Notas
-
O número de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) dados de alta no rexistro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aumentou nun 13% no último ano, xa que pasou dos 1.206 dispositivos rexistrados en decembro de 2017 aos 1.367 aparellos inscritos actualmente. A provincia galega que conta co maior número de DESA rexistrados é A Coruña con 661.
-
A memoria anual da Academia Galega do Audiovisual, coñecida como Os Papeis da Academia, publícase con textos de María Yáñez, Brais Romero, Cibrán Tenreiro e fotos de Tamara de la Fuente en formato revista web que se pode consultar en papeisdaacademia.gal. Os Papeis da Academia contan co patrocinio do Concello da Coruña e coa colabroación da Fundación TIC, de Lugo.
-
O Concello de Ourense aprobou a proposta para o convenio de colaboración entre a Entidade Pública Empresarial Red.es e o Concello para o desenvolvemento do proxecto “Ourense: Capital Termal Intelixente”, que converterá á cidade en referente nacional no uso das novas tecnoloxías en materia turística.
-
A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora Mª Xosé Queizán recibiron o Premio Otero Pedrayo nun acto que se desenvolveu na Biblioteca da Deputación da Coruña e que reuniu representantes das catro deputacións e da Xunta de Galicia, institucións convocantes do premio, ademais doutras entidades. A Deputación da Coruña foi nesta nova edición a organizadora dun premio que ten carácter rotatorio e que por vez primeira recaía en dúas mulleres.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) programa os vindeiros días na Coruña dúas sesións dedicadas a Picadillo, pseudónimo de Manuel María Puga y Parga, popular gastrónomo que fora alcalde da Coruña en 1914 e 1917. A filmoteca galega contribúe deste xeito á celebración do seu centenario coa estrea do documental sobre a súa figura.
-
A Deputación de Ourense inaugurou no centro cultural "Marcos Valcárcel" a exposición "Arte privada en Ourense", unha mostra única que reúne por primeira vez obras de destacados artistas europeos dos séculos XVI ao XX, que pon en valor o prestixio do coleccionismo ourensán, a través de importantes figuras do retrato, a paisaxe, o costumismo e a vangarda.
-
Os autónomos e empresas illadas en zonas do rural galego que estean interesados nas axudas para a dotación de banda larga ultrarrápida teñen un mes para poder realizar a súa solicitude. Os interesados poderán presentar solicitude de forma individual, e como novidade desta convocatoria tamén o poderán facer en agrupación de empresas.
-
​A explanada da Fábrica de Tabacos albergará dende o mes de decembro unha instalación temporal, denominada Tribuna Pública, un espazo aberto para a participación, a exhibición e o intercambio de iniciativas artísticas, culturais e sociais sobre os terreos dos portos interiores da cidade e os seus futuros usos.
-
O Concello de Ourense vén de presentar a súa programación de Nadal, que este ano contará con máis de 400 propostas culturais, deportivas, de lecer e solidarias para que ninguén quede na casa, e aposta por actividades diarias para todos os públicos, converter as rúas nunha festa e chegar a todos os barrios da cidade. O acendido das luces de Nadal terá lugar o mércores a partir das 19:00 horas cun espectáculo na Praza Maior.
-
Tivo lugar a gala de entrega de premios da novena edición do certame OUFF Escola, no que este ano participaron 102 traballos de toda Galicia. O OUFF Escola é un evento organizado polo Concello de Ourense, ao abeiro do Festival de Cine de Ourense, e ten como obxectivo impulsar o uso do galego, coñecer a visión da infancia e da xuventude sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual.