Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o novo Plan Básico Autonómico, xunto ao compendio de actuacións levadas a cabo desde 2009, contribuirá a converter Galicia nunha das rexións a nivel europeo cun coñecemento máis claro, exhaustivo e actualizado do seu territorio e da súa regulación urbanística. “Estamos a falar dun plan deseñado polo conxunto dos galegos e que beneficiará ao conxunto dos galegos”, aseverou, referíndose aos 49 concellos que se rexen polas Normas Provinciais de 1991, nos que o plan será de aplicación directa.
  • Presentouse este martes no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo a 40ª Semana Internacional de cine de autor de Lugo, que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, dende o 10 ao 15, e dende 17 ao 21 de setembro. Asistiron o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez; Ramón Carballo, Xefe Territorial de Prsidencia da Xunta de Galicia en Lugo; a Vicerreitora do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto, ao Presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz Ramil, o Director da Semana Internacional de cine de autor, Manuel Curiel Fernández. Nesta 40ª edición, participarán un total de 165 cintas de diferentes países.
  • Presentouse onte o Desfile dos Entroidos, un pasarrúas que o 8 de setembro percorrerá as rúas do casco vello de Santiago de Compostela cos personaxes de 13 entroidos, varios dos cales participaron no acto para dar a coñecer este evento. Galicia conta con nove entroidos recoñecidos como festa de interese turístico. Dous deles, Xinzo de Limia e Verín, acadaron a declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia: Viana do Bolo, Cobres, Laza, Manzaneda, Xenerais da Ulla, Maceda e Vilariño de Conso.
  • Un total de 194 concellos e mancomunidades están adheridos á Rede Galega contra a violencia de xénero, posta en marcha de maneira conxunta entre Xunta e a Fegamp no ano 2012. No que levamos de ano 6 novos concellos sumáronse a esta iniciativa: Becerreá, Antas de Ulla, O Irixo, Barbadás, A Mezquita e Vilarmaior. A ‘Rede de entidades locais contra a violencia de xénero’ configúrase como un instrumento que busca conseguir o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e conseguindo a súa implicación e compromiso real contra esta lacra, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.
  • O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, informou que o Executivo Provincial aprobou este venres en Xunta de Goberno 'DesenvolvendORural', o 1º Plan de desenvolvemento integral da provincia. Trátase do primeiro paso para a posta en marcha deste pioneiro plan, dotado con 2,2 millóns de euros, co que o Executivo da Deputación muda a súa política de emprego, dirixíndoa á promoción económica e social para impulsar e poñer en valor o rural lucense.
  • A Xunta de Galicia apoia as adegas da Ribeira Sacra lucense con axudas directas que superan os 703.240 € e que permitiron mobilizar investimentos por valor de 1,9 millóns de euros, dirixidos a promover melloras nas súas instalacións e impulsar a súa actividade. Benefícianse un total de 14 adegas nos concellos de Sober, Chantada, Pantón e O Saviñao.
  • Quedou aberta no Museo comarcal de A Fonsagrada a exposición “MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emigrante galego-poeta obreiro”, promovida por Galicia Digital, a familia do escritor e o Concello de Paradela, que permanecerá nesta localidade enclavada no Camiño Primitivo a Compostela ata mediados de outubro. Con este motivo, presentouse o libro “MANUEL RODRÍGUEZ LOPEZ, 25 ANOS DESPOIS”, que recolle medio cento de traballos literarios sobre o escritor de Paradela que foi e segue a ser ponte entre os galegos da terra e os da emigración en Catalunya.
  • Portos de Galicia recolleu ao longo das últimas semanas máis de 25.000 quilos de residuos dos fondos mariños da costa Cantábrica das provincias da Coruña e Lugo. Así o recolle o informe do organismo portuario de balance das actuacións de limpeza desenvolvidas polo departamento administrativo de zona norte do ente público. Estas actuacións enmárcanse na quinta fase do plan de limpeza de dársenas que o ente público desenvolve anualmente nas tres provincias costeiras, e que este ano na costa Cantábrica tivo lugar nos portos de Morás (Xove), O Barqueiro, Cedeira, Celeiro (Viveiro) e Cariño
  • O Plan de transporte público de Galicia, que hoxe cumpre un ano da súa posta en funcionamento por parte da Xunta, rexistrou máis de 5,3 millóns de viaxeiros, un 1,2 % máis nos usuarios xerais, ao incrementar os servizos de autobús en máis dun 37 %. O plan aumentou a cobertura territorial do transporte, triplicando o número de paradas e rebaixando as tarifas en ata un 80%. Os contratos potenciaron a rede de transporte existente, ao pasar de 11 a 15 millóns de km de servizo anuais. Esta iniciativa impulsada pola Xunta é útil para os veciños, sustentable desde o punto de vista ambiental e viable a nivel económico.
  • A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa dunha situación de alerta de vaga de calor en 43 concellos. Segundo informa Meteogalicia, agárdanse valores de temperatura máxima moi semellantes aos acadados onte. Isto quere dicir que novamente se superarán os 37ºC no Miño de Ourense e Pontevedra, Sur de Lugo e Valdeorras. Ademais, en moitos puntos do centro e sur da Comunidade as máximas superarán os 34ºC.