Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves no Salón Teatro de Santiago o espectáculo internacional Doppelgänger, resultado dun proceso de creación colaborativo entre a compañía galega Berrobambán e a colombiana El Arca de N.O.E. co apoio da unidade de produción teatral da Xunta. O espectáculo, que toma o seu título do termo alemán que significa “o dobre que camiña ao lado”, poderá verse na sede do Centro Dramático Galego ata o día 27, con funcións ás 20,30 h. de xoves a sábado e ás 18,00 h o domingo. A peza destaca pola súa coidada estética e pola concentración da acción nun só escenario.
  • O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo acaba de outorgar esta declaración, culminando así un proceso de varios anos últimos anos. O Entroido de Xinzo de Limia únese así á Festa do Albariño de Cambados –recoñecida o ano pasado con esta distinción- a festividade do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona.
  • A Cidade da Cultura de Galicia súmase aos actos polo ‘Día de Castelao’ —que se celebra o 30 de xaneiro, data do seu nacemento— botando a andar ese mesmo día o ciclo Diálogos ao redor de Castelao, un espazo de conversa, análise e reflexión sobre a época, a figura e a obra do intelectual galeguista, que contará coa participación de destacados especialistas en historia, arte, ilustración, política e movementos migratorios. Estas xornadas, de balde con inscrición previa, inxírense dentro do programa de actividades para arroupar e dinamizar a exposición Castelao maxistral, do Museo Centro Gaiás, na que se exhibe por vez primeira en Galicia o icónico lenzo ‘A derradeira leición do mestre’, que xa foi visitada por máis de 25.000 persoas.
  • Aprobouse para a súa remisión ao Parlamento a futura Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia para facilitar a recuperación de centros históricos e núcleos rurais e protexer as edificacións históricas. Esta lei se enmarca no obxectivo de priorizar a rehabilitación fronte ás novas construcións. A norma diferencia dous ámbitos de actuación: a rehabilitación edificatoria; e a rexeneración urbana, referida a actuacións que afectan tanto edificios como tecidos urbanos. Así mesmo, o novo documento axilizará a tramitación para a recuperación de centros históricos e núcleos rurais.
  • A Cidade da Cultura duplicou o número de visitas no Nadal grazas á exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra —que exhibe por vez primeira en Galicia ‘A derradeira leición do mestre’— e ás actividades para público familiar de Cidade do Nadal, unha urbe máxica con obradoiros, cunha grande para decorar conxuntamente e cun premiado espectáculo familiar. O Gaiás recibiu durante estas festas 7.000 persoas, alcanzando nalgunha destas datas cifras récord ao superar os 800 visitantes por día.
  • A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) retoma a súa programación a partir de mañá co arranque da súa primeira carteleira semestral de 2019, que lle ofrecerá ao público 349 citas co teatro, a danza, a música, a maxia e o circo en 40 escenarios. Entre elas, as estreas absolutas das novas propostas das compañías galegas Colectivo Verticalia, Estudo Momento, Malasombra Producións, Licenciada Sotelo, Os Monicreques de Kukas, Os Náufragos, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Producciones e Talía Teatro.
  • A derradeira leición do mestre converteuse neste 2018 nun exiliado máis que volve a súa casa. Volve tarde, pero por primeira vez desde que Castelao o pintara en Bos Aires logramos que por fin se poida ver en Galicia e o poidamos admirar os galegos. Debemos sentirnos orgullosos do que significa que este cadro, que moitos consideran o Guernica galego, estea aquí, entre nós. Con el, Alfonso Rodríguez Castelao quixo legarnos un testemuño e tamén unha advertencia: houbo un tempo terrible no que Galicia, como o resto de España, sufriu a traxedia da Guerra Civil e da posterior ditadura.
  • A Cidade da Cultura de Galicia continúa a despregar actividades ao redor de Castelao maxistral, a exposición que permite contemplar por vez primeira en Galicia a ‘A derradeira leición do mestre’, lendario cadro visitado xa por máis de 20.000 persoas. Este programa arrancará en 2019 cunha xornada dedicada ao exilio xa que foi nesta circunstancia cando o artista de Rianxo pintou o óleo que artella o relato da mostra. En xaneiro, o Gaiás acollerá un concerto da Real Filharmonía de Galicia cun repertorio centrado nos países que percorreu Castelao, e un encontro con persoas refuxiadas en Galicia.
  • A celebración do XIII Festival Internacional Rebulir (FIR) de baile e música tradicional inclúe variadas accións culturais que se desenvolven en Ourense, Celanova e Ramirás ata este sábado día 22, data na que terá lugar a actuación central e a entrega de premios. O Festival Internacional Rebulir estase a converter en punto de referencia na recuperación da música e o baile tradicional, grazas ao traballo desenvolvido por esta asociación a través das súas actividades de recuperación, aprendizaxe e divulgación da cultura galega.
  • O Teatro Principal de Ourense anunciou a carteleira escénica e musical que desenvolverá durante o primeiro semestre de 2019 e dentro da que se inclúen as tres funcións que ofrecerá como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios. Exhibiranse os espectáculos teatrais Jane Eyre, producido orixinalmente polo Teatre Lliure de Barcelona e protagonizado por Ariadna Gil, o 10 de febreiro; A leituga, da compañía galega Eme2, o 16 de febreiro; e Carpe diem, da tamén galega Producións Teatráis Excéntricas, o 7 de abril. Con estas propostas darase continuidade á programación que o Teatro Principal leva a cabo desde hai dúas décadas como integrante da rede da Agadic.