Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A demanda turística en Galicia neste primeiro cuadrimestre do ano tivo unha mellor evolución que a media nacional e o descenso é 34 puntos inferior ao rexistrado no conxunto estatal. Así o reflicten os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que recollen que mentres que a caída da demanda a nivel nacional foi do 71% no período de xaneiro a abril de 2021 en Galicia foi do 37% respecto do mesmo período de 2020. Neste contexto Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma con mellor recuperación da súa demanda turística no que vai de ano, só por detrás de Navarra e Castela a Mancha.
  • Galicia tivo unha presencia destacada na Noite Q 2021, a gran gala do turismo impulsada polo Instituto para a Calidade Turística de España e que se celebrou onte no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid. Durante o acto, presidido pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, fíxose entrega das distincións ás entidades e empresas que renovaron este ano a súa certificación de calidade. Con 298 distincións, Galicia volve revalidar este ano a súa segunda posición no ranking global de destinos turísticos de calidade, só por detrás de Andalucía.
  • O stand de Galicia rexistra o maior número de actividades en Fitur e esperta o interese dos operadores presentes na feira, xa que no expositor da Xunta celebráronse preto dun centenar de reunións profesionais e contactos con operadores de todo o mundo. Nos tres días nos que se desenvolveron as actividades para profesionais, previos á apertura para o público, a oferta turística de Galicia espertou a curiosidade e o interese de boa parte das axencias e operadores turísticos que buscan destinos axeitados para un tipo de cliente que prioriza a seguridade e a tranquilidade trala crise sanitaria. A oferta galega espertou sobre todo o interese de operadores de países europeos e americanos, pero tamén de Rusia ou China.
  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que Galicia “xa está preparada” para ser protagonista no Xacobeo 21-22 dun destino seguro e de calidade. “Estamos listos xa para recibir cos brazos abertos a toda a xente que queira chegar ao córner de Europa: cunha Catedral de Santiago reinaugurada, cun Pórtico da Gloria que recobrou o seu esplendor, cunha revitalización do Monte do Gozo e co acondicionamento das infraestruturas de acceso á capital e dos miles de quilómetros que vertebran o Camiño”, asegurou, durante a presentación de Turismo de Galicia en Fitur 2021: Xacobeo 2021-2022. Camiña a Galicia.
  • A Xunta de Galicia abre a inscrición dalgunhas das actividades que conforman a campaña de verán, que este ano se pon en marcha baixo o lema 'O verán que mereces’. Desde hoxe pódese solicitar praza nun dos 40 campos de voluntariado e, ademais, o DOG publica a convocatoria dos campamentos de verán para as mozas e mozos de entre 9 e 17 anos, polo que a partir de mañá xa se permitirá a recepción de solicitudes. O programa de actividades, que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro, porá á disposición da xuventude galega un total de 7820 prazas, mil máis que o ano pasado.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.789, deles 626 son da área da Coruña, 175 da de Lugo, 223 da de Ourense, 426 da de Pontevedra, 828 da área de Vigo, 424 da de Santiago e 87 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 37 están en UCI, 139 en unidades de hospitalización e 2.613 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 119.772 persoas curadas, rexistrándose 2.403 falecementos. O número de PCR realizadas é de 2.174.358. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.607.310.
  • A Xunta realizará unha proba piloto como ensaio previo á reapertura do ocio nocturno cando se dean as circunstancias. Farase o 12 de xuño en dúas discotecas e catro pubs de concellos con niveis de restricións medio-baixos. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acordaron con representantes do sector o protocolo de reactivación.
  • Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acollen ao longo de maio unha escolma de 18 filmes incluídos na programación estendida da Filmoteca de Galicia, dos que se realizarán 26 proxeccións nos cineclubs destas cidades. A iniciativa desenvólvese ao abeiro da colaboración entre a Xunta e os cineclubs Valle-Inclán, Padre Feijoo, Pontevedra e Lumière a prol da descentralización e dunha maior difusión entre o público das películas que conforman a carteleira da sala José Sellier da sede da cinemateca na Coruña. Así, nos vindeiros días, o cineclub Valle-Inclán, de Lugo, proxectará o mércores 19 Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, e o día 24, Mi noche con Maud, filme integrado no ciclo Esenciais: Éric Rohmer.
  • A Xunta de Galicia celebra o Día dos Museos, o vindeiro martes 18 de maio, coa organización de múltiples actividades nos centros museísticos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Trátase dun conxunto de máis de 30 actividades presenciais e en liña que abranguen obradoiros, visitas guiadas ou concertos, entre outros. Baixo o lema O futuro dos museos, recuperar e imaxinar escollido este ano polo Consello Internacional dos Museos (ICOM), porase o foco na progresiva incorporación e transformación dixital nos museos galegos. As celebracións deste ano estarán marcadas tamén pola recente entrada en vigor da primeira lei galega que regula de forma autónoma e independente estes centros e que supón contar con eficaces ferramentas e cunha regulación máis detallada e precisa.
  • A sétima edición de Escenas do cambio −o festival de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura− arranca o vindeiro xoves, 20 de maio, concentrando nunha fin de semana longa (ata o domingo 23) un total de 11 propostas escénicas anovadoras, procedentes de cinco países: España, Portugal, Francia, O Reino Unido e O Xapón e para as que xa están as entradas á venda no web www.escenasdocambio.org. Estes catro días darán a posibilidade de coñecer obras que nunca antes se presentaran en Galicia, en total 10 das 11 propostas.