son galegas, catro portuguesas e outra de Castela e León. O Certame Galego de Bandas será retransmitido en directo a través da canle da FGBMP en YouTube, e nesta 13ª edición avánzase nas novidades introducidas en 2018 para abrirse á participación de bandas doutros puntos da Península, neste caso procedentes de Benavente e de Portugal.