Noticias
-
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para solicitar desde mañá o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia que se poderá empregar nas ofertas e paquetes publicados polos establecementos adheridos nesta segunda convocatoria do programa. Así o anunciou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na visita ao Noa Boutique Hotel de Oleiros, unha das case 700 empresas que xa se uniron á iniciativa ata agora, o que supón arredor dun 24% máis que na convocatoria do ano pasado, que contou coa participación de 560 empresas. Así, esta nova convocatoria, posta en marcha xunto co Clúster Turismo de Galicia, permitirá mobilizar máis de 6,8 millóns de euros co obxectivo de reactivar o consumo interno mediante o estímulo do consumo e a demanda interna.
-
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe, a petición propia, no Parlamento de Galicia, para informar sobre a evolución da incidencia da pandemia en Galicia no relativo á situación epidemiolóxica e asistencial e aos avances no Plan galego de vacinación fronte á covid. Tal e como subliñou o conselleiro, grazas á previsión na organización e loxística no desenvolvemento do Plan galego de vacinación, o domingo pasado a Xunta tiña vacinadas 546.630 persoas, o 23,1% da poboación. Esta semana prevense administrar 138.500 vacinas, polo que se remataría cunha estimación de 685.130 vacinas, que sería xa un 29% do total da poboación a vacinar, -remarcou o conselleiro-.
-
Un total de 659 aloxamentos turísticos e axencias de viaxes están xa oficialmente adheridos á nova convocatoria deste Bono Turístico, unha iniciativa reeditada co obxectivo de seguir apoiando a reactivación do sector turístico. Esta cifra supón un incremento do 17% no número de empresas adheridas con respecto á primeira edición, que contou con 560 empresas. Pero a previsión é que a cifra final aínda sexa maior, xa que o prazo para adherirse ao programa seguirá aberto ata finais de ano e as solicitudes seguen chegando.
-
O subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de acordar a incorporación do concello de Carballeda de Valdeorras á listaxe de concellos con nivel máximo de restricións, xunto cos concellos da Pobra do Caramiñal e O Grove. A grupo de expertos determinou o establecemento do nivel alto de restricións en oito concellos galegos, nomeadamente, nos municipios de Boiro, Barreiros, Pobra do Brollón, Monterrei, A Illa, Boimorto, O Irixo e Carral.
-
A Xunta de Galicia suspende a administración das vacinas de Astrazeneca nas persoas menores de 60 anos. Así, na xornada de hoxe desconvocou ás 1.403 persoas, pertencentes aos colectivos profesionais esencias, que estaban chamadas a vacinarse hoxe con Astrazeneca. Ademais, o Sergas tamén está a reprogramar as citas dalgunhas persoas maiores de 60 anos, debido ao axuste das doses en cadansúa área sanitaria. As decisións foron adoptadas trala da xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde na que se acordou suspender a inoculación da vacina elaborada pola farmacéutica británica, nas persoas menores de 60 anos.
-
A Biblioteca de Galicia acollerá ata outubro un novo ciclo de relatorios no que dez dos escritores galegos máis representativos do momento compartirán co público as súas experiencias e influencias literarias sobre un libro da literatura galega que marcase a súa traxectoria. Trátase de 10 anos, 10 autores, 10 libros, que comezará este venres e que se enmarca nos actos do décimo aniversario da Biblioteca que está a organizar a Xunta de Galicia durante este ano. O obxectivo da iniciativa non se centrará na obra dos autores, senón doutras obras singulares da literatura galega que marcasen o seu traballo como lectores e tamén como creadores.
-
O conselleiro de Sanidade vén de informar que 203.596 persoas maiores de 80 anos xa foron vacinadas en Galicia, unha cifra que representa o 87% deste grupo de poboación. Está previsto chegar durante esta semana ao 90% de persoas vacinadas neste tramo de idade. Na actualidade, o 2,63% das persoas maiores de 80 anos rexeitaron recibir a vacina. O conselleiro tamén lembrou que hai “entre un 7 e un 8% de persoas que pertencen a outros grupos de poboación que non recibiron a súa vacina cando se lles citou, ben por non poder desprazarse, ou por outros motivos xustificados”.
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.052, deles 356 son da área da Coruña, 250 da de Lugo, 168 da de Ourense, 232 da de Pontevedra, 574 da área de Vigo, 358 da de Santiago e 114 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 83 en unidades de hospitalización e 1.954 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 122.743 persoas curadas, rexistrándose 2.424 falecementos. O número de PCR realizadas é de 2.269.259. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.965.286.
-
A Filmoteca de Galicia estrea este mes a súa nova denominación oficial, baixo a que continuará desenvolvendo tanto o seu labor de recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio audiovisual como a actividade de exhibición cinematográfica na súa sala da Coruña, bautizada co nome de José Sellier en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia. Nela programaranse 19 novas sesións ata finais de abril, entre as que se atopan os últimos filmes dos ciclos da cinemateca da Xunta sobre os icónicos cineastas Mani Kaul e Wong Kar-wai.
-
A Xunta de Galicia e o Goberno central colaborarán en materia de cartografía e información xeográfica para canalizar a produción, mantemento e difusión do seu traballo relacionado con este ámbito. A tal fin, as dúas administracións acaban de asinar o correspondente convenio marco no que se recolle a integración da Comunidade galega no Sistema Cartográfico Nacional, ao tempo que se establece un espazo de colaboración entre ambas en materia de información xeográfica.Cómpre lembrar que Galicia se integrou por primeira vez no Sistema Cartográfico Nacional no ano 2010, mediante a subscrición do correspondente convenio.