Noticias
-
O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona incluirá nos seus dous meses e medio de duración espectáculos dirixidos ao público familiar en emprazamentos céntricos dos concellos galegos para mostrar a maxia que ten Galicia a veciños e a visitantes neste Xacobeo 21-22. A programación do festival contará ademais con 7 desafíos extremos levados a cabo neste período por distintos artistas en lugares emblemáticos das 7 grandes cidades. As urbes galegas converteranse en capitais mundiais do ilusionismo e acollerán tamén 7 grandes galas internacionais de maxia coa presenza dos mellores magos e magas do mundo. A iniciativa ten unha parte solidaria con espectáculos previstos nas plantas de Pediatría dos principais hospitais galegos aos que se desprazarán os propios artistas para facer partícipes do festival e achegar a ilusión aos cativos ingresados.
-
O Festival será unha oportunidade única para ver sobre un mesmo escenario a persoas tan destacadas na creación poética como Elisabet Duval, Teresa Moure, Luís Antonio de Villena, Ana Romaní , Carlos Callón, Luís Muñoz, María Castrejón, Xavier Queipo, Andrea Nunes, Daniel Asorey, Andrea Nunes ou Blanca Haddad, ademais de músicos cunha ampla traxectoria como Rodrigo Cuevas ou Projecto Mourente. De forma paralela aos recitais, Alguén que respira! bota de novo man dos cafés con conversa, que se desenvolverán polas mañás no ambigú do Teatro Principal a modo de foros de reflexión.
-
A Cidade da Cultura presenta este mes os volumes 4 e 5 do ciclo Clásicas desfeitas, que leva a escenarios non convencionais obras inspiradas na literatura medieval galega e na renacentista portuguesa. Os dous proxectos están a tomar forma no marco do programa Residencias Artísticas do Gaiás co propósito de achegar unha ollada renovada e actual sobre o patrimonio cultural e artístico. As propostas, coproducidas pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, convidan a traballar ligando as artes escénicas coa creación contemporánea e coa arquitectura, ocupando espazos non teatrais. Un encontro aberto e diverso no que o clásico segue a ser recoñecible nestes anovadores espectáculos.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, resaltou hoxe que a candidatura galega ao Perte de enerxías renovables, que o Goberno aprobou o pasado mes de decembro, suma iniciativas que poderían chegar a mobilizar máis de 3800M€ e conta coa colaboración de empresas de referencia no sector como Naturgy, Iberdrola, EDP Renovables, Navantia e Repsol, ademais de prestar especial atención ás pemes. O Perte de enerxías renovables convocado polo Goberno prevé mobilizar un investimento público-privado de 16.370M€ e a creación de 280.000 postos de traballo.
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 16.725 deles 3.387 son da área da Coruña, 2.002 da de Lugo, 2.257 da de Ourense, 2.070 da de Pontevedra, 3.077 da área de Vigo, 2.930 da de Santiago e 928 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 34 están en UCI, 397 en unidades de hospitalización e 16.294 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 488.152 persoas curadas, rexistrándose 3.127 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.717.400. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.558.541.
-
Galicia viviu un inverno moi cálido e seco durante o que se rexistrou a menor cantidade de precipitacións da última década, xa que hai que remontarse ata o ano 2012 para atopar rexistros de chuvia aínda máis baixos. Así se conclúe no resumo do informe elaborado por MeteoGalicia sobre o inverno climatolóxico, que abrangue os meses de decembro, xaneiro e febreiro e ten en conta os datos recollidos nas estacións máis representativas da Comunidade así como a súa evolución durante o período de referencia 1981-2010. No que respecta ao comportamento das temperaturas, o trimestre foi moi cálido, algo ao que contribuíu sobre todo un decembro no que tanto as máximas como as mínimas se mantiveron en valores elevados durante case todo o mes.
-
Dende o luns a Xunta de Galicia pon en funcionamento o novo protocolo de identificación e manexo dos contactos estreitos da covid, logo da actualización sobre a recomendacións das corentenas. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou na presentación do protocolo a importancia que supón este cambio e fixo unha chamada ao sentidiño, posto que nos últimos días o sistema de rexistro da Consellería de Sanidade está a alertar dun incremento no número de casos, asociados probablemente aos actos do entroido, polo que apelou á cidadanía a seguir cumprindo as normas.
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea convida a percorrer a historia da arte recente a través da mostra Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC, con obras incorporadas aos fondos do museo nas dúas últimas décadas. Comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e Sara Donoso, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, a iniciativa volve situar a colección do CGAC como un eixe imprescindible e central do seu traballo e misión. A exposición caracterízase pola súa diversidade e riqueza plástica, tanto na traxectoria coma na orixe dos artistas representados.
-
A Filmoteca de Galicia retoma a programación para ofrecer unha retrospectiva do mestre do cinema xaponés Mikio Naruse, con once títulos que se poderán ver na sede coruñesa da Fundación Barrié debido ás obras de modernización que se están a acometer no centro audiovisual da Xunta. Trátase dunha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Japan Foundation e en paralelo coas filmotecas de Valencia e de Cataluña, así como co Círculo de Belas Artes de Madrid. O ciclo comeza este mércores e prolóngase ata o día 15 con sesións ás 17,00 e ás 19,30 h. A entrada é de balde ata completar a cabida.
-
A Xunta comezará en marzo a posta en funcionamento dos caixeiros e dos servizos de asistencia financeira e formación no rural. Estes servizos iranse implantando semana a semana en cada un dos 38 concellos que o solicitaron para achegar unha solución a máis de 51.000 galegas e galegos. Así o anunciou hoxe no Parlamento o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que subliñou que esta iniciativa non se limita á instalación de caixeiros, senón que busca unha presencialidade física nos concellos a través dos servizos de asistencia e formación, que deben desenvolverse de xeito presencial e con persoal da propia entidade financeira.