Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou hoxe o derrubamento do tramo da A-6 como un problema de índole nacional e reclamou á ministra de transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que sexa abordado coa máxima prioridade e co máximo nivel de atención. Logo de agradecer á ministra que se desprazase para comprobar en primeira persoa o estado do viaduto, o presidente da Xunta aproveitou o encontro para explicarlle o impacto que o colapso deste tramo está a ter na economía galega. A este respecto, indicoulle que o corte supón que a metade norte de Galicia, as súas empresas e os seus portos se queden sen unha vía fundamental para o transporte de mercadorías.
  • Atlántica 2022 contará coa participación de 42 narradores nacionais e internacionais de distintos lugares do mundo como Colombia, Bos Aires, Brasil, Portugal, Romanía, Hungría, Alemaña, Marrocos, Uruguai ou puntos de España (Guipúscoa, Madrid, Valencia, León e Zamora). Están previstas un total de 94 funcións, en concreto nas cidades de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Ferrol, así como nos concellos de Outes, Teo, Carnota, A Pobra do Caramiñal, Mugardos, Boiro, Dodro, Paderne, Ribeira, Padrón e Zas na provincia da Coruña; Sanxenxo, Campo Lameiro, A Estrada, Cuntis, Pazos de Borbén e Lalín, na de Pontevedra, e Alfoz, Chantada e Mondoñedo, na de Lugo.
  • A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo e na que recupera a súa dimensión internacional tras dous anos centrados no apoio ás compañías galegas cun formato condicionado pola pandemia. Baixo o lema 'Actuando nas marxes', a programación que se desenvolverá en diferentes espazos da capital do Ribeiro, con epicentro no Auditorio Rubén García do Castelo, está integrada por unha vintena de producións de teatro e danza chegadas de Perú (Hamlet, de Teatro La Plaza), Portugal (Margem, de Nome Próprio) e diferentes puntos de Galicia e do resto de España, como A Rioxa, Baleares, Cataluña, Madrid ou País Vasco.
  • Baixo o título 'O museo como escenario', o CGAC acolle unha mostra experimental sobre as artes vivas, a performance e os fenómenos escénicos que poderá visitarse ata o día 2 de outubro. Este proxecto busca converter o museo nun espazo escénico onde os espectadores teñen a posibilidade de experimentar coa arte dun xeito diferente. O museo como escenario incide en como ao longo do século XX a performance entendida como actuación sen escenario ou outros fenómenos como a danza ou as artes visuais son capaces de transformar as salas dun museo.
  • Galicia sitúase como epicentro do Festival New European Bauhaus, un evento que se celebra en paralelo en varias cidades europeas, e que busca transformar a Unión Europea impulsando un estilo de vida integral e sostible, que sitúe ás persoas no centro e poña á súa disposición recursos multisectoriais (arquitectónicos, paisaxísticos, económicos, culturais, tecnolóxicos) para unha vida mellor, cos profesionais da saúde como prescriptores deste cambio. O Servizo Galego de Saúde, como socio oficial da New European Bauhaus, impulsa este evento na Cidade da Cultura de Galicia, na que se celebrou un forum, e que acollerá diferentes workshops sobre novas tendencias.
  • Tivo lugar a presentación da nova tempada dos Trens Turísticos de Galicia, que nos meses de setembro e outubro teñen programadas 37 saídas, con novos roteiros (a Ruta dos Queixos de Galicia e a Ruta de As Mariñas), melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa sete edicións. Xa se venderon un 26% de toda a oferta de prazas de trens turísticos desta edición, o que significaría que contando só a oferta de prazas do mes de xuño sería case do 75 %. Os Trens Turísticos de Galicia conseguiron unha ocupación de case o 100% na edición anterior entre os meses de xuño e agosto, o que mostra a súa consolidación como un dos produtos turísticos máis demandados polos galegos e visitantes.
  • O Son do Camiño reunirá no Monte do Gozo a 47 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo os vindeiros 16,17 e 18 de xuño. Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán, coincidindo ademais co Xacobeo. O Son do Camiño contará co cartel máis grande da súa historia, coas actuacións de The Chemical Brothers, C.Tangana, Sebastián Yatra, Guadi Galego, The Killer Barbies, Furious Monkey House, Liam Gallagher, Budiño, Jason Derulo, Dani Martín, Rigoberta Bandini, Triángulo de Amor Bizarro e Pablo Lesuit, entre outros.
  • O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia. Nesta nova xeira de charlas procuráronse escoller os concellos onde a microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos, etc.) correse un maior risco de perda, como é o caso daqueles lugares que están a vivir un forte despoboamento ou a sufrir amplos procesos de transformación do territorio.
  • A demarcación hidrográfica de Galicia-Costa afronta o verán en situación de prealerta por seca prolongada e ofreceu axuda aos concellos para incentivar o aforro de auga e eliminar as fugas das redes. A Oficina Técnica da Seca, encabezada por Augas de Galicia e integrada tamén por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, celebrará unha nova reunión na que se manterá esta prealerta debido aos indicadores actuais. Nin as chuvias rexistradas en maio, nin as dos últimos días, tiveron efecto nos caudais circulantes, é dicir, non foron suficientes para mudar a situación de prealerta por seca prolongada que leva padecendo Galicia-Costa desde o mes de febreiro.
  • O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) afonda na memoria dos lugares e das súas formas de ocupación coa mostra Nalgures, da australiana Narelle Jubelin. Esta iniciativa procura un achegamento ao contexto galego, coa incorporación de fotografías da catalana Anna Turbau realizadas a finais dos anos 70 e que reflicten o territorio, a memoria e a identidade dunha Galicia en tránsito. A artista inclúe por primeira vez nunha exposición outras creacións artísticas, como as imaxes mencionadas ou pezas descatalogadas de Cerámicas do Castro e de Sargadelos, algunhas pertencentes ao Laboratorio de Formas.