Noticias
-
Galicia acaba de despedir unha primavera desde o punto de vista climatolóxico que se caracterizou por ser cálida e seca, un balance ao que contribuíu de forma especial o mes de maio que rexistrou temperaturas moi altas e foi seco no que respecta ás precipitacións. Aínda que o trimestre comezou cun mes de marzo que se moveu dentro da normalidade en canto ás temperaturas e cun pouco máis de chuvia do habitual, abril xa foi máis seco —cun 30% menos de precipitacións que a media— e maio acabou caracterizándose como moi seco tras pecharse cun déficit hídrico do 58%, o que condicionou o balance final do conxunto da estación.
-
Un equipo de físicos e xeógrafos da USC acaba de crear un descritor matemático que permite identificar os territorios máis susceptibles de gromos pandémicos e estimar o impacto das diferentes restricións de mobilidade. Este é o xermolo sobre o que se asenta o primeiro mapa de risco español ante pandemias no que os investigadores mediron a vulnerabilidade de cada localidade ao longo do Estado durante a segunda vaga da COVID-19. O estudo evidencia que un illamento por grupos de idades podería ser máis efectivo que un illamento territorial por municipios.
-
A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño o Serán’03, no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional no maior evento organizado ao redor da pandeireta. Neste III Encontro Galego de Cultura Popular as pandeireteiras serán as grandes protagonistas de tres xornadas cun intenso programa de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, obradoiros e espectáculos para público familiar.
-
Os próximos xoves e venres, 2 e 3 de xuño, Santiago de Compostela acollerá na Cidade da Cultura a reunión fóra de sede da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) e a conferencia sobre turismo sostible, na que se destacará o Camiño de Santiago como modelo de sustentabilidade. Na reunión da Comisión NAT o xoves 2 de xuño abordaranse asuntos relevantes para o contexto europeo, e en especial para Galicia, como a seguridade alimentaria e enerxética, tendo en conta o impacto do conflito en Ucraína sobre os mercados de alimentos e como Europa se enfronta a esta situación.
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 8.847 deles 2.017 son da área da Coruña, 917 da de Lugo, 1.208 da de Ourense, 1.009 da de Pontevedra, 1.630 da área de Vigo, 1.433 da de Santiago e 621 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 27 están en UCI, 459 en unidades de hospitalización e 8.361 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 603.802 persoas curadas, rexistrándose 3.496 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.901.965. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.658.342.
-
A análise dos patróns que se observan na distribución dos apelidos ao longo dun territorio proporciona datos sobre movementos e características das poboacións. Baixo esta premisa, unha investigación da USC acaba de constatar que Galicia atópase dividida en cinco sectores segundo a “rexionalización dos apelidos”. Así o afirma na súa tese de doutoramento a investigadora María José Ginzo Villamayor, quen ademais constata que estes cinco grupos aproxímanse ás divisións eclesiásticas ou dioceses nas que tamén se divide a comunidade autónoma.
-
Galicia continúa sen ter casos confirmados da denominada varíola do mono, ao obter senllos resultados negativos as probas dos tres primeiros posibles casos detectados na comunidade. Nas últimas horas, a Dirección Xeral de Saúde Pública comunicou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, dous novos posibles casos de infección, ascendendo ata 5, o número total de persoas que presentaron un cadro compatible coa varíola do mono.
-
Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul. Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na Comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.573 deles 2.131 son da área da Coruña, 1.092 da de Lugo, 1.247 da de Ourense, 1.072 da de Pontevedra, 1.792 da área de Vigo, 1.553 da de Santiago e 676 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 28 están en UCI, 574 en unidades de hospitalización e 8.971 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 598.798 persoas curadas, rexistrándose 3.480 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.893.796. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.656.778.
-
A Consellería de Sanidade vén enviar as mostras de dous novos posibles casos da enfermidade da varíola do mono ao Instituto de Saúde Carlos III. Até o de agora, a Dirección Xeral de Saúde Pública comunicou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, un total de tres posibles casos de infección, todas elas á espera dun diagnóstico definitivo. Nomeadamente, o pasado venres Sanidade enviou a Madrid as mostras da primeira das persoas que presentou na nosa comunidade un cadro compatible coa definición da varíola do mono. Nas últimas horas, o departamento sanitario da Xunta comunicou dous novos posibles casos e remitiu as mostras ao Instituto de Saúde Carlos III, para que estas sexan avaliadas nos seus laboratorios.