Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • Nun día coma hoxe, é inevitable botar a vista atrás e facer balance de todo o andado neste 2022. E facelo aquí, onde os peregrinos acreditan a súa chegada ao final de todos os Camiños, a Galicia. Eles superáronse para chegar canda nós, igual que o Camiño de Santiago superouse a si mesmo como a nosa mellor carta de presentación ante o mundo. Ao longo do ano foron 438.000 as persoas que recolleron a Compostela neste Centro de Acollida ao Peregrino, certificando así unha experiencia que seguro vai permanecer sempre no seu recordo. A elas hai que sumar outras moitas que completaron a Ruta sen achegarse a pola súa credencial.
  • A Xunta manterá a partir do vindeiro 1 de xaneiro o desconto do 50% nos autobuses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol. O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a orde que permite continuar con estas bonificacións do 50% no transporte público autonómico, que se aplicará sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia, TMG e Xente Nova. A orde regula o establecemento dunha minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta.
  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe o convenio co que a Xunta vai impedir unha suba do 7% nas peaxes das autoestradas autonómicas e lamentou a 'pésima noticia para Galicia' do incremento das tarifas da AP-9 e da AP-53. Vázquez Mourelle, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, asinou hoxe co director xeral da concesionaria Autoestradas de Galicia, César Canal, o convenio que establece as tarifas que se van aplicar a partir do vindeiro 1 de xaneiro nas dúas autoestradas de xestión autonómica, A Coruña-Carballo (AG-55) e Vigo-Baiona (AG-57).
  • Tivo lugar a posta en marcha no Complejo Hospitalario Universitario de La Coruña dunha nova unidade de ensaios clínicos, que permitirá avaliar a efectividade de novos fármacos, unidade que representa un punto de inflexión no marco da investigación sanitaria. Destaca especialmente o servizo de Oncoloxía Médica do hospital coruñés, que conta con máis de 160 ensaios clínicos activos que amplían a información dispoñible en terapias dirixidas ou inmunoterapia en distintos tumores sólidos, ademais de achegar coñecemento sobre novos mecanismos de resistencia primaria adquirida.
  • A Xunta puxo en marcha o ano pasado o Bono Activa Comercio con descontos de 30 euros para os beneficiarios. Nada máis saír a convocatoria no mes de outubro, esgotáronse en tres días os bonos dispoñibles. Desde a súa posta en marcha foron máis de 166.000 os galegos que os descargaron para facer as súas compras nos máis de 6300 comercios adheridos en toda Galicia, de tal maneira que o 60% dos concellos galegos contan con algún establecemento asociado.
  • Foi presentado hoxe no Centro de acollida ao peregrino, o espectáculo de luz, son e danza que terá lugar o vindeiro 31 de decembro co motivo do remate do Xacobeo. A compañía Nova Galega de Danza, dirixida por Jaime Pablo. será a encargada de levar a cabo o espectáculo de luz, que une tradición e modernidade no mesmo camiño. Un equipo composto por arredor de 100 persoas, entre o corpo de baile, coro, técnicos e persoal de produción farán as delicias dos espectadores e farán do peche da Porta Santa un acontecemento que se retransmitirá pola TVG, e que dará comezo e torno ás 19h despois da misa na Catedral.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.069, deles 446 son da área da Coruña, 238 da de Lugo, 318 da de Ourense, 174 da de Pontevedra, 462 da área de Vigo, 290 da de Santiago e 141 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 3 están en UCI, 238 en unidades de hospitalización e 1.828 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 683.343 persoas curadas, rexistrándose 3.998 falecementos. O número de PCR realizadas é de 4.020.807. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.512.240.
  • Galicia rexistrou un outono moi cálido e moi húmido segundo o Informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia que foi presentado hoxe pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez. Segundo o informe, o outono de 2022 foi moi cálido cunha temperatura media de 15,9 ºC, o que supón unha anomalía positiva de +1,4 graos con respecto á media da serie histórica 1981-2010. Sagrario Pérez explicou que isto se debeu principalmente a que as temperaturas mínimas foron moi cálidas –sobre todo no mes de outubro (+1,9 ºC) mentres que as máximas foron cálidas (+1 ºC).
  • 'Inventio' é unha aposta vangardista en gran formato que bota man da maxia, a danza e o circo para colocar o Camiño de Santiago como eixo vertebrador da identidade cultural galega. A proposta consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, e que por outra asume as máis audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional. Brindará tres funcións no Auditorio Mar de Vigo entre o 3 e o 4 de xaneiro.
  • Foi presentada a programación dunha nova edición de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística que arranca este venres e levará actividades para público familiar a unha vintena de concellos. Na edición deste ano apóstase por actividades dirixidas aos máis pequenos da casa. A primeira das actividades será este venres no centro social de Pontecesures coa proposta Fazulas e o ladrón de paraugas. Trátase dunha iniciativa da compañía teatral Bandullo Azul, protagonizada por Fran Campos e baseada no libro homónimo de Xosé Lueiro, do que o concello receptor da actividade recibirá 5 exemplares.