Noticias
-
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta vén de activar para mañá alerta laranxa por nevaradas nas zonas de montaña das provincias da Coruña e Lugo. Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
-
Os espectáculos teatrais, a gran maioría de produción galega, concentran boa parte da oferta da rede, con 250 funcións programadas a cargo de 79 compañías profesionais. Destacan, entre eles, algunhas das agardadas novidades da actual temporada teatral, como a estrea no Teatro Rosalía Castro de Mosca, no que a compañía Ártika aborda o drama do acoso escolar con Gustavo del Río na dirección, ou de Vox Populi, de Malasombra, ópera rock de gran formato que se estrenarña proximamente en Narón.
-
A temperatura media foi de 14,9 graos, un valor considerado como extremadamente cálido e rexistrándose, ademais, unha anomalía positiva de 1,4 graos con respecto aos valores esperados. Deste xeito, houbo meses extremadamente cálidos como maio e xullo. Neste último mes produciuse unha vaga de calor histórica superando os termómetros os 40º en moitos puntos da Comunidade. E, ademais, o día 14 de xullo vivimos un evento chamado Sistema Convectivo de Mesoescala, que xerou unha área tormentosa do tamaño de Galicia que deixou máis de 6.000 raios en 4 horas.
-
O Centro Dramático Galego inicia hoxe a súa programación de 2023 coa primeira das preto de 90 funcións que desenvolverá ata finais de abril en Santiago de Compostela, tanto na súa sede do Salón Teatro como no Salón Nobre do Pazo de Fonseca e na Cidade da Cultura de Galicia. Destacan nesta carteleira a posta en escena de seis das producións propias e coproducións da compañía da Xunta de Galicia, entre as que se inclúen as estreas e temporadas de exhibición dos espectáculos Shakespeare en Roma e Un hotel de primeira sobre o río.
-
A Rede de Bibliotecas de Galicia, formada por máis de 300 centros públicos, pechou 2022 con case 1,6 millóns de préstamos, o que supón un incremento do 23 % en relación a 2021. Esta cifra coñécese o mesmo día que as bibliotecas celebran o Día do usuario/a, unha efeméride recollida no Calendario do libro e da lectura de Galicia que se conmemora cunha ampla programación para achegar estes servizos á cidadanía, con visitas comentadas ás instalacións, obradoiros, contacontos e recoñecementos aos lectores máis activos.
-
A mostra, que pode visitarse na sede Afundación ata 28 de xaneiro, exhibe unha escolla de 115 pezas, entre as que se atopan obras de arte, fotografías, mapas e documentos históricos, obxectos inzados de simbolismo, vídeos e instalacións interactivas, coa que se convida a explorar a identidade e legado da urbe. Percorre a evolución e construción da cidade a través dunha combinación de obxectos e materiais físicos e tecnoloxías interactivas.
-
As chuvias rexistradas nas últimas semanas permitiron desactivar o estado de seca prolongada en toda a demarcación hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica. Na xuntanza da Oficina Técnica da Seca celebrada hoxe, presidida pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e na que tamén participaron Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, confirmouse a melloría da situacións tras as chuvias intensas rexistradas nas últimas semanas. A consolidación dos indicadores favorables do mes de novembro, coas precipitacións de decembro, permitiron recuperar os valores de normalidade en canto a chuvia rexistrada, superando a situación de seca prolongada que se mantiña activa aínda nalgúns sistemas da demarcación.
-
A Filmoteca de Galicia arranca as proxeccións da súa carteleira de xaneiro, coa que iniciará dúas retrospectivas dedicadas ao director iraniano Abbas Kiarostami e ao portugués Paulo Rocha, ademais de continuar co ciclo Filmes falados e cos seus especiais conmemorativos dos centenarios da actriz María Casares e do cineasta experimental Jonas Mekas. Kiarostami, un dos realizadores máis relevantes e influentes do seu tempo, protagoniza o arranque da nova programación na sede coruñesa da cinemateca da Xunta, que ofrecerá hasta abril un completo percorrido cronolóxico pola súa obra. Así, durante este mes proxectaranse 14 das curtas e longametraxes da súa primeira etapa, que vai de 1970 a 1980, agrupadas en catro programas.
-
A Xunta de Galicia conmemora o vindeiro mércores 11 o Día do Usuario das Bibliotecas cunha ampla programación para achegar estes servizos á cidadanía, con visitas comentadas ás instalacións, obradoiros, contacontos e recoñecementos aos lectores máis activos durante o ano pasado. A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés programa un obradoiro de 10,00 a 11,00 horas coordinado por Lía Santiso dirixido a público adulto para reflexionar sobre distintas obras literarias e tamén para que os usuarios podan compartir as súas experiencias.
-
A Cidade da Cultura despide 2022 superando o millón de visitas e coa cifra récord de 28 exposicións organizadas nun mesmo ano, un máximo que se acadou precisamente durante a celebración do décimo aniversario do Museo Gaiás. Co obxectivo de levar os seus contidos máis alá de Santiago e ampliar o público que pode acceder a eles, as mostras exhibíronse non só nos espazos da Cidade da Cultura, senón tamén nunha decena de centros e museos doutras localidades.