Noticias
-
Galicia viviu o outubro máis chuvioso dos últimos 9 anos e a Xunta avanza que as perspectivas meteorolóxicas de cara a combater a situación de seca son boas. A precipitación media acumulada en outubro foi de 226 l/m3 (un 37% superior ao valor climático normal), e ademais desde o punto de vista climatolóxico, novembro é o segundo mes máis chuvioso do ano, soamente superado por decembro, polo que, de cumprirse a previsión de normalidade, as chuvias serán bastantes cuantiosas nestas semanas. No que atinxe ás temperaturas, durante o pasado mes de outubro estiveron 3º C por riba da media climática 1981-2010 (17,5ºC fronte a 14,5ºC).
-
A serie de películas rodadas en Francia con María Casares como protagonista será un dos eixos da nova programación para o mes de novembro da Filmoteca de Galicia, co que se suma na recta final de ano á celebración do centenario da actriz coruñesa. A carteleira de novembro complétase coa continuidade dos ciclos dedicados a Charles Chaplin, a nova proposta Filmes falados ou varios pases dedicados á Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona (MIFDB), entre outros contidos. Precisamente o encontro catalán que leva 30 anos de traxectoria poñendo o foco no tratamento do feminismo desde o cinema será o que abra o programa de novembro na sala José Sellier.
-
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, será por segundo ano consecutivo o escenario do ciclo Quintas do Camões, organizado entre o CDG e o Centro Cultural Portugués do Instituto Camões en Vigo. O programa deste ano volve poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, ademais de incidir no papel do teatro como espazo para o encontro cultural. As Quintas do Camões arrancan coa presentación da Antoloxía do teatro galego contemporáneo, escolma en dous volumes e edición bilingüe publicada pola Cena Lusófona, asociación portuguesa para o intercambio teatral no ámbito lusófono.
-
Máis de 112.000 clientes de toda Galicia descargaron xa o Bono Activa Comercio en pouco máis de 24 horas (onte foi o primeiro día no que puideron solicitarse estes descontos), mentres que o número de comercios adheridos supera os 4.500. Os bonos, en formato de código QR, poden descargarse a través do móbil na web bonosactivacomercio.gal, onde tamén poden sumarse ata o 30 de novembro novos establecementos comerciais. A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes.
-
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu a apertura de 'O Galiverso empeza aquí', unha iniciativa tecnolóxica, cultural e educativa para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial galego a través do emprego de tecnoloxías inmersivas. Neste novo espazo do Museo Centro Gaiás as persoas visitantes poderán vivir 12 experiencias diferentes de realidade virtual que percorren monumentos, espazos naturais e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas.
-
O 'cohousing' ou vivenda colaborativa é un modelo de convivencia que conta cunha ampla traxectoria noutros países como os nórdicos. Entre as condicións e requisitos que se establecen nesta normativa atópase que as instalacións poderán albergar un máximo de 150 persoas cunha idade igual ou superior aos 55 anos. Ademais, os centros contarán con espazos privados -conformados por un cuarto, baño, cociña, salón e rocho- así como zonas de uso común. Así mesmo, tamén se prevé unha sala ou espazo de atención sociosanitaria para a asistencia de persoas que requiran coidados.
-
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) xa está certificado como destino de ecoturismo, que o converte no primeiro parque nacional de todo o país en obter este recoñecemento oficial ao seu traballo a prol da calidade e da sostibilidade turística dentro das áreas e espazos naturais amparados por algún tipo de protección. Así se deu a coñecer no VI Congreso Nacional de Ecoturismo, que se celebra no Pazo de Mariñán, escenario escollido pola súa localización dentro da Reserva de biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, que exerce de anfitriona e foi o primeiro destino de ecoturismo certificado en Galicia.
-
Foi presentado o Festival Kerouac, unha das citas de poesía escénica máis lonxevas de España que se celebra anualmente en Vigo. A programación arranca o xoves na Galería Maraca, onde se darán cita os Poetryfighters vigueses para dar comezo ao festival. Nesta primeira cita o poeta e rapeiro Malvares, a artista multidisciplinar Lupita Hard e o poeta e tamén director do festival, Marcos de la Fuente, presentarán a antoloxía bilingüe Poetryfighters, un volume que recolle voces de poetas que unen México e Estados e Unidos a través dun movemento poético. Neste evento colaborarán tamén alumnos e profesores da Escola Oficial de Idiomas, que lerán as traducións dos poemas en inglés.
-
O certamen comeza este martes e finaliza o sábado 22 tras a proxección de 47 pezas audiovisuais en tres emprazamentos diferentes: o Auditorio Municipal, o Museo MARCO e o Cine Salesianos. As proxeccións divídense en catro categorías a concurso e todas elas son de acceso libre ata completar aforo. Ademais, o certame tamén servirá para presentar o documental autobiográfico de Gonzalo Suárez, co-director do festival, que conta como entrar no equipo de balonceso Amfiv cambioulle a vida, despois de quedar en cadeiras de rodas por un accidente.
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.009, deles 444 son da área da Coruña, 229 da de Lugo, 359 da de Ourense, 210 da de Pontevedra, 266 da área de Vigo, 330 da de Santiago e 169 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 4 están en UCI, 145 en unidades de hospitalización e 1.860 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 674.179 persoas curadas, rexistrándose 3.925 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.985.756.