Noticias
-
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, ofrece todos os luns ás 20,00 horas, a partir do 24 de xaneiro e ata o 7 de marzo, accións escénicas improvisadas para promocionar A peste, a súa nova produción. Trátase do programa ImproVersións, un proxecto dirixido por Antón Coucheiro co que se representará un espectáculo diferente cada semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela. As pezas inspiraranse na temática e na atmosfera de A peste, así como nas suxestións do público, para realizar variantes libres e aloucadas arredor do clásico de Albert Camus. Ademais, utilizaranse a escenografía, o atrezzo e a iluminación da montaxe que vén de estrear o CDG con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó.
-
As farmacias galegas poderán subministrar os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos aos pacientes no primeiro trimestre deste ano. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha xornada organizada pola Asociación Española de Dereito Farmacéutico. Esta é unha das demandas máis reiteradas polos pacientes e os profesionais de farmacia, xa que supón mellorar o seguimento e adherencia ao tratamento. Coa Lei de ordenación farmacéutica de Galicia, simplifícase ao máximo o procedemento administrativo, ao permitir ás oficinas de farmacia prestar este servizo mediante unha declaración responsable.
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 77.236 deles 15.852 son da área da Coruña, 7.888 da de Lugo, 8.183 da de Ourense, 9.175 da de Pontevedra, 20.407 da área de Vigo, 11.755 da de Santiago e 3.976 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 49 están en UCI, 539 en unidades de hospitalización e 76.648 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 278.447 persoas curadas, rexistrándose 2.861 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.486.009. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.178.955.
-
Os trens turísticos consolídanse como unha opción para descubrir Galicia e neste ano poranse en marcha coa previsión de recuperar o número de viaxes e a ocupación anterior á covid. Así, a través de 13 itinerarios atravesaranse faros, pazos, xardíns históricos, mosteiros, a ruta da lamprea, os Camiños de Santiago e as zonas das 5 denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Como novidade, incorporaranse a Ruta das Mariñas por Betanzos, Pontedeume, Cabanas e Ferrol e a Ruta dos Queixos entre A Coruña e Teixeiro. A iniciativa demostrou ser unha das experiencias máis seguras con rigorosos protocolos anticovid para xerar confianza nos viaxeiros.
-
Un total de 50 centros educativos de toda Galicia desenvolverán programas de integración das familias na actividade da biblioteca escolar ao longo do curso 2021/2022. Todos os centros participantes están integrados no Plan de Mellora Bibliotecas Escolares e solicitaron participar neste novo programa, cuxo obxectivo é estimular o desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou pensadas para a formación e a participación en experiencias de lectura e de traballo coa información e medios de comunicación.
-
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, cifrou hoxe o sobrecusto da variable dispersión para Galicia en máis de 500 millóns anuais, máis do dobre do que aporta o sistema. Así o expuxo esta mañá na súa comparecencia na Comisión non permanente especial de estudo para abordar a proposta da Comunidade Autónoma de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento. O conselleiro sinalou que a dispersión é o que caracteriza á Comunidade Autónoma e o que a singulariza en España, e remarcou que é un factor exclusivo que a diferenza doutras Comunidades Autónomas pero que a achega a Europa.
-
A nosa comunidade situouse en 25 puntos por riba da media nacional en canto á recuperación da actividade turística con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noite, e con case 180.000 Compostelas entregadas fronte ás 140.000 previstas. O modelo de turismo tranquilo en espazos abertos que buscan os viaxeiros pospandemia converteu á comunidade nun destino de moda o ano pasado e ao Camiño de Santiago nun reclamo turístico neste Ano Santo. A isto axudaron iniciativas como o seguro coronavirus, o bono turístico ou o traballo de promoción a través da campaña Camiña a Galicia.
-
A Xunta adaptou o novo protocolo de xestión de casos covid en centros educativos fixado a nivel nacional ao contexto específico das escolas infantís. A principal novidade deste documento é que unha aula se illará cando os casos positivos confirmados superen o 20% do total dos nenos e traballadores dun grupo de convivencia estable. O Goberno central emitiu unha directriz para todas as comunidades autónomas que ten como ámbito de aplicación os centros educativos de 0 a 12 anos. Nela establécese que pechará unha aula cando o número de positivos supere os cinco nenos ou o 20% da aula.
-
A nosa comunidade é a que ten máis poboación maior de 12 anos vacinada con pauta completa, máis do 95%. Igualmente, tamén é a comunidade con máis nenos e nenas de entre 5 e 11 anos coa primeira dose posta, un 60%, e, así mesmo, lidera a porcentaxe de poboación con dose de reforzo en todos os grupos de idade. Respecto dos obxectivos establecidos na conferencia de presidentes celebrada o 22 de decembro, Galicia xa cumprira o 13 dese mes o propósito marcado para final de ano de ter vacinada con dosis de reforzo ao 80% da poboación de 60 a 69 anos.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, a oportunidade que a fábrica de fibras téxtiles e o centro de economía circular, que optan aos fondos europeos Next Generation, supoñen para afrontar a transición enerxética en España. 'Acordamos seguir avaliando ambos proxectos que cremos poden ser moi interesantes para os plantexamentos medioambientais do Goberno central', dixo , recordando que a fábrica de fibras téxtiles é clave para seguir aproveitando a capacidade forestal da comunidade e, adicionalmente, o proxecto de economía circular permitiría tratar 7.000 toneladas de xurro.