Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • Un total de doce espectáculos finalistas competirán polos galardóns. ​Commedia​, de Contraproduccións, opta a un total de 12 premios do teatro galego; ​Divinas Palabras Revolutio​n, do Centro Dramático Galego, é finalista en 7 categorías, e A leituga, de Emedous, aspira a acadar 5 galardóns. Ademais, outras pezas como ​Invisibles, de Redrum Teatro, e ​A Casa O’Rei​, de Ibuprofeno Teatro, optan a 4 premios. A obra ​O servidor de dous amos​, de Talía Teatro, é finalista en 3 modalidades, mentres que montaxes coma ​#Camiños, Anatomía dunha serea, ou ​A nena e o grilo competirán en 2 categorías. Completan o cadro de finalistas ​Arnoia Arnoia, Contos do Recreo e ​Patapatúm.
  • A Cidade da Cultura farase eco na súa vindeira exposición, Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, da calidade e recoñecemento que está a vivir a artesanía galega dentro e fóra de Galicia, tal e como acredita o interese que esperta entre publicacións especializas de prestixio ou o feito de que os produtos de novos artesáns e artesás ocupan un espazo destacado en feiras internacionais de renome, como Maison & Objet en París, Formex en Estocolmo ou a London Design Fair, entre outras. Deste xeito, a partir do 12 de abril e ata o 8 de setembro, o Museo Centro Gaiás propón unha ambiciosa e completa viaxe no tempo pola artesanía de Galicia.
  • Cintaadhesiva é un proxecto orixinal da poeta Silvia Penas e do músico Jesús Andrés Tejada, que ten como base os ámbitos literario e musical, un espectáculo de música electrónica e poesía no marco dos ‘Xoves de Moda’, un dos programas artísticos promovidos no marco do ciclo Lubicán. Un concerto de Cintaadhesiva antóllase como unha experiencia moi completa, de grande intensidade. Nos contidos destaca un posicionamento marcadamente feminista e unha visión crítica de diversos ámbitos do social. Unha reflexión profunda e poética acerca da vida e das formas de actuar do ser humano. A ‘e-poesía’, ou poesía con música electrónica, é a base principal das composicións de Jesús Andrés.
  • Inaugurouse na Sala de Recepción e Protocolo do Pazo Provincial de Ourense a mostra 'Castelao e Prada: Irmaus!', que inclúe como peza central o emblemático lenzo de Castelao, 'A derradeira leición do mestre', pintado polo artista rianxeiro en 1945 en homenaxe ao amigo e intelectual galeguista Alexandre Bóveda, asasinado en 1936, e que nunca antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires, institución á que pertence. O cadro, que se expón en Ourense en virtude dun acordo de préstamo entre o Centro Galicia de Buenos Aires, a Deputación Provincial de Ourense e a Consellería de Cultura e Turismo, poderá ser visto durante o próximo mes na cidade das Burgas, antes do seu definitivo retorno ao Centro Galicia a partir do vindeiro 7 de abril.
  • O ciclo Cultura no Camiño ofrecerá durante o mes de setembro 60 actuacións de música e artes escénicas como peche da súa sétima edición, que botou a andar a primeiros de maio para lle achegar 284 citas culturais ao público de 76 concellos das Rutas Xacobeas. A Consellería de Cultura e Turismo encárgase da organización deste circuíto, para o que conta coa colaboración dos municipios participantes. Desde os seus inicios, o programa mantén como prioridade a dinamización e descentralización da oferta cultural, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia por formacións artísticas profesionais. Con este fin, Cultura no Camiño conta este ano coa participación de 127 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma á carteleira de 2019.
  • Carpe Diem, o novo espectáculo da compañía galega Producións Teatráis Excéntricas, estréase o vindeiro mércores 27 no Teatro Principal de Santiago, onde poderá verse ata o venres 1 de marzo dentro da programación que ofrece este espazo como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Esta é unhas das 10 montaxes que se presentan este semestre diante do público compostelán a través deste circuíto da Xunta de Galicia, cofinanciado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as entidades xestoras dos 40 espazos asociados. En Carpe Diem, Producións Teatráis Excéntricas leva ás táboas, por primeira vez en Galicia, unha obra do autor e cineasta brasileiro Rubem Fonseca, considerado o meirande escritor vivo en lingua portuguesa.
  • O título da nova exposición de Angela de la Cruz fai referencia a Homeless (Sen fogar, 1996), unha das primeiras obras que realizou a artista rompendo o bastidor que contén o lenzo para converter en tridimensional a peza plana, borrando os límites entre a pintura e a escultura. En palabras da artista “é unha escultura utilizando a linguaxe da pintura e viceversa. É unha pintura e unha escultura”. O título tamén suxire un tema que segue sendo tan importante hoxe como o foi hai máis de vinte anos e que se vencella coa preocupación da artista pola actualidade, a desigualdade social, a situación política ou os efectos do cambio climático. Outra característica da súa obra é a continua reciclaxe que fai dela e que nesta mostra ten a súa expresión na peza Extensión.
  • As rúas da cidade acollerán, o vindeiro 10 de marzo, a carreira popular 'Soy libre para correr”, un evento para fomentar o deporte inclusivo, escapando dos distintos roles de xénero no deporte, e sobre todo para reivindicar confianza e seguridade no uso dos espazos públicos. A carreira, con saída -ás 11:00 horas- e chegada á Praza Maior, está organizada polo club BOX001 – RunManiak co apoio do Concello de Ourense, Nissan Roferourense e Caixabank. O nome da carreira recolle o nome acuñado polo grupo de corredoras do club BOX001 – RunManiak no acto público de repulsa polo asasinato de Laura Luelmo.
  • O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia contará co seu primeiro Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), un completo documento no que se recollen e regulan os usos permitidos neste espazo natural durante a vindeira década co fin de garantir unha maior protección e conservación dos seus valores. Despois de acadar o visto bo do Consello da Xunta a finais de 2018, coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do decreto de aprobación do plan cómprese o último trámite para a súa entrada en vigor e dáse así un paso imprescindible na candidatura do parque nacional a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
  • Organízanse un inverno máis un total de nove rutas guiadas ao Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia. Baixo o lema Descubrindo o Parque Nacional, este programa de visitas, de carácter gratuíto e dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer o patrimonio natural e ambiental do arquipélago fóra da tempada estival. Así, desde hoxe mesmo os interesados poden solicitar a reserva de praza a través da web reservasparquesnacionales ou facelo de forma presencial nas oficinas do parque nacional en Vigo (rúa Oliva, nº 3) ou no centro de visitantes (rúa Palma, nº 4).