Notas
-
A USC acolle ata o vindeiro sábado 19, a fase estatal da I Olimpíada Científica Xuvenil Española, certame destinado a fomentar e definir vocacións científicas. Esta é a terceira vez, en máis de medio século de historia das olimpíadas científicas en España, en que a capital galega acolle a final estatal dun destes eventos. O acto de clausura e entrega de premios celebrarase no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o vindeiro sábado 19 de outubro.
-
Dende este venres ata o 27 de outubro, 50 establecementos hostaleiros de 23 concellos da provincia introducirán pratos con estes produtos acompañados de pan e galletas Daveiga, viño DO Ribeira Sacra e licores. A iniciativa busca fomentar o turismo gastronómico e dinamizar o sector servizos visibilizando a excelente calidade culinaria da provincia.
-
Ao longo de cinco días AMAL ofrecerá nove proxeccións no Teatro Principal de Santiago, entre as que se inclúen tanto cintas de ficción como documentais. No marco deste último xénero, na sesión inaugural do ciclo estrearase La gente empieza aquí, de Joseba Sanz. Tras o filme, haberá unha charla coloquio con Jesús Núñez Villaverde, codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH).
-
‘Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema’ é unha aproximación fílmica ao tratamento da inclusión e da discapacidade do cine. Seis sesións, dúas cidades e tres películas nas que se aborda, desde diferentes puntos de vista, o dano cerebral adquirido. Todas as proxeccións comezan co pase dun vídeo elaborado por FEGADACE e o ilustrador Miguel Gallardo, ‘O mundo púxose ao revés’, e rematan cunha sesión de debate sobre a relación entre a película e o tratamento que fai da discapacidade.
-
O vindeiro 15 de outubro, inaugurase na Fundación Eugenio Granell unha exposición de retratos realizados polo artista surrealista, 'Homenaxe a Amparo. Retratos de compañeiros no exilio e outros'. A exposición iniciase na Sala Amparo do segundo andar do Museo Granell. O pintor, autodidacta, mostra que non só triunfou no surrealismo senón que, igualmente, tiña un ollo incríble a hora de retratar a Amparo, a súa musa, así como a varios dos seus amigos do exilio.
-
Comeza unha nova Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e faino coa obra de Valle-Inclán 'Divinas palabras', adaptada e dirixida por José Carlos Plaza, e cun elenco conformado por María Adánez, Ana Marzoa, Javier Bermejo, Alberto Berzal, María Heredia, Chema León ou Diana Palazón, entre outros. O texto é a culminación do ciclo mítico de Valle-Inclán cunha estética moi próxima aos esperpentos.
-
O pròximo 18 de outubro, a Sociedade Filarmónica de Lugo dará comezo á que será a súa tempada de concertos número 73; tempadas que veñen sucedendo de forma ininterrompida desde o ano 1947, alcanzando xa nesta os 700 concertos cos máis recoñecidos músicos e agrupacións de todo o mundo. Doce concertos programados de outubro a maio con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila traerán á nosa cidade a mellor música.
-
O vindeiro mércores, 9 de outubro, ás 20 horas terá lugar a presentación do libro Co pai, un conxunto de lembranzas que o autor de Mermorias dun neno labrego deixou escritas antes do seu pasamento, acontecido en 2015, nas que rememora experiencias, traballos e reflexións artelladas arredor da figura do seu pai. Trátase dun libro de carácter memorialístico, do que cómpre salientar a singular prosa poética do seu autor.
-
O sábado 26 no Casa da Cultura do Concello de Vilalba, a Irmandade Manuel María e a Asoc C. Xermolos, organizan o acto de nomeamento de #ChairegoDeHonra 2019 a Iago Santalla. Intervirán Alfonso Blanco Torrado, Xulio Cuba, Manuel Rivero, Ricardo P. Santalla, Baldomero Iglesias (Mero), Xulio Xiz e o propio Iago Pérez Santalla, nun acto presentado por David Otero Fernandez.
-
A Cidade da Cultura explorará con arquitectos internacionais como mellorar o benestar da cativada e rapazada en centros de ensino, espazos públicos e cidades. Para iso, acollerá en novembro 'V Playgrounds. Encontro Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Xuventude', no que afondarán nestas cuestións, a través dun total de nove charlas e vinte obradoiros.