Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de acordar o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Cambados, Vilanova de Arousa, Cualedro e Laza. Así mesmo, o comité tamén determinou o nivel alto de restricións nos concellos da Merca, A Pastoriza, Marín, Gondomar, Salceda de Caselas, Padrón, Mesía, Ribeira, Coristanco e A Laracha. Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos termos municipais de Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toén, Chantada, Meira, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Cangas, O Porriño, Tui, Vigo, Nigrán, Lalín, Silleda, Noia, Melide, Ordes, Carballo, Betanzos e Cambre.
  • A Comunidade galega viviu un mes de abril moi cálido e con precipitacións normais. Así se desprende do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que o cuarto mes de 2021 quedou caracterizado, en xeral, polas situacións anticiclónicas, interrompidas pola chegada de zonas de aire frío en altura que ocasionaban a presenza de chuvascos de carácter tormentoso. Esta situación fixo que as temperaturas medias estivesen por riba das agardadas nesta época do ano; mentres que as chuvias si se situaron moi próximas ás agardadas, incluso en algún punto do interior o mes pode considerarse húmido.
  • O programa 'O país das bandas' levará a cabo preto dun centenar de concertos entre xuño e setembro. Están chamadas a participar todas as bandas galegas, tanto federadas como non federadas, que suman preto de 5.000 instrumentistas, con recitais que se distribuirán por todo o territorio galego. Un terzo do programa será con obras de autoría ou temática galegas. O calendario de concertos que deseñará esta Federación complementará e enriquecerá a oferta cultural do Xacobeo 21-22, sumándose aos actuais circuítos e redes que xa están en marcha ou que se activarán proximamente por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Música ao Vivo, Cultura no Camiño ou FEST Galicia, entre outros.
  • A Filmoteca de Galicia centra a programación de maio nos filmes galardoados nos Premios Mestre Mateo, outorgados a comezos do pasado abril, así como nos novos ciclos Esenciais: Eric Rohmer, e Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas. Asemade, neste mes, o primeiro que se desenvolve baixo a nova denominación oficial desta entidade da Xunta, continúan exhibíndose outros títulos dentro dos apartados Fóra se serie e Desencadres, así como a Filmoteca Júnior. Todas as sesións terán lugar na sala recentemente bautizada co nome de José Sellier, en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia.
  • Nesta edición o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá. Así, o grupo italiano de música medieval Lareverdie abrirá o programa o día 4 de xuño na igrexa de Santiago de Caldas. O día 6, será o pianista catalán Daniel Ligorio quen ofreza un concerto no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín. O venres 11, no Teatro Principal, proxectarase o documental aragonés Nebra. El triunfo de la música, e, o sábado 12, o festival volverá á Ribeira Sacra co conxunto de música barroca asturiano Forma Antiqva.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.113, deles 744 son da área da Coruña, 236 da de Lugo, 271 da de Ourense, 474 da de Pontevedra, 933 da área de Vigo, 358 da de Santiago e 97 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 49 están en UCI, 165 en unidades de hospitalización e 2.899 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 116.671 persoas curadas, rexistrándose 2.388 falecementos. O número de PCR realizadas é de 2.048.319. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.094.821.
  • O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, do obxectivo fixado polo Servizo Galego de Saúde, de acadar durante o ano 2021, o 60% de consultas presenciais nos seus centros de Atención Primaria. O titular de Sanidade subliñou que o departamento que dirixe “segue a traballar para acadar unha elevada porcentaxe de presencialidade”, apuntando ademais que, esta modalidade, tamén “se compatibilizará coa atención non presencial”, naqueles casos en que non sexa imprescindible acudir aos centros sanitarios.
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, criticou hoxe a discrecionalidade do Goberno central no reparto dos fondos para loitar contra a pandemia e denunciou que Galicia tería que recibir 660 millóns de euros máis dos que leva percibidos. E neste sentido, pediu o apoio de todos os grupos parlamentarios da Cámara para demandar que nos recursos vinculados ao Plan Nacional de Recuperación, Transición y Resiliencia “se corrixa esta discriminación a Galicia”.
  • Un home con lentes de pasta preséntanos a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella. Os seus amigos Laura e Fer buscan animala para que aproveite a oportunidade e cumpra o vello desexo de escribir. Convidaran a cear a Guillerme, un poeta capaz de namorar cuns versos, pero a quen non satisfán as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. O escritor desexa algo máis e vai aproveitar que Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren e as súas vidas penden dun fío. Trátase dunha comedia negra que bebe de fontes moi diversas, como do cineasta Woody Allen ou do director teatral Alfredo Sanzol.
  • A inclusión do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas na Lista Ramsar converterá a Galicia na terceira comunidade española cun maior número de humidais distinguidos con este recoñecemento de carácter internacional, concretamente seis. Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou o arquipélago de Cíes acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias. Tras lembrar que a candidatura do Parque Nacional para entrar na listaxe de humidais de importancia internacional foi ratificada a semana pasada polo Consello de Ministros, a conselleira explicou que, con esta decisión, só Andalucía e Valencia superan a Galicia no ranking estatal de zonas Ramsar, no que ocupa o terceiro posto xunto ao País Vasco.