Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Notas

  • Máis de 30 grupos de oito países e oito comunidades autónomas conforman a edición máis concorrida e tamén a máis internacional nos 20 anos de historia do concurso de novos talentos da música Celta. O interese por darse a coñecer no Festival de Ortigueira cara á celebración en 2021 creceu notablemente pese a non celebrarse o Festival este verán e as dificultades de reunión e gravación propias do confinamento, máis ao contrario; un total de 35 grupos enviaron a súa candidatura a ser un dos 3 finalistas.
  • A Cidade da Cultura pon en marcha a 'Escoliña de Merlíns e Morganas', un campamento de maxia virtual dirixido á cativada de entre 8 a 12 anos e impartido por Pedro Volta, un dos ilusionistas galegos máis internacionais. A formación e inscrición será por quendas semanais, entre o 22 de xuño e o 18 de xullo, con tres días de aprendizaxe por internet que se completará cun encontro presencial os sábados no Gaiás para pór en común todo o aprendido.
  • A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas confirmou hoxe a súa 37ª edición, que terá lugar na vila pontevedresa do 9 ao 18 de xullo coas actuacións de 10 compañías escénicas galegas, seis chegadas doutras procedencias e diferentes actividades de difusión e formación arredor da compoñente máis lúdica e social do teatro. A Mostra, organizada desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, cumpre deste xeito o seu encontro anual co público e faino cun aprazamento de varias semanas das súas datas habituais.
  • A Xunta de Galicia recoñece o labor dos concellos galegos para manter a nosa Comunidade como a autonomía española nunha das primeiras posicións co maior número de bandeiras azuis en 2020. Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 107 (ao igual que en 2019); e que se eleva a 133 distincións sumando os distintivos ás praias, portos deportivos, aulas e centros da natureza.
  • A Rede Galega de Teatros e Auditorios recupera o venres a actividade escénica da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto profesional de distribución de espectáculos que impulsa e cofinancia en escenarios de 40 concellos galegos. A representación ás 18,00 h. no Centro Cultural e Xuvenil de Muros de Carabela, a cargo de Galeatro Producións Escénicas, será a primeira en atoparse de novo co público, á que seguirán este mesmo mes outras cinco funcións reprogramadas no Teatro Rosalía Castro da Coruña a patir do día 19.
  • A Cidade da Cultura pecha este sábado coa premiada escritora Ledicia Costas o Club das Lerchiñas, ciclo de contacontos en liña –da campaña de lecer e formación #aculturasegue– dirixido ás familias e que ata agora emitiu catro sesións nas redes sociais do Gaiás (Facebook, Instagram, Twitter e Youtube) coas historias relatadas por María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer e Paula Carballeira. O Club das lerchiñas botou a andar o pasado 9 de maio.
  • O Museo Centro Gaiás acollerá o próximo mes de outubro Galicia, de Nós a nós, a segunda exposición do Xacobeo 2021 centrada no centenario da publicación da revista Nós e no legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron co seu labor, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.
  • O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, visitaron hoxe a mostra Blanquísima su presencia, do pintor, debuxante, escultor e serígrafo Nelson Villalobos, instalada no Museo do Mar de Galicia. A exposición que permanecerá aberta ao público desde mañá e ata o 29 de xuño, conta con 62 obras do artista, pertencente á chamada Xeración dos 80 en Cuba.
  • Os retos do sector musical no contexto actual, e concretamente no eido da música clásica, será o tema a tratar nun novo encontro virtual dos Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19. A sesión, que terá lugar este venres 29 de maio, contará coa participación do ensaísta e crítico musical Juan Ángel Vela del Campo, e da directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte.
  • O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, solicitou ao Ministerio de Sanidade a posibilidade de que os concellos galegos que así o consideren, poidan establecer dous aforos nas praias, en función da baixamar e a preamar. Almuiña remitiu unha carta ao Ministro de Sanidade, Salvador Illa, na que refiere as características das praias e os areais galegos, con grandes diferencias entre preamar e baixamar.