Noticias
-
Foi inaugurado en Pontevedra o Congreso sobre prevención, modelo forestal e usos do solo, enmarcado no proxecto europeo Interlumes, que se integra, á súa vez, no Programa Interrreg VA 2014-2020 Galicia- Portugal (POCTEP). O obxectivo fundamental de Interlumes é o de reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais na fronteira de España e Portugal. Para iso, a través do proxecto melloraranse e reforzaranse os medios existentes de prevención e extinción de incendios. Tamén se avanzará na definición dun protocolo de actuación conxunta e xestión compartida de medios e modelos de actuación na defensa contra o lume que homoxeneíce as actuacións que in situ se levan a cabo na fronteira.
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.347, deles 254 son da área da Coruña, 169 da de Lugo, 210 da de Ourense, 122 da de Pontevedra, 313 da área de Vigo, 197 da de Santiago e 81 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 5 están en UCI, 190 en unidades de hospitalización e 1.152 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 682.770 persoas curadas, rexistrándose 3.983 falecementos. O número de PCR realizadas é de 4.016.272. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.502.506.
-
A Xunta pídelle ao Goberno de España que manteña en 2023 as bonificacións no billete de autobús autonómico, ao igual que fará co tren. O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, vén de remitir un escrito ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, reiterándolle esta solicitude do Goberno galego, que xa fora trasladada en ocasións anteriores. No escrito remitido, solicítase do Goberno de España información sobre os plans previstos para prorrogar, a partir do 1 de xaneiro, as bonificacións do 50% no billete de autobús autonómico que vén aplicando a Xunta desde o pasado 1 de setembro.
-
O programa Radio na Biblio vén de incorporar 30 novos centros educativos, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa se eleva a 167. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán axudas para a realización de obradoiros de formación específica.
-
Tivo lugar unha xuntanza da Oficina Técnica da Seca, na que participan Augas de Galicia, Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, na que se confirmaron as expectativas de melloría dos indicadores de seca prolongada e de escaseza conxuntural. As precipitacións rexistradas no conxunto da comunidade no mes de novembro foron un 50% superiores aos valores medios, e as previsións para o mes de decembro apuntan á normalidade, sendo este mes o máis chuvioso do ano no clima galego. En relación coas reservas de auga dispoñibles de abastecemento, na xuntanza de hoxe confirmouse que a evolución dos caudais dos ríos, ademais de manterse, experimentaron unha importante melloría.
-
A Xunta mantén en 2023 o transporte gratuíto aos menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova, que rexistrou un incremento de usuarios de máis dun 22% nos primeiros dez meses do ano. Esta tarifa gratuíta aplícase aos usuarios da tarxeta Xente Nova en ata 60 viaxes ao mes no autobús interurbano da Xunta e no transporte en barco da ría de Vigo e no ferrocarril de proximidade na área de Ferrol. Na actualidade, esta iniciativa permite viaxar de balde en toda Galicia a máis de 132.000 menores de 21 anos.
-
O Gaiás vén de dar a coñecer a programación para este ano do Nadal, cunha variada oferta pensada para gozar en familia. As actividades darán comezo o 16 de decembro co tradicional acendido da iluminación exterior e da Árbore de Nadal da Cidade da Cultura, e inclúen visitas especiais ao museo, obradoiros creativos, teatro e toda unha nova serie de experiencias de realidade virtual no Galiverso.
-
Galicia é a comunidade autónoma que máis candidaturas presenta para ser recoñecidas co distintivo de Sendeiros azuis, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna. Galicia presenta un total de 35 candidaturas, das que 22 corresponden á provincia de Pontevedra, 7 á da Coruña, e 6 á de Lugo. A nivel estatal, preséntanse un total de 106 candidaturas en 20 provincias cunha extensión total de 589 quilómetros.
-
Nos últimos oito anos estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia do VIH en Galicia. Así, no período 2004-2021 a indicencia media anual foi de 6,4 casos por cada 100.000 habitantes, situando á Comunidade por debaixo da media española, próxima aos 10 casos por 100.000 habitantes no mesmo período. No ano 2021, a incidencia foi de 4,8 infeccións por 100.000 habitantes, fronte aos 5,7 por 100.000 habitantes de 2019. Fronte ao VIH, a estratexia fundamental é a prevención, xa que a día de hoxe aínda se carece dunha vacina preventiva ou dun tratamento curativo para evitar unha infección e dado que o 80% das transmisións se producen por vía sexual.
-
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.382, deles 265 son da área da Coruña, 164 da de Lugo, 275 da de Ourense, 131 da de Pontevedra, 256 da área de Vigo, 172 da de Santiago e 119 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 10 están en UCI, 179 en unidades de hospitalización e 1.193 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 681.408 persoas curadas, rexistrándose 3.968 falecementos. O número de PCR realizadas é de 4.009.629. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.487.756.