Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A Cidade da Cultura de Galicia acolleu a V edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que arredor de 600 músicos novos, de 12 formacións musicais, interpretaron os repertorios elixidos para a ocasión. Participaron as Bandas Xuvenís da Banda de Música Municipal de Celanova, da Escola de Música de Salceda, e da Escola da Banda a Unión de Guláns, e as bandas das escolas da Agrupación Musical do Rosal e do Ateneo Musical de Bembrive. Tamén estiveron presentes a Xove Banda de Valga, a Unión Musical de Tenorio, a Banda Infantil e Xuvenil de Antas de Ulla e as bandas xuvenís de Santa Cruz de Ribadulla, Castrelo-Cambados e Lalín.
  • Galicia terá dispoñible, a partir do vindeiro 14 deste mes, a autocita para vacinación da covid das primeiras doses de adultos, así como das primeiras doses de nenos e nenas e recordo de 18 anos en adiante. A autocita poderá realizarse a través da web do Sergas ou por medio da aplicación Sergas Mobil. No momento que unha persoa cumpla os criterios e entre en campaña, a Xunta enviaralle un SMS para indicarlle que xa pode pedir cita. Ademais, as sete áreas sanitarias do Sergas tamén as poderán citar activamente. Xunto ao anteriormente sinalado, o Goberno galego lembra que segue a funcionar a entrada libre para vacinación da covid.
  • Galicia rexistrou un mes de xuño normal en canto ás temperaturas e húmido no que respecta ás precipitacións, xa que segundo os datos obtidos nas principais estacións meteorolóxicas da Comunidade choveu de media un 78% máis do habitual neste mes. Estas son as principais conclusións do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que resalta que o pasado xuño foi un período moi marcado polas chuvias e con temperaturas que se moveron dentro dos valores agardados, aínda que con algún episodio de aire cálido, como o ocasionado pola masa procedente do norte de África que chegou a Galicia a mediados de mes.
  • O Salón Teatro recibe esta fin de semana o espectáculo Tartufo, adaptación do texto clásico de Molìere co que o Centro Dramático Galego participa neste 2022 no regreso do Proxecto NÓS/NOUS. Esta iniciativa, de natureza internacional ao implicar institucións de Francia, Portugal e Galicia, é un espazo de creación escénica e de intercambio entre catro compañías públicas e outros tantos centros de ensino que ten como obxectivo promover tanto a profesionalización como a internacionalización de estudantes no treito final do seu período académico, ao poñelos en contacto con figuras consolidadas do sector teatral.
  • Galicia espera unha ocupación entre o 75% e o 90%, acadando as mellores cifras na primeira quincena de agosto, segundo o informe presentado polo Clúster de Turismo de Galicia que levou a cabo unha consulta aos seus asociados, principalmente do sector hoteleiro, co obxectivo de coñecer as previsións do sector turístico galego para os meses de xullo e agosto. A recollida da información tivo lugar de forma telefónica os días 29 e 30 de xuño. As perspectivas son optimistas para o conxunto de Galicia, tendo en conta a recuperación do Camiño de Santiago e e dos turistas estranxeiros. Na provincia de Pontevedra agárdase acadar cifras similares ás de 2019, con ocupacións entre o 80 e o 90% no mes de agosto.
  • O mércores, 6 de xullo, Paradela dará comezo ás celebracións do seu Bicentenario como Concello, que se prolongarán ata mediados do próximo mes de decembro. Esta conmemoración tivo que ser adiada pola epidemia do Covid, celebrándose agora, neste Xacobeo prolongado, tendo moi presente que Paradela é un fito no Camiño Francés a Compostela. Inaugurarase o Monumento aos Cabaleiros de Santiago, obra de Cándido Pazos, e abriranse ao público tres exposicións, das que dúas itinerarán desde setembro polo Camiño, desde Pedrafota a Compostela.
  • A Xunta ven de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do novo Programa do bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Estas subvencións, que se concederán por un período de 2 anos e cun importe de 250 euros —sempre que non supere a contía da renda mensual—, están dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos que teñan a súa residencia habitual nunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 13.710 deles 2.793 son da área da Coruña, 1.755 da de Lugo, 1.737 da de Ourense, 1.513 da de Pontevedra, 2.421 da área de Vigo, 2.496 da de Santiago e 975 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 21 están en UCI, 599 en unidades de hospitalización e 13.090 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 628.554 persoas curadas, rexistrándose 3.597 falecementos.
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión en Madrid coa secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, Raquel Yotti. Na xuntanza abordouse a asignación de fondos a Galicia a través tanto do Plan complementario de Biotecnoloxía aplicada á saúde -un sector estratéxico para a Comunidade- como dos aprobados no ámbito das ciencias mariñas, a comunicación cuántica e a biodiversidade.
  • Foi presentado o ciclo de concertos Xacobeo Interior, ciclo que terá comezo o venres 1 de xullo cunha programación que levará a música en directo ata vilas de Lugo e Ourense. Contará con algunhas das artistas máis destacadas do panorama galego como De Vacas, Guadi Galego, Leilía, Os D’Abaixo e Uxía & Javier Ruibal. Mestura diferentes estilos que viaxan dende o pop ata á tradición, con paradas na lírica e incluso na parodia e o humor. O Ciclo Xacobeo no Interior é unha aposta pola música en galego e de calidade, pensada para achegar a mellor música galega á veciñanza e camiñantes das comarcas da Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, apoiando promoción das nosas músicas e dos propios entornos rurais atravesados polo Camiño.