Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O DOG publica hoxe a convocatoria para iniciar o proceso de inscrición das entidades colaboradoras da iniciativa dos bonos dixitais, dirixido a operadores de telecomunicación e empresas que ofrezan servizos de internet. Unha vez que se publique no DOG o listado de entidades colaboradoras poderán solicitarse os bonos, que facilitarán a contratación de servizos de internet a persoas vulnerables, cun orzamento de 1,3 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
  • Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra é un evento de comercialización directa e de divulgación dos oficios artesanais no que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia. Os 19 expositores que comercializan as súas pezas neste evento representan 11 oficios diferentes: a marroquinería, a madeira, a elaboración de roupa, o pirogravado, a cerámica, o téxtil, a olería tradicional, a xoiería, os xoguetes, a bixutería e o vidro. Ao longo de toda a xornada celebraranse tamén tres obradoiros gratuítos e abertos ao público.
  • OUR FEST converterá a Ourense no epicentro da música cun cartel que aúna a bandas, como Primal Scream, Belle & Sebastian, Metronomy ou The Big Moon; e propostas punteiras a nivel nacional, como a de Julián Maeso Big Band que ofrecerá un concerto especial en formato Big Band. Os asistentes poderán gozar durante unha xornada moi completa de seis concertos que se prolongarán ata a noite, e no recinto dispoñerán de barras e zona gastro con diversas ofertas de restauración.
  • A Cidade da Cultura pon en marcha 'Olladas máxicas no Gaiás', unha nova actividade pensada para facilitar ás familias a conciliación nas semanas previas ao comezo do curso escolar. Do 29 de agosto ao 9 de setembro, o Museo Centro Gaiás acollerá este campamento urbano deseñado para que a rapazada poida explorar a arte, a música, a maxia e o deporte desde perspectivas que fomenten os valores de solidariedade e igualdade. A Cidade da Cultura afonda así na súa liña de programación familiar cunha proposta que atende as necesidades de conciliación de nais e pais de maneira transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados.
  • Constituíuse unha comisión interdisciplinar co obxectivo de deseñar un plan de recuperación integral do Courel tras o incendio acontecido o pasado mes de xullo, e que definirá as tarefas de rexeneración dos espazos naturais danados e a tramitación das axudas para as persoas que se viron afectadas polo incendio. Ademais de responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Concello de Folgoso do Courel, tamén formarán parte da comisión representantes do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), do xeoparque mundial Unesco Montañas do Courel, da reserva da biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel, profesionais de diversos eidos e membros da asociación de veciños.
  • Festaclown regresa a Vilagarcía de Arousa do 17 ao 21 de agosto cunha vintena de actuacións de compañías e artistas de referencia no mundo do circo, tanto dentro como fóra de Galicia. Durante cinco días sucederanse en diferentes espazos da localidade espectáculos de acrobacias, música, narración e clown, que conforman no seu conxunto un amplo programa escénico. O espectáculo inaugural celebrarase o mércores 17 de agosto ás 11,00 h. na praza de Galicia, da man de Pallasos en Rebeldía, Desastronauts e Clámide coa colaboración especial do Centro de Atención Integral Princesa Leticia Amencer.
  • Só entre as 21,00 h. do pasado sábado e as 8,00 h. do domingo rexistráronse un total de 15 incendios forestais en Galicia. E entre as 21,00 h. do domingo e as 8,00 h. de onte rexistráronse outros 11 incendios. Na provincia de Ourense ao longo do sábado rexistráronse ata tres lumes en Maside con apenas 30 minutos de diferencia entre dous deles, mentres na localidade de Boborás houbo dous incendios iniciados o domingo de forma case simultánea. Rexistráronse tamén catro lumes no concello do Saviñao, nunha mesma parroquia, algún deles con menos de 20 minutos de diferencia. E houbo outros tres lumes ao longo do domingo no concello do Porriño, mentres en Ponteareas se rexistraron dous lumes na fin de semana.
  • A presencia continuada dunha masa de aire cálido sobre a Península, con orixe no norte do continente africano, xunto co bloqueo que exercen as altas presións estacionarias que se estenden dende os Azores ata o noroeste de Galicia, provocan un requecemento do aire. Unha situación que trae temperaturas moi elevadas, especialmente na metade sur da Comunidade. O martes comeza a debilitarse a barreira anticiclónica así que non se descarta a progresiva entrada de aire algo máis húmido que favorecerá a formación de néboas no litoral de Pontevedra, así as temperaturas descenderán lixeiramente nesas áreas. Na xornada do mércores, a retirada do anticiclón favorecerá a entrada de aire atlántico provocando descensos xeneralizados das temperaturas.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou tras a celebración do Consello da Xunta que os damnificados polo episodio excepcional de incendios forestais poderán solicitar as axudas de inmediato, tendo en conta que as ordes sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia do venres 29. Na reunión do Goberno galego celebrada hoxe deuse conformidade ao decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022 e dos criterios das bases reguladoras da concesión de axudas para a reparación de ditos danos, ademais de autorizar ás consellerías á publicación das correspondentes convocatorias.
  • O impulso de empresas tractoras que promovan modelos de innovación aberta e busquen estar en contacto con novas tecnoloxías que consoliden os seus modelos de negocio é a meta que persegue Unirisco, a primeira empresa de capital risco vinculada aos proxectos das universidades galegas. Os reitores da USC e da UDC, Antonio López e Julio Abalde, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e José Ramón Rioboo, deputado de Emprego, acaban de asinar un protocolo de colaboración para impulsar na provincia, a través de Unirisco, a creación de novas empresas innovadoras cunha importante base tecnolóxica.