Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que o maior orzamento da historia da comunidade para maiores e discapacidade permitirá chegar neste 2018 aos 60.000 dependentes atendidos, adiantando dous anos o cumprimento dun obxectivo que se tiña previsto acadar a finais da lexislatura, en 2020. Durante unha visita ás instalacións do novo centro de día e residencia de maiores do Concello de Cervo, Feijóo precisou que o orzamento total de 414 millóns de euros para este ano pon de manifesto que a achega para esta área medrou un 50% nestes nove anos
  • A comunidade galega é a primeira de España en dispoñer dun Plan de Ordenamento do territorio que se vai aplicar nos 38 concellos de menos de 5.000 h. que aínda se rexen polas Normas Provinciais de 1991 e, complementariamente, nos 177 suxeitos a normas subsidiarias municipais ou PXOM desactualizados, o que suporá importantes beneficios en materia urbana para todos os núcleos de poboación de Galicia.
  • A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia remata cun récord de asistencia de espectadores, chegando case ao 100% da ocupación das localidades no Castelo e cunha participación masiva nas rúas e nas actividades paralelas. O Premio do público recaeu na compañía A PANADARÍA, co espectáculo ELISA E MARCELA, superando por décimas á segunda máis votada, a mexicana Los Colochos con Mendoza. Esta edición destacou pola media alta de asistencia e valoración dos espectáculos, tamén pola proxección internacional e pola repercusión que a MIT está tendo en diversos ámbitos, do económico ao social.
  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosou hoxe a súa satisfacción ante o compromiso do Goberno central de manter os prazos fixados polo anterior Executivo para a chegada do AVE a Galicia no último trimestre de 2019. “O AVE estará funcionando en probas o ano 2019 conforme aos compromisos asumidos co anterior Goberno”, aseverou Feijóo nunha rolda de prensa despois de reunirse co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para trasladarlle as principais reivindicacións da Comunidade galega.
  • Os concertos de Airiños de Fene, os irlandeses Lúnasa e os Bretóns-Escoceses The Celtic Social Club pecharon onte á noite unha edición histórica cargada de emoción e lembranzas no seu 40º aniversario. Unha completa programación cultural e musical de 4 intensos días nos que pese á coincidencia na fin de semana con outros festivais, máis de 70.000 visitantes elixiron a música Celta. O protagonismo da Escola de Gaitas, fundadores do evento, así como do grupo Milladoiro, formación ligada ao festival desde os comezos fixo emocionarse a veciñanza e artistas.
  • A Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Asuntos Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR) debateu e aprobou hoxe, na súa 19ª reunión, o ditame "Reflexionar sobre Europa: a voz dos entes locais e rexionais para reconstruír a confianza na Unión Europea" elaborado polo presidente do CdR, Karl- Heinz Lambertz, e o vicepresidente primeiro, Markku Markkula. Galicia, representada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, logrou incluír o cambio demográfico como unha das principais preocupacións dos entes locais e rexionais recollidas no ditame, xunto ao cambio climático ou a cohesión.
  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial de Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe xunto ao bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco, o programa de apertura de igrexas no Camiño de Santiago. Grazas a esta iniciativa de colaboración entre o Goberno galego e as entidades eclesiásticas, numerosos templos de diversas rutas xacobeas abrirán este verán. Ao proxecto súmase tamén o existente coa Arquidiocese de Santiago de Compostela, o que permite que os viaxeiros se acheguen ao rico e variado patrimonio cultural existente no Camiño de Santiago.
  • A Xunta de Galicia aboará xa na nómina do mes de xullo unha suba salarial do 1,5% aos seus empregados públicos, unha vez que os Orzamentos Xerais do Estado entraron en vigor e permiten ás administracións aplicar este incremento. Ademais, na nómina de xullo incluirase tamén un pago adicional duns 250 euros correspondente á aplicación desta suba salarial entre os meses de xaneiro e xullo, dado que a medida ten carácter retroactivo e ten efectos desde o 1 de xaneiro, tal como establece o acordo para a mellora do emprego público asinado o pasado mes de marzo entre o Ministerio de Facenda e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF.
  • A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, remite ao ministro de Cultura, José Guirao unha carta en que explica a situación do proceso de reclamación do Pazo de Meirás e achega os informes xurídico e histórico encargados pola institución. Goretti Sanmartín anima ao novo goberno a iniciar o proceso xudicial para que o Pazo pase a ser un ben público. En carta remitida ao ministerio de Cultura, Goretti Sanmartín lembra que desde a Deputación da Coruña xa remitiran ao novo goberno dirixido por Pedro Sánchez os informes xurídico e histórico que abren as portas á recuperación do Pazo de Meirás como ben público.
  • Na Cidade da Cultura actuaron máis de medio milleiro de músicos dentro do III Festival de Bandas infantís e xuvenís de Galicia, organizado pola Federacíón Galega de Bandas de Música Populares, interpretando todos xuntos o Himno Galego, despois de que o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria proclamara que estas bandas 'están na nosa identidade como pobo'. O Festival está organizado pola FGBMP, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Agadic e a Fundación Cidade da Cultura, e a colaboración de Tolemias.