Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A mostra itinerante 'Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño' recala na Cidade da Cultura como última parada do seu percorrido pola xeografía galega. A exposición reúne dez traballos de fotografía e vídeo de artistas actuais, tanto galegos como de fóra do país, que presentan unha nova ollada audaz e orixinal sobre a Ruta Xacobea. Seis grandes contedores de barco transformados en salas de proxección albergan as propostas artísticas que dan forma a un itinerario de múltiples caras no que ten cabida a paisaxe e o territorio, a historia, a vertente espiritual pero tamén as emocións da experiencia do Camiño.
  • A Consellería de Sanidade vén de activar un protocolo para que todos os profesionais sanitarios de Galicia teñan claros os criterios para identificar posibles casos de varíola do mono. De feito, esta mesma mañá detectouse un caso sospeitoso, que xa se remitiu ao Centro de coordinación de alertas e emerxencias sanitarias do Goberno central. Trátase dunha persoa, que non está hospitalizada, e que presenta clínica compatible coa definición de caso distribuída pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, á espera de recibir o protocolo definitivo por parte do Ministerio.
  • O espectáculo sobre María Casares Continente María, coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña, chega ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde se ofrecerán oito funcións ao longo de dúas semanas. O espectáculo é un canto ao teatro e á vida a través do diálogo coa extraordinaria figura da artista.
  • Esta 13ª edición ten prevista a proxección de 138 pezas procedentes de 14 países, das que 53 son estreas internacionais e 47 poderán verse por vez primeira en España. O programa tamén inclúe presentacións, live performance, talleres e encontros profesionais coa participación de 53 artistas convidados, ademais de diferentes actividades para o alumnado de sete centros de ensino da Cidade. A presencialidade e a experiencia colectiva recuperan o seu protagonismo este ano, no que haberá unha importante representación do cinema experimental realizado por mulleres.
  • Un total de 112 praias galegas pertencentes a 34 municipios terán este verán unha bandeira azul, distintivo co que cada ano a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece a areais de todo o mundo en base a criterios de sustentabilidade e de servizos. De todas as praias galardoadas nesta última edición cómpre subliñar que tres lucirán a bandeira por primeira vez: Porto Suevos, no concello de Arteixo; Banda do Río, en Bueu; e Santa Baia, en Vigo. Ademais, a de Fontela Valea, en Barreiros, volve sumarse á listaxe de areais galegos con esta distinción, despois de que o ano pasado non a recibira. Galicia concentra unha de cada cinco das bandeiras concedidas en 2022 en todo o país, con 112 areais recoñecidos que se estenden ao longo de 42,7 km.
  • O Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo anunciou a programación completa da súa 23ª edición que, do 12 ao 17 de maio, ofrecerá un intenso programa con máis de 60 funcións e actividades complementarias arredor do teatro de monicreques. O festival contará cunha importante presenza de compañías galegas na súa programación, coa veterana compañía redondelá Tanxarina á cabeza e protagonizando, así mesmo, a exposición sobre os seus 40 anos de traxectoria. Outras formacións galegas en cartel son Catropés, Cascanueces Títeres, EducaTeatro, Mircromina Títeres, Paporrubio, Títeres Alakrán, Trécola Producións ou Viravolta Títeres.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 15.553, deles 3.069 son da área da Coruña, 2.199 da de Lugo, 2.229 da de Ourense, 1.659 da de Pontevedra, 2.605 da área de Vigo, 2.578 da de Santiago e 1.195 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 722 en unidades de hospitalización e 14.819 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 578.605 persoas curadas, rexistrándose 3.389 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.870.446. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.649.338.
  • O ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario' organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa en maio coas intervencións do director de teatro e de ópera Jorge Lavelli e do actor e director Josep María Flotats. Ambos mantiveron unha estreita relación con María Casares, tanto no eido profesional como persoal, da que darán testemuño en primeira persoa. Este ciclo prolóngase ata finais de ano en seis xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade á artista homenaxeada.
  • A Oficina Técnica da Seca da Xunta acordou o mantemento do estado de prealerta en toda a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa. Os caudais circulantes rexistrados nos ríos da demarcación que, no mes de abril, foron un 48% inferiores aos que normalmente se rexistran neste mes do ano. Máis en detalle, a suma do caudal circulante rexistrado nas estacións de medición que a Xunta mantén nos ríos da demarcación, situábanse a inicios de xaneiro en 200 m3/s e a finais de febreiro baixaron a 85 m3/s. Ata finais de marzo observábase unha certa recuperación, pero no mes de abril descendeu aos 115 m3/s, polo que se segue en valores inferiores á media histórica.
  • Variedade de estilos musicais, de escenarios e de localidades, pero sempre baixo os principios da orixinalidade e da calidade das propostas, a 11ª edición de Xacobeo Importa inclúe unha ducia de concertos que se comezaron en febreiro e que se celebrarán ata o mes de outubro na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, en escenarios como o Palacio da Ópera, a Sala Capitol, o Auditorio Mar de Vigo ou o Pazo da Cultura de Pontevedra, onde rematará en outubro o ciclo. O programa incluíu os concertos de Eagles Of Death Metal e Joan As Police Woman, e contará cos concertos dos ingleses White Lies e de The James Hunter Six en maio.